Infraestruturas para a crise?

Toma posesión un novo goberno e, no que xa se converteu nun ritual establecido, anunciase o correspondente plan de infraestruturas, por suposto coa finalidade de impulsar o desenvolvemento económico e corrixir o “déficit” que disque temos na materia.

Nos últimos 12 anos presentáronse entre a administración estatal e a autonómica 6  planos de infraestruturas distintos, En 1999, con Álvarez Cascos de Ministro de transporte, aprobouse o Plan de Infraestruturas e Transportes 2000-2007 (PIT). Tralo Prestige, Aznar sacou da manga o Plan Galicia enchendo o país de valados anunciando obras por valor de 5.200 millóns de euros. Chegou o 2004 e a administración de Zapatero presenta entre fanfarras e trompetas o Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte (PEIT). Co bipartito na Xunta, (ano 2008) preséntase o Plano Director de Estradas de Galicia (PDEG) con investimentos de 16.000 millóns de € . No 2009 Feijoo lanza o seu Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica de Galicia 2010-2015 (MOVE) anunciando 3,600 millóns de euros. Ana Pastor, cumprindo coa liturxia ven de presentar o seu  Plan de Infraestruturas, Transportes e Vivenda 2012/2024 (PITVI)1, coa abraiante cifra de 225.000 millóns de euros dos que máis de 5.000 van para obras galegas como a autovía Lugo-Ourense, Barreiros-San Cibrao, Lugo-Santiago, a do Cantábrico, AVE a Madrid, etc... e sempre coa escusa do “aumento da calidade de vida da cidadanía e o aumento da produtividade económica” en palabras da ministra.

Mais as cifras son teimudas e indican que Galiza, en canto a estradas, conta actualmente con 1.000 km de vías de alta capacidade segundo datos da propia Consellería de Política Territorial, dato que a sitúa, con 34 km/1000 km2 por encima da media europea que é de 15,9 km/1.000 km2 e ao mesmo nivel que Francia2. Se temos en conta a variable de poboación debemos de estar primeiros con diferenza.

Como é posible, xa que logo, que con tanto fomento da produtividade económica que disque supoñen as infraestruturas de transporte teñamos as cifras de paro e macroeconómicas que temos? Porque vivimos presas dun mito alimentado reiterada e artificialmente polos medios de comunicación, as grandes empresas e as administracións públicas conforme as grandes infraestruturas de transporte xeran riqueza, postos de traballo e grandes beneficios “per se”para a sociedade.

A realidade é ben distinta como comprobamos no noso país. As grandes infraestruturas de transporte, a partir dun certo limiar, non aportan eses beneficios, máis ben ao contrario. Un dos informes ao respecto máis coñecido é o SACTRA3. Este panel de expertos británicos conclúe que non hai beneficio automático na construción de infraestruturas, se hai beneficio adoita concentrarse no extremo máis desenvolvido da infraestrutura, destrúe as economías locais e promove a centralización nas grandes urbes. Se temos algunha dúbida só temos que percorrer a N-6 no seu treito A Coruña – Pedrafita e ollar como quedaron os pobos e vilas ao seu carón tras inaugurar a A-6.

Unha cousa si é certa, temos carencias en infraestruturas, e carencias serias. Non contamos cunha rede ferroviaria de proximidade que atenda as necesidades reais do 90% da poboación, carecemos de planos de transporte sostible que fomenten os modos de transporte non contaminante e o transporte público colectivo, carecemos dunha planificación territorial integral que contemple a creación de proximidade como o valor esencial e carecemos de gobernantes co suficiente sentido común, independencia e vontade política para realizalos.

Pero iso si, os primeiros da clase en infraestruturas aínda que sexamos os últimos en protección social, educación e sanidade. O importante é o importante.

 

(1) http://www.lamoncloa.gob.es/ServiciosdePrensa/NotasPrensa/MFOM/2012/090212-infraestructuras.htm

(2) Plan Estratégico de Infraestructuras y Transportes. (PEIT). Ministerio de Fomento. http://peit.cedex.es/documentos.htm

(3) Transport and the economy. SACTRA (Standing Advisory Committee on Trunk Road Assessment). http:/dft.gov.uk/stellent/groups/dft_econappr/documents/pdf/dft_econappr_pdf_022512.pdf

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.