Todos os pais pensan que os seus fillos son os nenos máis intelixentes e talentosos do mundo. E non ten nada de malo pensar así! A irmá da miña parella, por exemplo, ten un fillo de 6 anos que é moi sensíbel e especial. O outro día alguén lle expuxo a ese picariño a seguinte pregunta: “No teu colexio hai rapaciños doutros países?”. E o cativo contestou: “Como vai haber nenos doutros países? Se os houbese, chegarían tarde...”. Certamente a persoa que preguntaba desexaba saber se tiña compañeiros inmigrantes e o agudo meniño entendeu, con moi bo criterio, que os nenos que van á súa clase son todos de aquí sexan chineses, africanos ou americanos.
“No teu colexio hai rapaciños doutros países?”. E o cativo contestou: “Como vai haber nenos doutros países? Se os houbese, chegarían tarde...”
Todos sabemos que a inmigración se basea na entrada nun país de persoas nadas ou procedentes doutro lugar. Os datos máis recentes indican que a UE foxe do debate migratorio por medo ás urnas. Opino que estamos perante un asunto de grande importancia e iso porque a chegada masiva de inmigrantes sen papeis a Europa triplicouse nun ano. O número de persoas detectadas nas fronteiras de xeito irregular ascendeu a 42.000 entre xaneiro e abril de 2014. Centos de inmigrantes procedentes de África, América e Oriente Próximo chaman ás portas de Europa na procura dun futuro mellor.
Entrementres que fai a Unión Europea? Reforzar as súas portas de entrada, pero as turbulencias do exterior volven practicamente insignificantes os intentos por conter ese éxodo
E entrementres que fai a Unión Europea? Reforzar as súas portas de entrada, pero as turbulencias do exterior volven practicamente insignificantes os intentos por conter ese éxodo. Opino que os esforzos por blindar as fronteiras son empeños absolutamente inútiles. A única solución real, e a longo prazo realmente efectiva, sería a cooperación cos países de procedencia dos continxentes de inmigrantes. Un poderoso investimento en proxectos de desenvolvemento e unha decidida cooperación internacional que favorecese a democratización e a progresiva industrialización destes países sería a única solución verdadeira que faría que as persoas non abandonasen as súas casas, as súas familias e embarcasen en tan perigosas travesías cara a ese espellismo que ven no paraíso Europeo.
Temos que esixirlles aos nosos gobernantes unha cooperación real con estes países. Debemos conseguir unha integración absoluta destes novos cidadáns
Temos que esixirlles aos nosos gobernantes unha cooperación real con estes países. Debemos conseguir unha integración absoluta destes novos cidadáns. Isto melloraría a convivencia. A inmigración non é a responsábel da precariedade laboral, da delincuencia, dos colapsos sanitarios... Eses problemas son responsabilidade dos nosos gobernantes que teñen que adecuar os servizos públicos ás demandas reais da cidadanía.