Innovación ao servizo do desenvolvemento sostible

Día Mundial da Creatividade e a Innovación Dominio Público

O 21 de abril conmemórase o Día Mundial da Creatividade e a Innovación, unha efeméride que adoita pasar desapercibida pero que fai referencia a dúas cuestións clave para favorecer o desenvolvemento económico e facelo ademais de maneira respectuosa coas persoas e co medio. Sabémolo ben en San Cibrao das Viñas, un pequeno municipio do rural ourensán que, no entanto, alberga un gran centro de talento e crecemento como é o Parque Tecnolóxico de Galicia, tamén coñecido como Tecnópole.

A tecnoloxía permite atopar solucións a problemas ambientais e económicos, mentres que o acceso ás TIC e a internet debe ser igualitario 

Este conxunto de infraestruturas, espazos, recursos, capacidades e servizos está destinado a empresas, persoas emprendedoras e proxectos que empregan a innovación e o coñecemento como vías para medrar. Porén, hoxe en día calquera iniciativa neste senso ha de combinarse cunha visión global, en sintonía cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos polas Nacións Unidas e que pretenden rematar coa pobreza no ano 2030. O ODS 9 fai referencia, precisamente, a construír infraestruturas resilientes, promover a industrialización inclusiva e sustentable e fomentar a innovación.

Quere isto dicir que a innovación, así como as infraestruturas modernas e accesibles e mais as industrias sostibles que crean emprego, resultan fundamentais para o desenvolvemento. A tecnoloxía permite atopar solucións a problemas ambientais e económicos, mentres que o acceso ás TIC e a internet debe ser igualitario para promover o coñecemento e o emprendemento, tamén nos países menos adiantados. Nestas zonas empobrecidas colabora precisamente o Concello de San Cibrao a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que conta cun cento de administracións locais socias e que xa ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, moitos deles cunha compoñente tecnolóxica importante.

Os municipios, independentemente do tamaño, temos moito que dicir

Á par desta cooperación internacional, o Fondo Galego promove numerosas actividades dirixidas á cidadanía galega para concienciar sobre as desigualdades Norte-Sur. Entre elas, o novo espectáculo da compañía A Tropa de Trapo, que leva por título ‘Catro monos’ e que acolleremos en San Cibrao das Viñas en próximas datas. A proposta combina narración oral, música ao vivo e teatro de obxectos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para pensar, para rir, para cantar e para soñar con outro mundo posible. A obra dálle a volta aos emoticonos dos monos que non escoitan, non ven e non falan para que fagan todo o contrario en catro historias, que nos levan a convivir coas mulleres dunha aldea, con habitantes do Sáhara, etc. Todo, unha vez máis, cunha innovadora e atraente posta en escena, onde forma e contido se complementan para reforzar a mensaxe. 

Sensibilización e cooperación, creatividade e inclusión, tecnoloxía e sustentabilidade. Caras da mesma moeda nas que os municipios, independentemente do tamaño, temos moito que dicir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.