Irán, a última xoia do imperio persa

Unha rúa de Irán © Moncho Iglesias Míguez

O Irán do século XXI herdou a grandeza do imperio persa, para logo conservala de xeito hermético entre as cordilleiras da primeira teocracia constitucional establecida no mundo. Os seus 80 millóns de habitantes son sucesores dese emporio composto por migracións, invasións e rutas comerciais que conseguiron unificar culturas diversas baixo unha mesma bandeira. A República Islámica de Irán é o colofón a un período glorioso de preto de tres mil anos e que chegou ao seu estado actual tras unha revolución conservadora, que deu comezo no ano 1979, e que a día de hoxe segue a contar con partidarios e detractores. Isto é así porque a república naceu de ideais persas, islámicos e occidentais que crearon unha identidade mixta e confusa na procura dunha definición de si mesma.

A república naceu de ideais persas, islámicos e occidentais que crearon unha identidade mixta e confusa na procura dunha definición de si mesma

A situación xeográfica do país, entre Europa e Asia, como cruce de camiños e intereses para mercadores e conquistadores, propiciou o seu apoxeo político, económico e cultural. Ferdosi, Hafez e Rumi son algúns dos nomes dos poetas persas máis sobranceiros, honrados de tal xeito que os seus versos son memorizados e as súas tumbas mausoleos onde é posible gozar do arrecendo da súa lírica. Dunha beira, Hafez (1324-1389), o poeta do amor, descansa nuns xardíns na cidade de Shiraz, no sur do país, onde centos de visitantes pasean a diario ao ritmo da música melodiosa que envolve a cadencia dos recitadores esporádicos que se xuntan ao redor dos restos do vate. Noutra beira, Ferdosi (940-1025), heroe nacional, pois conseguiu revitalizar a lingua persa grazas á súa poesía épica, amais de deixar por escrito a historia do seu pobo; este está enterrado nunha aldea do Norte, Tus, no xardín do que fora a súa casa.

Vista xeral dunha cidade iraniana © Moncho Iglesias Míguez

A riqueza literaria de antano pasou o testemuño a novas xeracións, que non só souberon cultivar a lírica e a narrativa, senón tamén outras artes. Neste sentido, cómpre mencionar a música, que adoita entrelazar a poesía clásica co ritmo tradicional do nay -frauta- e o tar –instrumento de corda-, á vez que permite que xurdan novas propostas. Vale de exemplo a banda Molaviyeh, que chegou a triunfar en América e que recupera o misticismo sufí de Rumi (1207-1273), creador da orde dos dervixes xiróvagos –unha practica de meditación que consiste en dar voltas sobre un mesmo. E no anonimato, fronte os trobadores das bocas de metro e prazas públicas occidentais, cidades como Isfahán, no centro do país, aglomeran novas voces entre os arcos das pontes que atravesan o río Zayandeh. Nos descansos entre os piares desas construcións pódese tamén descubrir a influencia da música nas roupas: vestimentas longas para os rapeiros, camisetas axustadas para os heavies, pantalóns cinguidos para os rockeiros e cores no pelo, que as rapazas maquillan de xeito que sexa visible por baixo do obrigatorio veo.

A obrigatoriedade é unha das características máis salientables do país e, quizais, a máis exportada. Con todo, o concepto de liberdade parece ter a súa orixe na Persia de Ciro o Grande, durante o século VI a.C. Ciro liberou os xudeus da opresión babilonia e entregoulles cartos para construíren o templo de Xerusalén, demostrando así a tolerancia relixiosa que perdura no século XXI, porque a república islámica de Irán protexe a membros doutras minorías relixiosas, como zoroástricos, cristiáns ou xudeus. Non obstante, fronte a estes datos, é necesario destacar que o bahismo, que naceu no Irán de hai dous séculos, os preto de medio millón de bahaístas que viven no país sofren a discriminación dunha fe declarada ilegal e considerada herética.

© Moncho Iglesias Míguez

O cilindro de Ciro, un rolo de barro que contén inscricións nun alfabeto cuneiforme e que se conserva no Museo Británico de Londres, amosa esa liberdade de expresión do mundo persa. O cilindro pode considerarse a primeira declaración de intencións, en favor dos dereitos humanos, ao prohibir a escravitude e o roubo, e protexer as diferentes etnias e relixións. Pero os detractores do réxime iraniano apuntan á degradación da muller como un dos principais síntomas do atraso do país, que impón leis vexatorias. O feito de que unha moza teña que cubrir a cabeza en público chama a atención dos defensores dos dereitos humanos, mentres moitas iranianas aceptan estas regras culturais como parte inseparable da súa forma de ser e vivir. 

Maryam Haghroosta, profesora da Universidade de Teherán, afirma levar o veo por unha cuestión persoal e relixiosa, e non por unha imposición; por iso nunca descubriu a cabeza durante os catro anos que viviu en Cuba, onde se doutorou, e onde puido optar por poñelo ou non. Igual que ela, para moitas musulmás, o veo non só é un sinal de identidade e respecto, senón unha forma de vestir, tan válida como calquera outra. Marjane Satrapi, autora da novela gráfica Persépole, está no polo oposto, xa que dende pequena, como reflicte no cómic, cuestionouse certas regras de comportamento que a atraparon nunha sociedade para ela represora.

© Moncho Iglesias Míguez
© Moncho Iglesias Míguez

As innovacións iranianas non só se adscriben á protección da súa sociedade, senón tamén a certos inventos e descubrimentos. Dentro do primeiro caso está o sistema de ventilación da cidade de Yazd, no centro do país. Os bagdirs, torres de vento, son construcións de adobe que, nas partes altas das casas, son capaces de reter a brisa máis lixeira e dirixila cara aos compartimentos inferiores. En canto a descubrimentos, no século XII o físico Avicena foi quen de descubrir a vea aorta e a tuberculose como enfermidade contaxiosa e no IX o astrónomo Al-Khwarizmi introduciu os actuais números arábigos amais de facer importantes avances nas matemáticas.

No tema deportivo, o fútbol é un fenómeno social que ofuscou outras prácticas deportivas tradicionais e propias, como o zurkhaneh. O zurkhaneh é un combinado de deporte, teatro e relixión que se practica en ximnasios e cuxos competidores son vistos como heroes nacionais. O xogo comeza cuns cánticos e declamacións poéticas, aos que seguen unha serie de rituais onde os atletas mostran a súa forza levantando distintos pesos que elevan co ritmo da música. A poesía sufí acompaña os toques de tambor e envolve os movementos, o que fai que o espectáculo dun xogo sexa difícil de encadrar entre unha modalidade deportiva ou unha representación teatral.

Tamén único en Irán é a celebración do Ano Novo, o Nowruz, ao comezo da primavera, e outras festividades propias relacionadas coa vitoria da república islámica ou a morte do Aiatollah Khomeini. Dentro desa unicidade, cómpre salientar que Irán é un dos países onde máis refuxiados viven e onde máis se usa Internet. Ao mesmo tempo, é o berce dunha das relixións máis antigas, o zoroastrismo, a fe dominante no país ata a chegada do Islam, e que profesa ideas que parece que influíron nas tres grandes relixións monoteístas; ideas como a da resurrección, a do xuízo final ou a da diferenza entre o ceo e o inferno.

© Moncho Iglesias Míguez
© Moncho Iglesias Míguez

Irán é un país moderno absorbido por tradicións milenarias. A unión desa diversidade provoca un encontro afable para o estranxeiro, que pode sorprenderse coa carencia de violencia

Se os inventos de outrora conseguiron ampliar o coñecemento humano, ao estenderse polo mundo, cidades como Persépole, no sur, constitúen verdadeiros museos ao aire libre, á vez que manuais de arte e historia. Outro exemplo é Mashad, no nordeste, que conserva unha das pezas máis importantes para os musulmáns xiítas –a maioría iraniana. Alí está enterrado o Imán Reza, descendente directo do profeta Mahoma, dentro dun esplendoroso complexo sagrado que forma un dos centros de peregrinación máis importantes do mundo.

En definitiva, Irán é un país moderno absorbido por tradicións milenarias. A unión desa diversidade provoca un encontro afable para o estranxeiro, que pode sorprenderse coa carencia de violencia. Alén diso están os misterios e segredos que sempre agroman dos máis novos ou as contradicións da historia, encargada de facer que loiten entre eles pasado e futuro. Tamén, as diferentes opinións sobre a laicidade ou sobre o enriquecemento do uranio, sobre o exterior ou sobre o esplendor sempre candente da súa cultura, presente en todos lados e, sobre todo, nas grandes cidades, onde os edificios parecen arquipélagos nun deserto repleto de montañas e xardíns.

© Moncho Iglesias Míguez
© Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.