Irresponsabilidade

Plantación de eucaliptos © The Navigator Company

Entre outras moitas cuestións, debido á desigualdade de forzas entre os diferentes interlocutores, asistimos dende hai décadas a un debate bastante absurdo. Trátase do mal chamado modelo forestal. En realidade, política ambiental, territorial, cultural, social e económica. 

Hai toneladas de información e coñecementos a disposición de quen queira entrar no debate, tamén toneladas de desinformación, sesgo e, sobre todo conflito de intereses. Por iso non vou repetir, e repetirme, argumentos xa coñecidos, salvo facer unha chamada á responsabilidade por dúas razóns moi concretas: precipitacións e enerxía.  

O Observatorio da Sustentabilidade ven de emitir un informe sobre as precipitacións en España nos, practicamente, últimos 40 anos e se ben no conxunto non se observa unha diminución ou unha tendencia clara sobre o volume de precipitación, se nos paramos a mirar detalles hai algunhas cousas importantes a ter en conta. Unha delas é que en boa parte de Galicia diminuíu significativamente a precipitación e faino ademais de xeito acusado no período estival. A previsión é que para o 2050 as precipitacións en boa parte de Galicia pasarán a ser a metade. A política forestal ditada dende grupos de interese obviamente non ten en conta, ou tanto lle da, este tipo de información sobre o futuro inmediato. A plantación masiva e continua de eucaliptos en boa parte do país diminúe, como xa se coñece, a auga circulante e fai que se agraven os problemas de torrencialidade. Sería paradoxal ter restricións de auga para usos domésticos, agrícolas, industriais e, xa non digamos, para o mantemento dos ecosistemas nun futuro -insisto, inmediato- para alimentar á ditadura do eucalipto.  

Sendo isto un drama, aínda pode ser peor. Plantar especies pirófitas ten o risco de que, efectivamente arden. Moitas persoas temos explicado unha obviedade, que para que arda o monte teñen que coincidir diferentes factores: combustible, humidade, ignición e meteoroloxía ou, se queremos simplificalo, debe haber algo que dispare o incendio, condicións apropiadas e combustible. Quen marca a política forestal -ou se deixa marcar- so lles preocupa a primeira parte, a ignición, é dicir, o famoso debate se é provocado ou non. Dos outros elementos nada din porque saben que vai na contra da súa perversa lóxica economicista e curtopracista. Pois ben, quere isto dicir que os incendios nas próximas décadas serán máis frecuentes e de magnitudes descoñecidas de persistir nesta política. De feito tanto en Galiza como en Portugal xa estamos a experimentalo, como tamén están a facelo traxicamente en territorios con condicións similares como California ou Chile. O feito de que o combustible estea plantado de xeito continuo fará que nas próximas décadas Galiza arda sen que haxa posibilidades reais de intervir, por moito que nos centremos na parte de quen mete o lume, é dicir en cuestións policiais e sociais. É máis,  cada ano de tregua en canto a lumes será máis combustible para as seguintes tempadas. Nas consecuencias tampouco vou entrar porque xa tamén son máis que coñecidas.  

A segunda cuestión é a enerxía. Boa parte da cidadanía non escoitou falar, conscientemente, do teito do petróleo ou "peak oil" mais as campás que o anuncian si se escoitan. Un día é en forma de que hai que prohibir o diesel, outro que se secuestra un petroleiro ou se invade un país polas súas "reservas", outro que se se pode obter petróleo non convencional por técnicas ruinosas como o fracking… Moitos investigadores tenden a ofrecer datas concretas e é todo tan complexo que realmente ofrecelas é un exercicio arriscado. Pero o teito do petróleo convencional xa foi a finais da década pasada. Comento todo isto porque quizais os xestores non teñan caido na conta de que os lumes se apagan con petróleo. E dicir, inxentes cantidades de combustible para medios terrestres e, sobre todo, medios aéreos. Non podemos polo tanto afirmar con ledicia ou indolencia que nas próximas décadas teremos disponibilidade enerxética suficiente para afrontar o feito de apagar lumes, particularmente con medios aéreos. Engado, ademais, que son medios públicos e creo que non está na axenda a liberalización das externalidades negativas das políticas proteccionistas sobre piñeiros e eucaliptos do modelo forestal actual. Como é frecuente, drenamos cartos públicos para negocios privados sen un mínimo debate. Engado que os eucaliptos e piñeiros procésanse a nivel industrial tamén con petróleo así que o escenario próximo é que van quedar no monte no canto de ter natureza e terras de cultivo para alimentar á poboación que, forzosamente pola mesma razón terá que consumir en distancias moi curtas. 

O cóctel do futuro inmediato é dun risco extremo, a realidade inmediata é absolutamente tráxica e preguntarémonos asombrados como puidemos chegar a este punto. Insisto, nas próximas décadas, cando o actual presidente da Xunta, por poñer un exemplo coñecido, aínda poida contemplar o froito dos seus desvelos. Unha sociedade un pouco máis consciente e responsable estaría aterrorizada desas masas continuas de piñeiros, eucaliptos e acacias inflamables e inapagables e faría da súa diminución e fragmentación unha cuestión de estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.