De onde nace esa crueldade? Da ficción? Do desquite? Do trauma colectivo do Holocausto?
Hai uns días lin na prensa que Israel está construíndo un corredor da morte para palestinos condenados á morte, con palco de espectadores. O ministro de Seguridade Nacional, Itamar Ben Gvir, impulsa a creación dunha sala de execucións cunha área de observación acristalada a partir da cal os familiares das vítimas dos atentados poderán presenciar os aforcamentos.
Fiquei espantado. Fechei o computador e non quixen ler máis a noticia. A realidade supera a ficción, a pesar de ser unha frase certamente viciada. Alén do evidente —como os descendentes dos xudeus do Holocausto poden acometer estas atrocidades sen tremerlles o pulso?—, ningún filme pode superar a crueza destas decisións salvaxes que se amorean á montaña de cranios e ósos en que se converteu Gaza. Como un pobo, un país no fin de contas, pode escribir a súa historia colectiva exterminando sistematicamente a existencia doutro? Cantas máis persoas teñen que matar, da peor forma posíbel, para que a suposta seguridade do seu Estado non se vexa comprometida?
De onde nace esa crueldade? Da ficción? Do desquite? Do trauma colectivo do Holocausto? Quen sabe. Talvez duns dirixentes que aprenderon ben da propaganda nazi, da busca dun culpábel unitario, da animalización dos inimigos, do adoutrinamento para chegaren a unha fin común. Margaret Atwood escribiu O conto da criada e quedou curta con esta noticia do 19 de agosto de 2026. A serie homónima —máis desenvolvida na trama e, por tanto, máis explícita na violencia física— tamén quedou curta, sen dúbida. Fanse 90 anos da nosa Guerra Civil e a morte asañada parece ser aínda a única solución a todo. De aquí a 2029, cando tamén se fagan 90 anos do comezo da Segunda Guerra Mundial, pasarán moitas cousas que hoxe veriamos imposíbeis. Falo de guerras, secas, catástrofes medioambientais, se callar unha crise económica..., mais non falo de paz. En Palestina vivirán cada vez menos persoas. Gaza deixará de ser territorio palestino. Acontecerá o mesmo con Cisxordania, mais non quero nin debo pór unha data aproximada. Prefiro ter esperanza.
Tamén unha íntima amiga miña me mandou un reels que relataba a construción do ditoso corredor da morte en Israel. Non quixen ver moito o vídeo. Ela comparouno coa miña primeira novela O país dos raposos (2022), unha distopía inspirada nos libros de Margaret Atwood que relata a historia dun país onde se subleva un grupo terrorista que utiliza o raposo como o estandarte da súa causa.
Coloco un exemplar de O país dos raposos nas miñas mans e volvo a sentir a carraxe con que o escribín para combater a ansia da violencia. Nun dos capítulos, o que relata un Grande Espectáculo nunha antiga praza de touros, a presidenta sublevada manda torturar e asasinar dezasete persoas. Primeiro córtaselles a man dereita, despois bótaselles gasolina para prenderlles lume vivas e finalmente son aforcadas mentres “as gradas non cesaban de desprender un enxordecedor barullo” (p. 93). Cando escribín esta escena quixen exaxerala ao máximo de tal xeito que non puidese ser verosímil, mais vexo que novamente a realidade supera a ficción. Israel supera a miña ficción.
Quero pensar que alguén parará esta tolemia. As personaxes do meu libro repetían como papagaios “o raposo vencerá!” erguendo o brazo cando exercían a violencia. Pasará tamén en Israel? Descubrirán as caretas os gobernantes israelitas nalgún momento ou continuarán finxindo que o que fan non se diferencia en nada do que fixeron os nazis noutro tempo? Crearán un novo saúdo romano e falaremos do “saúdo israelita”?
Se ergueren o brazo, non mo contedes. Non quero sabelo.