Hai un par de semanas pasei uns días en Madrid. Atravesar dende Callao á Porta do Sol sen ser parado por un comercial dunha ONGD faise realmente difícil. E non é un fenómeno madrileño, o mesmo acontece se tratamos de cruzar Príncipe en Vigo, a rúa Real na Coruña ou pasamos polo Franco en Santiago.
Refuxiados, nenos en situación de abandono, o évola, a fame no mundo, todo tipo de conflitos e as súas consecuencias.... todo iso forma parte dos reclamos “solidarios” de diversas ONGD na procura de fondos: Plan Internacional, España con ACNUR, Médicos Sen Fronteiras, Aldeas Infantiles...
Posiblemente todos estes proxectos sexan apenas unhas pingas de auga no deserto. Pero o valor destas pingas, o saben aqueles que teñen vivido entre as comunidades empobrecidas, o aprecian quenes non teñen auga
Non podemos negar que as ONGDs precisan de fondos para realizar os seus proxectos. Ao fin e ao cabo unha das funcións que realizan é a transferencia de recursos económicos do Norte ao Sur. Precísanse cartos cos que erguer escolas, dispensarios, fomentar cooperativas agrarias, formar líderes comunitarios ou financiar actividades contra a discriminación en todas as súas formas. Posiblemente todos estes proxectos sexan apenas unhas pingas de auga no deserto. Pero o valor destas pingas, o saben aqueles que teñen vivido entre as comunidades empobrecidas, o aprecian quenes non teñen auga. É verdade que a transferencia de recursos é so unha forma de. caridade si non vai acompañada dunha política de presión política, no Sur e no Norte, a prol do cambio nas estruturas económicas. Cambio dun sistema que espolia os recursos do Sur e contribúe. ao mantemento de estruturas económicas inxustas e políticos despóticos que gobernan pensando nos intereses duns poucos (é nisto tampouco é que se diferencien tanto das sociedades que dicimos desenvolvidas, non?).
Abundan hoxe as ONGDs que recorren a agresivas campañas de captación de fondos. Primeiro foi co que chamaron marketing con causa, no que coa escusa da bondade do fin último, prestaban a súa imaxe a multinacionais ou daban cobertura a campañas de promoción do consumo de tabaco entre os mozos e mozas. Agora é co marketing telefónico ou a captación de “socios” na rúa. Dunha e doutra forma estas organización abandonan o cerne do traballo solidario. No que se asemellan unhas e outras é que mais que medios para contribuír á erradicación da pobreza no mundo, mais que medios para darlle voz aos sen voz, convertéronse nun fin en si mesmas. Os medios teñen acabado por darlle forma ao fin.
O Código de Conduta das ONG para o Desenvolvemento, aprobado en 1998 pola Coordinadora española de ONGD, modificado apenas hai un ano, sinala como una das características destas organizacións a seguinte:
“Ter unha vontade de cambio ou transformación social, participando activamente na mellora da sociedade mediante propostas favorecedoras dunhas relacións Norte-Sur máis xustas e equitativas que promovan a igualdade entre mulleres e homes como parte inherente e indispensable do proceso de desenvolvemento”.
Sufrimos unha volta á visión da cooperación para o desenvolvemento como unha acción de caridade, lonxe das teses mais avanzadas que nos falan de empoderamento, de compromisos compartidos e dun mundo común
Dá a impresión de que demasiadas ONGD teñen abandonado principios básicos, e que sufrimos unha volta á visión da cooperación para o desenvolvemento como unha acción de caridade, lonxe das teses mais avanzadas que nos falan de empoderamento, de compromisos compartidos e dun mundo común. Peor aínda: algunhas ONGD están xa no mesmo proceso polo que teñen pasado nas últimas décadas partidos políticos e sindicatos. Desgraciadamente sindicatos e partidos parecen ser hoxe exclusivamente un medio de vida para quenes os dirixen, e son os obxectivos de medre persoal dos dirixentes e a necesidade de procurarse un sustento, os criterios que contan ao elaborar políticas, liñas estratéxicas ou forxar alianzas... Non existe na meirande parte deles a mínima vontade de transformación social. No caso dos sindicatos maioritarios, os pingües beneficios que teñen obtido da xestión dos EREs ou os sobresoldos que se asignan son a máxima expresión da indecencia. Dos partidos do sistema é mellor nin falar. E eses non son os sendeiros polos que deberían transitar as ONGDs.
A solidariedade express dos comerciais na rúa non é verdadeira solidariedade, acaba por banalizar o traballo das ONGD, converten aos cidadáns dos países empobrecidos nun reclamo publicitario
Son dos que creen que o fin non xustifica calquera medio. Son dos que creen que os medios, moitas veces, danlle forma aos fins: os medios indecentes levan sempre a fins indecentes. A solidariedade express dos comerciais na rúa non é verdadeira solidariedade, acaba por banalizar o traballo das ONGD, converten aos cidadáns dos países empobrecidos nun reclamo publicitario. As organizacións que adoptan os medios que son propios das empresas de vendas de seguros, de tarxetas de crédito ou sectas, abandonaron, si é que algún día o tiveron, calquera intención de ser ferramentas de transformación social, calquera vestixio de que as súas accións foran palanca de cambio. Véndennos un anaco de caridade coa que sentirnos mellores persoas.
A carón destas organizacións están unhas poucas que manteñen como constante do seu traballo a verdadeira solidariedade apoiando a organizacións do Sur que pulan polo cambio social, que loitan contra as estruturas de opresión
A carón destas organizacións, á marxe do mercado da caridade de masas, están unhas poucas que manteñen como constante do seu traballo a verdadeira solidariedade apoiando a organizacións do Sur que pulan polo cambio social, que loitan contra as estruturas de opresión que existen e que cada día se fan mais fortes. En Galicia contamos con algunhas: Implicadas, Amarante... A estas pequenas organizacións incrementar a súa base social cústalle enormes esforzos... Sorprendentemente a xente da esquerda, persoas que noutros ámbitos pulan por organizacións que traballan arreo por causas sociais, á hora de apoiar unha ONGD apostan por aquelas que reproducen esquemas de traballo propios dos anos 50, moitas veces, con idearios profundamente conservadores.
A culpa é dunha sociedade adormecida, incapaz de reflexionar, incapaz de interiorizar que vivimos nun mundo global, e que a cooperación ao desenvolvemento é hoxe mais necesaria que nunca
Sigo o meu paseo polo centro de Madrid. Deixo atrás a unha comercial. Acabo de responderlle que teño presa, que non teño ese minuto que me pide. Escoito ás miñas costas: “¿De verdad no puedes dedicarle un minuto a los niños que pasan hambre?”. Non me paro, ese día non tiña gañas de discusión. A culpa, penso, non é dela. A culpa é dunhas organizacións que fan á xente traballar a comisión, traballadores precarios da solidariedade convertida en mercancía. A culpa é dunha sociedade adormecida, incapaz de reflexionar, incapaz de interiorizar que vivimos nun mundo global, e que a cooperación ao desenvolvemento é hoxe mais necesaria que nunca. Que a transformación das estruturas de explotación sen escrúpulos de persoas e de recursos naturais é unha condición para seguir existindo.
Na distancia escoito: “Que yo hablo muy deprisa, te lo cuento rápido”.