É dificilmente discutible que os ourensáns somos xente resignada, dos que adoitamos baixar a cabeza, por aquelo de non molestar, non vaia ser! Uns galegos de manual, deses que tan agudamente describiu Castelao, dos que non dubidamos en afirmar que chove cando, en realidade, están a mexar por nós. A situación podería resultar cómica se non fose polo feito de multiplicarmos azos para respectar escrupulosamente a diagnose que o intelectual rianxeiro realizou sobre a psique do pobo galaico, cando sinalaba que os indíxenas da nosa tribo preferimos emigrar a protestar. E deste xeito, sempre á vangarda do país –ou na retagarda, que tanto nos da– os nados en Auria estamos mesmo dispostos a que os nosos complexos e inseguridades terminen, paseniñamente pero irremediablemente, por baleirar a nosa entorna do máis querido dos tesouros, que non é outro que o elemento humano, as nosas xentes, as nosas mulleres e homes, nomeadamente xoves.
Os ourensáns facemos os experimentos con gasosa, que na capital sempre foi Troncoso pero que agora chámase Gonzalo Pérez Jácome, que é ese rapaz sen oficio nin beneficio que un sempre se atopa no bar pasando o tempo
Convencidos do irreversible das pragas que nos asolan, malia a multiplicidade de evidencias que descartan á fatalidade como responsable de tanto drama, rexeitamos a identificación dos danos con actores ou dinámicas concretas, vencellándoos cunha teleoloxía malvada fronte á cal nada se pode facer. “Goberne quen goberne, que carallo vai mudar? Que van facer para atallar a nosa negra sombra? Nada, imposible!” E así, sendo xente pragmática e refractaria ao movemento cara adiante, filosofía típica dos maiores, que aquí son maioría, descridos de toda promesa de mellora e pulo, apostamos polo malo coñecido, que son os nosos “caciques bos”, devidos en orgullo e elemento distintivo, gabándonos mesmo de ser líderes na cuestión a nivel do Estado. Baltar pai e o seu fillo, Baltar Júnior, erixidos en arietes da “ourensanía”, concepto creado por tan nobre caste para definir as contornas do noso propio ser, por suposto de xeito desinteresado, polo da “vocación de servizo” e do “ben común” dos nosos caciques.
De tanto ver que o motor da provincia anda sempre sospeitosamente gripado e que só fan carreira “os máis intelixentes”, que por casualidade son todos do partido do finado Fraga, decidimos optar por algo diferente. E os ourensáns facemos os experimentos con gasosa, que na capital sempre foi Troncoso pero que agora chámase Gonzalo Pérez Jácome, que é ese rapaz sen oficio nin beneficio que un sempre se atopa no bar pasando o tempo, que todo o sabe e todo o entende, listo coma un allo! Populista de libro, ben armado cunha canle de televisión que bombardea sen compaixón con contidos de nula calidade pero ben altisonantes, que vomita en bucle día e noite, e nos que se presenta, descarado e faltón nas formas como claro expoñente do cuñadismo tabernario que é, presentándose como alternativa ao clan dos Baltar. Un Mesías auto proclamado chamado a rescatarnos, para algúns mesmo entrañable, polo de feote e mentalmente limitado. Un cabaleiro paseante con trazas de escudeiro que, montado a lombos de Democracia “Orensana” (DO), xura solucionar de vez todos os nosos andazos.
Desde os seus inicios televisivos a lenda do noso parvo non cesou de medrar cando se converteu en concelleiro e puxo os pes na casa grande da Praza Maior
Desde os seus inicios televisivos a lenda do noso parvo non cesou de medrar cando se converteu en concelleiro e puxo os pes na casa grande da Praza Maior, cando aquel histrión de colexio privado non modificaba un ápice o seu guión e rexistro insolente e superficial diante da autoridade, adquirindo as súas saídas de ton dimensións memorábeis, e a Tele Jácome daba boa conta do acaecido, con todo luxo de detalles, que tiñan o seu colofón naquel memorable “aló presidente” local que presentaba o mesmo bicho. Daquela xa o seu engado era mordido por adversarios políticos que, obcecados en ataques ad hominem, remataron por erixir ao noso parvo en principal centro de atención política da cidade. “Escoitaches o que dixo o Jácome?” “Sabes a última do Jácome?” E día tras día, burrada tras burrada, ocorrencia tras ocorrencia, o noso cuñado tabernario xa estaba en boca de todos.
Fastío, noxo, inmobilismo e falmaguento dos poderes públicos, ausencia dunha oposición capaz de presentar unha alternativa real, populismo e demagoxia mediante, o escrutinio do 26 de maio de 2019 abría a porta para que DO accedese ao goberno local. A pesares de ser a terceira forza, a cambio de garantir a reelección do fillo de na Deputación, Jácome convertíase en alcalde de Ourense. Aquel que se presentaba como antídoto para grandes males confirma a súa total submisión a caciques, dando agora por bo o que antes era malo e aborrecible. Prácticas de contratación interesada, que son profusamente copiadas, contando Jácome xa con máis asesores que o alcalde de Vigo. Especulación inmobiliaria, desbloqueando o mesmo PXOM que DO levou aos tribunais e que anuncia “pelotazos” como o dunha torre de oitenta andares. Desdén por funcionarios municipais e colectivos cidadáns, como a Plataforma ProCAPD ou a Plataforma por unha Intermodal Digna, que Jácome non dubida en descualificar e insultar. E os grandes problemas e necesidades da cidade, aínda inmóbiles, sen horizonte de solución.
O que se intuía desde o comezo, a saber, que Jácome era o parvo útil do PP, xa non é un segredo
Polo pronto temos anuncio de voda, perxurando urbi et orbi o noso alcalde parvo que non hai mellor candidato que Feijoo e anunciando a comuñón de DO co PP de cara ás vindeiras autonómicas. O que se intuía desde o comezo, a saber, que Jácome era o parvo útil do PP, xa non é un segredo. Demasiadas alforxas para tan pouca viaxe, para rematar no mesmo punto de partida. Alomenos podían ternos aforrado o ridículo!