Jeddah, o coral do deserto

Jeddah, Arabia Saudita © Moncho Iglesias Míguez

Arabia Saudita, lar de dúas mesquitas sagradas e berce do islam, é unha monarquía absoluta rodada de area e mar. Cunha recente historia repleta de petróleo, relixión e nómades asentados en cidades-oasis, ata o de agora case infranqueables para o turista, a revolución do país represéntaa a súa apertura ao exterior. Grazas a esta, é posible apreciar mares de area e palacios de terra entre os atractivos dun estado cicelado pola relixión.

Arabia Saudita, lar de dúas mesquitas sagradas e berce do islam, é unha monarquía absoluta rodada de area e mar. Cunha recente historia repleta de petróleo, relixión e nómades asentados en cidades-oasis, ata o de agora case infranqueables para o turista, a revolución do país represéntaa a súa apertura ao exterior

Coroada polo resto de países que conforman a Península Arábiga e co mar Vermello como fronteira marítima, o reino saudí e o epicentro das peregrinacións musulmás. Milleiros de fieis visitan o lugar para cumprir cun dos cinco preceptos do islam: a haj, a peregrinación á Meca. Esta congrega a preto de dous millóns de persoas durante os cinco últimos días do calendario islámico. Ata ela chegan os estranxeiros que aterran na terminal de haj do aeroporto de Jeddah, primeira cidade saudí en abrir as comportas a calquera non musulmán. 

Os 1400 anos de historia deste camiño fixeron que as viaxes mudasen e que a pé, en camelo ou en barco non sexan opcións a día de hoxe. A modernidade que atravesou todos eses séculos de vida crearon un país que soubo manter a súa propia idiosincrasia entre as montañas de area e mar que compoñen o reino de Arabia Saudita, establecido en 1932.

Jeddah, Arabia Saudita © Moncho Iglesias Míguez

Os anais da historia relatan como as glaciacións de hai 15.000 anos provocaron a desertización da Península Arábiga. Dita aridez causou a desaparición dos animais salvaxes e dos ríos que a cobregueaban, mais quedou a súa pegada nos wadis, leitos de auga, que aínda hoxe en día serpean entre as montañas de area. Foi ese cambio climático o que forzou o desprazamento da súa xente cara aos vales e oasis, onde se abandonou a caza en favor da agricultura, que decontado arraigou. E co cultivo da terra apareceron novos oficios, como o de oleiro, e domesticáronse animais, como as ovellas, os camelos e os cabalos. E todo isto axudou a que se fundasen os primeiros asentamentos humanos e que con eles se establecesen as bases dun novo sistema social e cultural no que a lingua cobrou importancia e comezou a se fixar.

A Península Arábiga, como nexo de unión entre as dúas civilizacións máis sobranceiras do momento, a de Mesopotamia e a do val do río Nilo, desenvolveu unha importante industria de améndoas, dátiles e incenso, e unha intelixente engrenaxe entre as rutas de caravanas. Alleos aos conflitos dos outros poderes políticos, a península salvou o seu prestixio grazas á súa árida fronteira natural e a eses servizos que prestaron como punto intermedio e necesario entre as grandes potencias comerciais. E aí, no medio dese campo fértil de caravanas, naceu o profeta Mahoma quen, ala polo ano 610 recibiu unha mensaxe de Alá.

As revelacións de Mahoma gañaron sona e seguidores, o cal provocou que tamén aumentasen os seus inimigos. Foi por mor diso que no ano 622 decidiu fuxir de Meca cara a cidade de Yathrib, xa que había indicios de que querían asasinalo. É esa partida, coñecida como héxira, a que marca o inicio do calendario islámico e do cambio do nome de Yathrib a Medinat al-Nabi (cidade do profeta), coñecida hoxe co nome de Medina.

O islam estendeuse polo mundo e as cidades de Meca e Medina axiña se converteron en centros de peregrinación. Entón, o árabe pasou a ser a lingua franca de todos eses peregrinos e a Península Arábiga reclamou para si o protagonismo da idade dourada do islam. Ese cetro unificador permaneceu vivo ata os séculos XVII e XVIII, cando se formaron diferentes reinos musulmáns de ideas distintas. Dese xeito, un estudoso da fe islámica, Abdul Wahab, propuxo o retorno á ortodoxia inicial e, aínda que rexeitado nun primeiro momento, recibiu o apoio de Bin Saud, gobernador da cidade de Diriyah.

Madain Saleh, o emprazamento nabateo máis grande conservado; Diriyah, primeira capital do país; as inscricións nas rochas de Hail; o oasis al-Ahsa, o máis grande do mundo, ou a histórica cidade de Jeddah, porta da Meca, son os cinco sitios que son patrimonio mundial que posúe Arabia Saudita

Esta unión de forzas asentou as bases da constitución. O propio nome de Arabia Saudita deriva da familia Saud e o seu credo, o wahabismo, de Abdul Wahab. Con todo, malia uns comezos prósperos, a envexa do veciño e poderoso imperio otomán impediu a continuidade do esplendoroso florecer de Diriyah e a familia Saud tivo que trasladar a capitalidade do estado saudí a Riad. A pesar diso, os continuos ataques otománs forzaron a fuxida do clan Saud a terras máis propicias. Foi daquela que habitaron cos beduínos e non foi ata anos máis tarde que a unión de tribos e o retorno a Riad permitiu a creación do reino de Arabia Saudita, un estado independente rexido polo islam, co Corán como constitución e o árabe como lingua propia.

Dende ese 1932 a familia Saud gobernou a nación e colocou o país na lista dos máis poderosos do mundo, ao ser o principal produtor de petróleo. Á ideoloxía wahabista uníronse pensamentos salafistas, que interpretan os textos fundacionais da relixión desde unha perspectiva literal e ortodoxa, coa tradición e o conservadorismo. Isto provocou o afastamento do país da influencia doutros e por iso o acceso ao reino saudí foi case imposible ata o de agora. Nesta nova etapa xa se permite o acceso a turistas que, aínda que non teñan permiso para visitar as cidades santas de Meca e Medina, poden desfrutar de paraísos que agardan moitas máis visitas grazas ao proxecto “Vision 2030”. Este plan estratéxico pretende facer do turismo unha das vías de ingreso do país de aquí a ese ano 2030.

Jeddah, Arabia Saudita © Moncho Iglesias Míguez

Neom, unha cidade futurista cos últimos avances tecnolóxicos, Qiddiya, unha urbe creada para o divertimento ou os complexos de luxo do mar Vermello son aínda proxectos. Madain Saleh, o emprazamento nabateo máis grande conservado; Diriyah, primeira capital do país; as inscricións nas rochas de Hail; o oasis al-Ahsa, o máis grande do mundo, ou a histórica cidade de Jeddah, porta da Meca, son os cinco sitios que son patrimonio mundial que posúe Arabia Saudita e un reclamo a engadir á historia, á cultura e ás tradicións.

Na balad, a cidade vella, os edificios presentan unha estrutura tradicional e propia da costa do mar Vermello; con casas de pedra orladas por balcóns e batentes de madeira

A cidade de Jeddah mestura a tradición dunha cidade fundamental na ruta do comercio e das peregrinacións cunha urbe que non deixa de medrar. A parte nova parapeta tanto as casas da cidade vella coma o seu mercado, tesouro en pedra coralina e madeira rohan (palabra persa que serve para definir un batente situado nunha parte elevada da casa e que permite a entrada de luz na mesma). É aí onde o colorido das froitas e vexetais semellan agochados no fume do incenso, a flagrancia dos perfumes e a brillantez das xoierías e do fulgor que provocan os paus de regalicia, branqueadores dentais de fácil uso e reciclaxe.

Na balad, a cidade vella, os edificios presentan unha estrutura tradicional e propia da costa do mar Vermello; con casas de pedra orladas por balcóns e batentes de madeira. Estas construcións do século XVI serviron de lar para pescadores e de acubillo para peregrinos, amais de fogar para as elites comerciais que no século XIX engadiron cor ás coralinas casas ao decoralas con fiestras e torres de madeira de tons suaves que acompañan a calma do mar que baña a cidade. Foron esas casas as que ditaminaron a elección de Jeddah como patrimonio da humanidade, por seren “un exemplo destacado dunha tipoloxía de edificacións únicas no mundo árabe e musulmán. Os específicos patróns estéticos e funcionais ̶ ausencia de patio, fachadas decoradas ao estilo rohan, sala de planta baixa usada como oficinas e comercio, cuartos alugados para peregrinos ̶ reflicten a adaptación tanto ao clima cálido e húmido do mar Vermello como á particularidade de Jeddah”.

As casas que serpean a cidade vella combínanse con mesquitas e patios para o rezo, amais de tendas e espazos baleiros onde se reparten prazas e lugares de descanso ou xogo nos que os balóns de fútbol brincan contra o chan ou tras diversos tipos de pantallas. Nos límites do zoco están as portas da cidade amurallada e alén delas os edificios modernos que acubillan centros comerciais, restaurantes oficinas ou vivendas.

Jeddah é a historia dun oasis onde o cheiro a mar e a café se combina co do incenso, e onde o pasado esplendoroso das rutas comerciais sobrevive entre envidrados edificios e pétreas construcións con recendo a mar. Icona da apertura de Arabia Saudita ao mundo, é a capital turística do reino e o estandarte desa visión de futuro

Á beira do mar, un paseo de 30 quilómetros de extensión, o Corniche, circunda a cidade. Nunha das puntas está a fonte máis alta do mundo, a fonte do rei Fahd, que expulsa ata os 300 metros unha lingua de auga que pode verse dende calquera parte de Jeddah. Outras das iconas visibles en toda a urbe é a bandeira de Arabia Saudita, situada na praza do rei Abdullah. O mastro, de 171 metros, é a hasta de bandeira máis alta do mundo, e outro dos atractivos fotografables, unha novidade que ata hai pouco anos era impensable, pola prohibición de tomar fotos, algo que aínda non ten moita aceptación entre a xente máis vella. Tamén na cornixa, onde o sol aparece e desaparece entre a auga, a mesquita al-Rahma é un lugar ideal non só para a oración, senón tamén para o descanso. Esta mesquita flotante adéntrase no mar de tal xeito que semella emerxer del e abrazar a luz entre os seus piares. Nese intento por gañar terreo no mundo do turismo e evitar a dependencia do petróleo, estase a construír o que será o rañaceos máis alto do mundo. Este proxecto de 1000 metros de altura albergará hoteis, apartamentos, oficinas e atraccións turísticas, como os ascensores que alcanzarán os 20 km/hora e permitirán chegar ao miradoiro máis elevado do planeta.

Jeddah é un histórico e ancestral arrecife coralino no medio do vasto deserto. O seu propio nome testemuña esa historia, pois a palabra significa avoa. A explicación a dita orixe débese a que baixo a súa terra está a tumba de Eva, un lugar de visitas durante tempo, mais destruída polo goberno a comezos do século pasado por ser niño de supersticións. En definitiva, Jeddah é a historia dun oasis onde o cheiro a mar e a café se combina co do incenso, e onde o pasado esplendoroso das rutas comerciais sobrevive entre envidrados edificios e pétreas construcións con recendo a mar. Icona da apertura de Arabia Saudita ao mundo, é a capital turística do reino e o estandarte desa visión de futuro.

Jeddah, Arabia Saudita © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.