Josep Borrell ten carácter

Antieuropa ©

Antecedentes

El País titulaba o 1 de Febreiro de 2019: “Trump esixiu a España e á UE romper todo diálogo con Maduro”. EEUU impúñalle a Venezuela un “presidente encargado”, pero tamén ao Estado español e á UE, que debían recoñecer a Juan Guaidó, procedente das filas violentas da oposición. Estas circunstancias situaban Europa nunha posición subordinada, de obediencia ás directrices extremistas estadounidenses para América Latina.

O día que o ultra venezuelano se proclamou a si mesmo presidente, o ministro de exteriores español, Josep Borrell, estaba reunido co chanceler portugués e valoraban precisamente a función do chamado Grupo de Contacto de países facilitadores. Esa instancia pretendía restaurar o diálogo entre o goberno de Venezuela e a oposición. Borrell abandonou a xuntanza para atender unha chamada do embaixador de EEUU en Madrid. Duke Buchan imponlle e transmítelle que “nin hai máis mediación, máis facilitación, máis conversas nin máis nada co goberno de Maduro” .

“Non imos facer seguidismo de ninguén” proclamou despois o ministro. “Temos moita presión, xa poden imaxinar de quen” dixo outro día. “Trump compórtase como un cowboy”. O luso Santos Silva afirmou aquel día que “Para nós non abonda que os EEUU o recoñezan”. Pero o xoves 25 de Xaneiro, Borrell anuncia que o goberno español recoñecerá a Guaidó como presidente encargado.

Trump rompía cun piar básico da legalidade internacional, coa doutrina Estrada, segundo a cal se recoñece o estado, non o goberno do momento.

 

Consecuentes

A semana pasada (maio de 2020) as protestas antirracistas xeraron unha crise institucional grave nos EEUU. Borrell, agora Alto representante da UE para a Política exterior declarou que “Se trata dun abuso de poder. Hai que denuncialo e combatelo en todas as partes” e instou as sociedades a “ controlar o uso excesivo da forza”.

En dialecto do noroeste a iso chámaselle sopapo, moquete, gulifada ou lapote moi ben dado. Unha bofetada, vaia, aínda que no dicionario da RAG non apareza esa voz, pois así é o estulto cachondeo dos dicionarios galegos.

A vostede, lector, lectora, agradaralle máis ou menos o socialista catalán Borrell. A min na táctica contra o independentismo da opulenta nación mediterránea, agrádame exactamente o mesmo que os trabucaires de Puigdemont e os seus acompañantes de ERC: absolutamente nada. Pero no asunto que nos ocupa, de complexísima navegación, hai que recoñecerlle valentía, intelixencia e unha mínima imprescindíbel de rauxa.


Concorrentes

Hai moitos máis factores que explican unha determinación tan firme da UE, sen dúbida. A extraordinaria cartógrafa Laura Canale describe no mapa adxunto, trazado xa antes do Brexit, os vínculos de EEUU con cada país de Europa. A Alemaña en tensión crecente, de aliados pero case inimigos. Francia, aliado histórico, pero autocentrado. Italia, pendente das novas Rutas da Seda e cualificada como espazo estratéxico non confiábel para os americanos.

Os mapas hai que lelos con ánimo lento, como os mellores libros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.