Galiza vota baixo escenario pos-democrático:
Achégase a data doutras eleccións galegas. O poder real prefire presentalas coma rutinarias e unha convocatoria de tantas outras habidas sendo hoxe varios os pobos continentais que non escollen de facto cando do que elixen resulta alternancia-ficción ou, directamente, instauración descarada da solución tecnocrática. Sabemos, a bo seguro, que os seguintes somos nós. A foto é a que atrapou Ignacio Ramonet hai mais dun ano, nun exercicio de lucidez habitual: son os Novos Protectorados. O estado español está só a unhas semanas de dar o derradeiro paso, cruzando o Rubicón: entregar en ofrenda aos seus súbditos no altar dos chamados mercados. Os antigamente coñecidos coma civis seremos convertidos en meras res. As esixencias serán durísimas. Se escoitan Memorándum, boten a correr.
O estado español está só a unhas semanas de dar o derradeiro paso. As esixencias serán durísimas. Se escoitan Memorándum, boten a correr
A dereita neoliberal e a socialdemocracia nominal aplican servilmente os mandatos dos seus amos: na oposición ambos din que non, mais despois é que si. Emporiso o último do último ao que debemos renunciar é precisamente ao dereito ao voto, a maiores doutras fórmulas de participación, pois foi a desatención dos asuntos públicos o que nos trouxo ata aquí: ao illamento e á idiotez coma ser colectivo que comeza a latexar.
Celébranse baixo circunstancias de anormalidade política, económica e social
Celébranse baixo circunstancias de anormalidade política -crise terminal de ciclo constitucional e posta en cuestión das liberdades máis básicas por parte dos auto-denominados liberais, que son novos reaccionarios-, económica -intervención, estafa do aforro, creba controlada- e social -escaseza, desemprego e desafiuzamentos masivos- na periferia da periferia europea nun contexto de excepcionalidade e ambición pos-democrática e pos-política ao que nos abocou sen remisión a dexeneración sistémica dende Roma a Madrid ou a Barcelona, e dende Atenas ata Dublín ou a Lisboa; entanto a orde reina en París e Berlín. Ata cando?
Santiago de Compostela non é allea: a soberanía cidadá -merece repetirse- está for sale e o realismo alucinatorio -xénero literario premiado cun Nobel recentemente- inunda a democracia aparente que rescata evaporando a clase media, afundindo e empobrecendo aos pobres e facendo mais miserábeis aos que xa o son, protexe coma irreformable unha Constitución violada que reforman ás agochadas se interesa ao ditado de poderes fóra de control, outorga libertad lingüística para fomentar e perpetuar a secular diglosia mallando na sempre insuficiente auto-estima nacional galega, educa en libertad para españolizar coma se non ficara ren da memoria dos 40 anos de paz, estira as posibilidades do hábitat ou reclama sacrificios constantemente aos máis que menos teñen nunha operación perfectamente estudada consistente en transferir rendas das mans das clases asalariadas aos bolsos dos que o teñen case todo e o ambicionan todo.
Pretenden sortear a cegas unha combinación de crises -enerxética, revolución tecnolóxica que non se dixeriu, de hexemonía xeopolítica, económica, climática e da fame- da que só adiviñamos a patiña por debaixo da porta
Pretenden sortear a cegas unha combinación de crises -enerxética, revolución tecnolóxica que non se dixeriu, de hexemonía xeopolítica, económica, climática e da fame- da que só adiviñamos a patiña por debaixo da porta. O cumio da pirámide -mais algúns fieis intermediarios entre a maioría das actuais cúpulas partidarias- non só non sofre en sintonía, se non que fai negocio substancioso e troca en grupo de interese priorizando os seus privilexios e sendo unha verdadeira elite extractiva. Se alguén ameaza iso, auto-protéxense para manter un status quo imposible. Algo disto sabe Dolores de Cospedal, pois é a política profesional mellor pagada de España. Dietas á marxe.
Mais a democracia aparente ficou espida hai tempo e parte da poboación intúe as cadeas
O realismo alucinatorio -made in china- no que estamos instalados deseña un sur de Europa deprimido baseado nun modelo chinarizado: exclusión -algo que no nivel mundial é norma e non excepción-, traballo precario-improdutivo e desmantelamento programado do modelo social e democrático combinado coa administración dun cocktail represivo -endurecemento punitivo e aplicación sistemática da violencia policial que criminaliza calquera acción de denuncia e desobediencia- restaurador do absolutismo da interinidade e a inseguridade permanente: o ERE por elevación e a éxtase des-reguladora. Mais a democracia aparente ficou espida hai tempo e parte da poboación intúe as cadeas.
O mantra das cacatúas consiste en repetir que nunca hai alternativa viable
O mantra das cacatúas consiste en repetir que nunca hai alternativa viable -a mais poderosa arma esgrimida polos prebostes do neoliberalismo antropofáxico- fóra da Gran Regresión e dos plans da Troika internacional. Non a hai, segundo repiten, fóra do proceso de acumulación desmesurada de riqueza nas mans do 1% da poboación dominante. Tampouco hai posibilidade de cuestionar a maré de fondo que en forma de nostálxica ofensiva da España imperial, mono-nacional-folclórica, monolingüe e dun só Deus posible -resistente a morrer na voráxine da mundialización e que nada ten a ver coa de Lorca, Miguel Hernández, Picasso, Alberti ou Castelao- ameaza con transmutar na súa propia e decadente versión para o século XXI en chave, polo momento, proto-fascista.
Ensínannos a aceptar coma natural que institucións sobre as que pivota a presunta lexitimidade do réxime monárquico poidan corromperse ata o paroxismo, mentres din que “dar comida e cama aos enfermos dun hospital non é Sanidade” (Feijóo dixit). Ou que o autogoberno pode usarse para o seu menoscabo.
Hai que aceptar que poden evadir fortunas erguidas sobre a forza do traballo precarizado a paraísos fiscais
Hai que aceptar que poden evadir fortunas erguidas sobre a forza do traballo precarizado a paraísos fiscais en lugares que ameazan converter en infernos de explotación -prantexando xornadas laborais dun mínimo de 10 horas, 6 días á semana e facendo saltar polos aires o contracto social parido trala II Guerra Mundial- e que é completamente lóxico e aceptable que os patrimonios dos mais potentados, pola vía da inhibición fiscal, incrementen de xeito exponencial en tempos nos que as tesoiradas orzamentarias afectan ás prestacións, nóminas, pensións, á ciencia e á investigación, á educación, ao dereito a unha vivenda digna, á cultura e a todo aquilo que asegura a igualdade e o progreso fornecedor da verdadeira xustiza social. Faise ver normal que a corruptela sistemática e a cleptocracia afecte aos partidos tradicionais transversalmente, mesmo a organizacións que nalgún día foron diferentes.
O condimento opiáceo clásico, typical spanish, segue sendo facernos ver que o natural é que a Igrexa Católica -privilexiada no trato polos poderes públicos- axite as rúas para gobernar dende os conventos o ventre das mulleres todas -fieis ou non- pero non ten deber moral de rebelarse contra os mercaderes e o estado actual de cousas. As mulleres, como as leis, están para ser violadas. E todos receitan poñer a outra meixela, pola túa gran culpa: vivir moi por riba das túas posibilidades.
Os protagonistas principais do conchaveo partidario-empresarial-institucionalizado repiten mensaxes ocas que ocultan verdades que agromarán tarde ou cedo nesta nova fase, pois están xa a pé de rúa
Os protagonistas principais do conchaveo partidario-empresarial-institucionalizado repiten mensaxes ocas que ocultan verdades que agromarán tarde ou cedo nesta nova fase, pois están xa a pé de rúa -e de praza- e nos centros de traballo, asociativos e de formación: crecemento, crecemento, crecemento, herdanza recibida, austeridade, cadrar as contas, déficit, prima, primo e con-cuñaos, eficiencia, arrimar o ombreiro, apertar o cinto, xestionar a macroeconomía coma o faría unha familia, senso común...
É a maior estafa organizada da historia, cando menos, da europea. E a disputa comeza a ser: democracia si, ou democracia non
Practicamente ningunha voz discordante á que poidamos acudir coa facilidade coa que consumimos des-información e que propoña, convincentemente, como saír do circuito asasino da débeda odiosa e ilexítima -algo que será inevitable ou, do contrario, imos condenar ás presentes e futuras xeracións a uns niveis de vida mais propios do terceiro mundo-, contraída maioritariamente pola banca e a gran empresa -ao comezo da crise o 57% do total- e, en menor medida, polas familias -20%- sendo a débeda pública menor, pero operacionalizando mediante artificio contable o troco que converteu en problema colectivo a ambición ilimitada dunha minoría e empurrou ao conxunto da sociedade ao depresivo estado de malestar, xa logo indignación, logo compromiso e logo rebelión democrática. É a maior estafa organizada da historia, cando menos, da europea. E a disputa comeza a ser: democracia si, ou democracia non.
Hai alternativa!
O resumo do seu des-goberno foi acreditar a dubidosa honra de ser un iniciado funesto: desgaleguización e intento de estigmatizar a lingua e os sinais de identidade para que non saibamos quen somos nin de onde vimos
O único que podemos dar por ben feito na etapa do tertuliano de Intereconomía é que permitiu algo relacionado coa súa especialidade: os debates televisados. Mais o resumo do seu des-goberno foi acreditar a dubidosa honra de ser un iniciado funesto: desgaleguización e intento de estigmatizar a lingua e os sinais de identidade para que non saibamos quen somos nin de onde vimos, desprezo polas institucións de autogoberno mailas súas capacidades e instrumentos, destrución do sistema de caixas de aforro, privatizacións e concesións públicas de dubidosa legalidade, ataque ao benestar con especial virulencia nos ámbitos da Educación, a Cultura e Sanidade e o conxunto do sector público, parálise eólica e desbaldimento conseguinte coas indemnizacións, esaxeradas subvencións aos medios de comunicación para comprar silenzos e louvanzas, sectores produtivos estratéxicos completamente desatendidos...O balance da mistura entre nihilismo e de-construtivismo enfermizo foi redobrar a destrución de emprego e que a mocidade migre en masa descapitalizado ao país dos mil ríos, ao que unha meiga ben meiga mirou xa hai tempo. O seu maior erro: subestimar a intelixencia colectiva de todo un pobo.
O estado español é Grecia hai 2 anos
Ten un interesante ensaio o catedrático de Ciencia Política Vicenç Navarro, titulado: Hai alternativas. Un bo e conciso programa de actuación. Non coma os das forzas do sistema, que están cheos de promesas incumpridas. Alí recóllense unha morea de medidas aplicables e financiables que desmontan o mantra das cacatúas e solventarían parte duns problemas que, de non remediarse urxente e radicalmente, abren o vieiro a un proceso de conflitividade socio-política equiparable ao que viven hoxe os irmáns portugueses, ou Grecia. O estado español é Grecia hai 2 anos.
Pode que o título do ensaio teña a ver coa decisión de bautizar así á inédita decisión de plantar a semente dunha coalición de esquerda ampla inspirada nos modelos de fronte popular, liderada por Xosé Manuel Beiras -Alternativa Galega de Esquerda-. Foi unha intelixente lectura da estrutura de oportunidade política e unha alianza que responde ás necesidades do tempo histórico: concibida como xermolo da desexable unidade da esquerda social, sindical e política necesaria para proxectar na instancia político-institucional unha mudanza de raíz na correlación de forzas que force unha mudanza real. Que presente á opinión pública o problema do euro, por exemplo.
Alternativa Galega de Esquerda foi unha intelixente lectura da estrutura de oportunidade política e unha alianza que responde ás necesidades do tempo histórico: concibida como xermolo da desexable unidade da esquerda social, sindical e política necesaria
Republicana, laica, internacionalista dende a asunción do feito nacional galego e solidaria cos demais pobos de europa e do mundo, ecolóxica e rupturista no senso de acreditar na necesaria creba democrática como propoñen outras esquerdas europeas coas que se identifica ao compartir obxectivos estratéxicos e, ao fin, ámbito de actuación e inimigo común: tales coma o Front de Gauche, a Syriza grega, o Bloco de Esquerda portugués ou a Die Linke alemán -salvando as distancias en tempos e ritmos de construción-. Que conecta, sen intención de dirixir e si de acompañar na súa pluralidade, co ruxir da rúa e se proxecta e reflicte nas demandas dos movementos sociais alternativos e de protesta encamiñados a contemplar -xa o están a facer de feito impugnando a democracia aparente- un proceso histórico de auto-determinación destituínte mantendo no horizonte a apertura dun proceso constituínte que recupere a soberanía popular fanada e un novo deseño institucional ao servizo da emancipación das maiorías sociais. Que derrote as forzas de agresión sen precedentes auspiciadas pola hipertrofia neoliberal dende fai décadas e os plans ocultos do Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión. Sen deixar de acreditar nunha europa democrática, social e dos pobos.
Nesta situación o retorno de Beiras pode concibirse como a decisión de poñer a disposición do pobo galego outra-volta todo o seu capital político cincelado en décadas, que non é pouco
Nesta situación o retorno de Beiras pode concibirse como a decisión de poñer a disposición do pobo galego outra-volta todo o seu capital político cincelado en décadas, que non é pouco. O exemplo é que moitos mozos e mozas nacidos a mediados dos 80 coñeceron o seu papel como líder da oposición pero non tiveron nunca a oportunidade de votalo. Mais a xente, contrariamente ao que sempre se repite, adoita ter memoria. Para ben, e para mal.
Cando alguén, coa traxectoria de loita e incorruptibilidade, posúe dotes comunicativas na era da comunicación o efecto da súa mensaxe -e, por extensión, dunha coalición que parece estar reactivando sectores da poboación descontentos e descridos- multiplícase. Funciona ao xeito dos libelos de Marat -L´ami du peuple- no París revolucionario de 1789. Xornal que vixiaba o convulso proceso deixando en coiros as vergoñas da oligarquía e os elementos contra-revolucionarios co aguillón do uso preciso das palabras para dicir a verdade -aquilo que tantas veces non se quere escoitar- que, como se dixo sempre, é o acto revolucionario mais puro. E mais nos tempos onde a escuridade manda. A ética dos principios e a forza das ideas non cotizan no Down Jones, pero aos mitins de AGE achéganse xentes de toda idade e condición.
Como reaccionan os que detentan todo o poder e gobernan contra a maioría? Coa demonización: “O Beiras xa sabemos como é: está tolo”
O que a primeira vista podían semellar boutades resulta que atesouran o eco que provoca un xiro inesperado. Como reaccionan os que detentan todo o poder e gobernan contra a maioría? Coa demonización: “O Beiras xa sabemos como é: está tolo”. Os que están nos seus cabais infrinxen danos irreparables e sufrimento coas súas decisións e indecisións a milleiros e milleiros de persoas a cotío nunha desocialización instigada pola delincuencia organizada dos especuladores capitalistas, da que son cómplices. Representa a antítese do que estes últimos ofrecen: fariseísmo e insolvencia intelectual. Como non van temer que entre no Parlamento unha voz asentada na ética innegociable no exercicio da actividade pública? Como non temer que pola súa voz falen os galeguistas históricos e republicanos, a forza no combate anti-feixista contra da ditadura e un dos homes que, apoiado e conxuntamente con moitos outros e outras, foron protagonistas e o deron case todo por impulsar unha forza social que chegou a comprometer a hexemonía do fraguismo dende posicionamentos ideolóxicos dun nacionalismo político de esquerdas, e sen as facilidades que supón dispor dun aparello de estado ao teu servizo? Nin nos peores pesadelos Feijóo e todos os Feijóos do mundo o quixeran ver diante.
Din que non está capacitado para estar no Parlamento. É incómoda a intelixencia e a independencia no seo da soberanía popular
Din que non está capacitado para estar no Parlamento. É incómoda a intelixencia e a independencia no seo da soberanía popular. A súa soa presenza. Seguramente sexa porque non está capacitado para cobrar tres soldos do erario público a un tempo, nin para facer business ou privatizar bens de dominio público e repartir as migas entre os amigos para o seu lucro. Coido que seguramente non sería quen nin de facelo entre os seus verdadeiros amigos, que son moitos e moitas entre o pobo galego. Tamén inimigos...
Aconteza o que aconteza nestas eleccións, mais ben todo comeza o día vinteún de outubro. Na Galiza, no estado español e na Europa enteira
Ten moito de épico o seu retorno en chave de biografía e percorrido persoal. Mais o interesante de todo isto é o aspecto colectivo desta nova fronteira da que seguramente participará mentres lle quede alento: a loita de David fronte a Goliat foi sempre o combustible que alimenta o motor dos pobos que fan andar a Historia. Neste caso para intentar mudar as estruturas pétreas do estado e a UE e poñelas ao servizo da cidadanía, que é que mais ordena queiran ou non queiran. Os pobos nunca se resignan a ser derrotados e son sempre os propios pobos en pé os que configuran as alternativas fronte aos que queren mantelos asoballalos. Aconteza o que aconteza nestas eleccións, mais ben todo comeza o día vinteún de outubro. Na Galiza, no estado español e na Europa enteira. Ese día os galegos teñen a oportunidade de escoller unha alternativa que envíe unha mensaxe de esperanza e optimismo a moitos, alén do Padornelo. Ademais de rescatarse a si mesmos.