Lavar as mans

Parir é doloroso e perigoso. Ademais das secuelas que pode deixar no corpo da nai alimentar e albergar un corpo que pode alcanzar considerables dimensións, parir pode producir: hemorraxias intensas, trastornos hipertensivos ou septicemias despois do parto. Cada día morren 800 mulleres por causas relacionadas co embarazo e o parto. O 99% en países en desenvolvemento. O maior risco de mortalidade está nas adolescentes, menores de 15 anos. Neste momento, a nena de 10 anos, violada e embarazada, descubriu outros casos en Paraguai, onde, á violación cómpre sumar outra crueldade: a de non permitir o aborto, nin as autoridades nin os profesionais de xinecoloxía. Un horror!

Fuxir do matrimonio, dos partos e posibilidade de morte era un dos motivos da reclusión nos conventos hai séculos. Teresa de Xesús lémbralle ás compañeiras de convento o protexidas que están na súa condición.

En Europa aínda morrían moitas mulleres a causa do parto en épocas recentes. Nos s. XVII e XIX, seguían elevados os índices de mortalidade, mesmo na clase alta e culta, por febres puerperais. Escritoras de meu foron orfas por este motivo, como Marguerite Yourcenar, ou Mary Wollstonecraft Shelley, filla da gran intelectual feminista autora de Vindicación dos dereitos da muller, que faleceu despois do parto, morte que deixou un oco tan grande na conciencia da filla, que imaxinou a creación artificial do doutor Frankenstein, para resarcirse da morte natural da nai e das súas propias criaturas.   

O médico húngaro Semmelweis, traballando no Hospicio Xeral de Viena, na década de 1840, decatouse de que as mulleres ingresadas para dar a luz, que recibían visitas de médicos saídos do quirófano, ou da sala de disección, morrían un 40% máis. Comprendeu que era un problema de hixiene. Puxo un recipiente con auga e xabón á entrada da sala de parturientes e as mortes reducíronse.

Pero, en lugar dunha homenaxe, recibiu un castigo polo seu descubrimento. Que fosen os propios médicos quen infectasen as pacientes foi moi mal acollido.  Finalmente a asepsia foi aceptada, pero Semmelweis, pobre, desprezado, e ingresado nun psiquiátrico, ocasionouse unha septicemia que o matou. Isto din algúns. Outra versión afirma que morreu das malleiras que recibía. A historia do defensor da asepsia, que salvará tantas vidas, antes dos descubrimentos de Pasteur, Koch, e Fleming coa penicilina, é paradigmática e triste.

150 anos despois, a xefa de medicina preventiva do Hospital Xeral de Vigo, alerta: Os pacientes deberían pedir ao médico que se lave as mans. Un dos efectos adversos da hospitalización é a aparición de infeccións nosocomiais, as que se contraen no ámbito sanitario. En España poden chegar a falecer unhas 3 mil persoas por este tipo de infeccións.  Hai unha solución hidroalcólica  en cada cuarto, menos agresiva que a auga con xabón. As profesionais teñen que lavar as mans unhas 20 ou 30 veces ao día, cada vez que cambian de paciente. Convén lembrárllelo. Quen lle diría ao pobre Semmelweis que a ausencia de hixiene seguiría sendo mortal a estas alturas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.