League of Legends, o arquicoñecido videoxogo, cumpre 10 anos como referente dos xogos en liña. Un ano tan especial na súa historia que se culminou cun dos campionatos mundiais máis intensos e abertos dos últimos anos. Si, escoitaron ben, campionato mundial, xa que unha das facetas máis importantes do xogo é a competición, unha competición entre equipos de todas as partes do mundo compostos por 5 xogadores titulares apoiados por un corpo técnico e xogadores suplentes que conforman o equipo ao completo.
Cada ano desde o seu lanzamento, o LoL (siglas para League of Legends) gozou dunha tempada tanto para xogadores casuais como para competidores ao máximo nivel. A estruturación é moi similar á dun deporte tradicional, unha liga composta por clubs que se enfrontan entre eles ao mellor de unha partida con ida e volta, mais coa excepción de que os clubs que a compoñen proveñen de calquera parte das rexións nas que se divide a escena competitiva e non só dun país. Sería algo similar á Liga de Campións da UEFA. As máis importantes e que demostran máis nivel historicamente son Europa, América do Norte, Corea do Sur e a China. Son as maioritarias e as que aportan máis equipos aos Worlds (nome oficial que recibe o campionato mundial), 3 equipos cada unha.
Corea é a rexión con maior dominio, a que conquistou maior número de títulos mundiais (5, todos eles consecutivos dende o 2013, temporada 3, até o 2017, temporada 7), mais neste 2019 as sensacións foron diferentes. Os equipos europeos están no seu ano de maior nivel, logo de gañar por segunda vez na historia un torneo internacional como é o MSI (Mid Season Invitational), único torneo internacional que se leva a cabo ao longo da tempada ademais do mundiais que a clausuran. G2 Esports, o club español fundado polo madrileño Carlos “ocelote” Rodríguez alzouse neste mes de maio co título intercontinental logo de moitos anos de éxito na liga rexional europea.
A súa andadura esta temporada rematou finalmente o pasado 10 de novembro cun segundo posto na final do Mundial contra os campións da rexión da China. Foi un partido bastante agridoce, xa que a afección europea contaba co mellor equipo posible para levantar a Copa do Mundo, un equipo que quedou a nada de subir un chanzo máis na historia dos deportes electrónicos. Dende logo que o próximo ano o tentarán de novo.