Vivimos nuns tempos de campañas case permanentes. Cunha cidadanía hastiada da política ou, mellor dito, realmente enfadada de convivir co peor dela, as e os especialistas en comunicación se devanan os miolos para buscar fórmulas que enganchen e atraian para conseguir ese ben tan prezado chamado voto.
Os partidos de nova creación teñen moito máis fácil esta tarefa, posto que, co expediente limpo de po e palla ao non ter no seu breve periplo responsabilidades de goberno -ou levan escaso tempo- e un discurso centrado na rexeneración e na crítica constante cara ao que consideran “vella política”, espertan entre o electorado ese entusiasmo que os partidos tradicionais - antigos en historia, non vellos- non conseguen provocar.
Por todo iso, resulta cando menos sorprendente que estes “emerxentes”, tan afeccionados aos xestos e símbolos, esquecesen a, nin máis nin menos, a metade da poboación: as mulleres.
Nunha época na que o movemento feminista reactivouse notablemente debido aos ataques permanentes do Partido Popular en contra de dereitos que se crían consolidados, como o da maternidade, e ante un terrorismo machista que, lonxe de diminuírse, converteuse nun verdadeiro problema de Estado, a visibilización das mulleres non é cuestión baladí.
A quen non se nomea, non existe, E, por tanto, a linguaxe convértese nunha ferramenta fundamental para alcanzar esta tarefa. Baixo esta premisa, obviar a linguaxe inclusiva na propia denominación de dúas dos principais partidos emerxentes, como Cidadáns ou Unidos Podemos, non parece o máis acertado.
Son moitos anos de loita, de grandes e pequenas conquistas alcanzadas grazas ao traballo arreo de mulleres -e de homes que tamén crían na igualdade-. Son moitos anos de esforzos, en ocasións con consecuencias tráxicas, que non poden, nin deben, quedar en saco roto. E son moitos anos de compromiso dalgúns partidos políticos, como o socialista, que durante os seus períodos de Goberno deu pasos fundamentais a favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Esquecer ás mulleres na nomenclatura política vai máis aló do anecdótico porque quen non ten en conta a súa, a nosa, existencia, tampouco ten interiorizados certos principios básicos da igualdade. As ideas de Cidadáns sobre a violencia de xénero -que non consideraba como tal, ata que non lle quedou máis remedio que rectificar- ou a escasa presenza de mulleres enpostos de saída das candidaturas ou de dirección de Podemos constitúen só algúns exemplos.
Por iso, fronte a esa laureada nova política, reivindico o compromiso demostrado, ao longo de 137 anos de historia, cos dereitos e liberdades das mulleres. Así que en igualdade, leccións ao Partido Socialista, as xustas. Ou, máis ben, ningunha.