Lei de Portos, oportunidade perdida

O pasado 4 de decembro, mentres delegados e delegadas da CIG nos concentrabamos ás portas do parlamento de Compostela en defensa da Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola nosa central sindical, a maioría absoluta do PP despezaba até facela irrecoñecíbel esta ILP, exemplo de democracia popular a través da cal máis de 17.000 persoas exixiamos medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética. Máis discreta foi a aprobación nesa mesma mañá, e tamén co único voto favorábel do PP e o voto en contra de toda a oposición, da primeira Lei de Portos de Galiza.

E non é insignificante subliñarmos o de primeira xa que nunha nación eminentemente marítima como a nosa, que conta como ben sinalaba a deputada Montse Prado coa maior densidade portuaria da península e talvez da Europa, semella unha anomalía que até hoxe non contase cunha lei específica que unificase a dispersión normativa que afecta ao sector desde que en 1981 o Estatuto asumira a competencia exclusiva na materia agás nos portos de interese xeral.

É, por tanto, unha lei que chega tarde mais, por riba de todo, é unha lei que non responde ás necesidades actuais e retos de futuro do sector portuario galego senón exclusivamente aos criterios ideolóxicos da dereita española.

E é que esta lei non só non corrixe, mais acentúa, as tensións privatizadoras a que está sometido o sector. Exemplo disto é escoller, entre todas as figuras legais existentes, a de Entidade Pública Empresarial para o organismo Portos de Galiza. Asumir como incuestionábel que para xestionar os portos se teñan que seguir “criterios empresariais”, demostra que o clube de fans dos evanxelistas do mercado instalado en San Caetano segue “a piñón fixo” na súa cruzada privatizadora.

Neste senso, e aproveitando o realizado polo seu xefe en Madrid cando na pasada lexislatura gobernou a golpe de real decreto lei, aumentan o prazo máximo das concesións aos 50 anos. Esta medida que afectou no seu día aos portos de interese xeral realizouse, saltándose todo o proceso lexislativo ordinario, a través do Real Decreto-lei 8/2014. Agora a norma galega xa vén con ela incorporada de serie. Debe ser que o aumento do prazo das concesións portuarias é un caso “de extraordinaria e urxente necesidade” como estabelece a Constitución... ou será máis ben como denuncian xuristas de recoñecido prestixio que o réxime de concesións non é máis que unha privatización encoberta? Acaso poden xustificar 50 anos para concesións nos portos galegos? Terá a ver coa permisividade que esta lei parece transmitir para a instalación de empresas non vinculadas ao mar ou á actividade portuaria?

Esta lei, ademais, afonda no enroque recentralizador en que está inmerso o réxime do 78. Non achega nada novo, alén dun timorato punto 2 no artigo 6, unha especie de brinde ao sol que apenas ficará en auga de bacallau, para superar a división entre os portos de competencia estatal e os de competencia autonómica, división que provoca serias ineficiencias no sistema. Nin tan sequer se aproveitou a redacción desta norma para garantir espazos dignos no seo das nosas instalacións portuarias para as embarcacións tradicionais, un rico e vasto patrimonio en proceso de recuperación grazas ao movemento social e popular que de xeito inconcibíbel conta con escaso apoio da administración autonómica. Por non falar como con esta lei na man se poden invadir perigosamente competencias municipais pondo en grave risco as fachadas marítimas...

Estamos, en definitiva, perante unha oportunidade perdida para o noso país neste momento de reconfiguración a nível internacional das liñas de transporte marítimo. É agora o momento de apostar por un sector portuario moderno, galego e plenamente público, eliminando a duplicidade existente entre o sector de competencia autonómica e o estatal, que só provoca ineficiencia no sistema e a dilapidación de importantes recursos que ben podían estar ao servizo de situarmos o noso país, marítimo atlántico, nas rotas dos principais fluxos de mercadorías como porta primeira do cuadrante sul europeo occidental.

E todo isto –despezar a Iniciativa Lexislativa Popular e aprobar a primeira Lei galega de Portos en solitario- aconteceu na fría mañá deste 4 de decembro dentro do vello cuartel do Hórreo no mesmo día, ironías que ten a vida, en que se lembraba o aniversario das históricas mobilizacións por unha "autonomía de primeira" celebradas en 1977 e 1979. Autonomía que chega ao final deste 2017 esgotada e sen capacidade de dar resposta ás necesidades reais das mulleres e homes que aquí vivimos nin, menos aínda, ás das galegas e galegos que tiveron de marchar para gañaren a vida fóra da nosa nación.

Xa non existe nin existirá, nin tan sequer sei se algún día existíu, autonomía de primeira como exixiran aqueles centos de miles de galegos e galegas nos xa afastados anos de 1977 e 1979 fronte a necesaria quebra democrática que propuña na altura o nacionalismo popular a través das Bases Constitucionais. Cómprenos hoxe, unha vez máis, darmos colectivamente un paso adiante. Estaremos aínda a tempo de dalo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.