Lembrando a Rodríguez Sardiña (1894-1978), un gran virólogo desterrado na súa terra

Juan Rodríguez Sardiña © Cedida

Ao remate da contenda as autoridades franquistas o obrigaron a buscar novo destino. Debía escoller entre algunha das diversas estacións de Fitopatoloxía que funcionaban nese tempo no Estado e decidiuse pola situada na Coruña. Nela permanecería ata a súa xubilación

Desde agosto de 1927 o enxeñeiro agrónomo Juan Rodríguez Sardiña tiña en Madrid o seu destino profesional, alí traballaba na Estación Central de Fitopatología Agrícola, dedicada a estudar as enfermidades das plantas. Durante a Guerra Civil continuou no posto, razón pola que ao remate da contenda as autoridades franquistas o obrigaron a buscar novo destino. Debía escoller entre algunha das diversas estacións de Fitopatoloxía que funcionaban nese tempo no Estado e decidiuse pola situada na Coruña. Nela permanecería ata a súa xubilación. 

O confinamento deste científico permitiu que en Galicia contásemos coa valiosa contribución dun dos máis destacados expertos no estudo das doenzas que afectan aos vexetais e máximo especialista en España no coñecemento dos virus que atacan ás plantas. Eses microscópicos seres cunha especial sona na actualidade polo caso do coronavirus SARS-CoV-2, que buscan acomodo nas células dos animais pero tamén nas dos vexetais. 

 

Un mexicano da Coruña

O confinamento deste científico permitiu que en Galicia contásemos coa valiosa contribución dun dos máis destacados expertos no estudo das doenzas que afectan aos vexetais e máximo especialista en España no coñecemento dos virus que atacan ás plantas

Non foi casual que Sardiña escollera A Coruña como destino. Malia nacer en Veracruz (México), os seus pais eran emigrantes galegos (orixinarios de Vilaboa, Culleredo), que buscaban futuro no país americano. Pouco despois do nacemento do fillo a familia retornou, establecéndose primeiro en Ferrol, onde o neno realizou os seus estudos primarios, e despois –definitivamente– na cidade herculina. 

Na Coruña cursou o ensino secundario no Instituto local, o Eusebio da Guarda. Nese centro educativo tivo a fortuna de gozar da docencia, na área de Ciencias, de dous salientables profesores e investigadores. Un deles, o catedrático de Historia Natural Fermín Bescansa Casares, un destacado experto no estudo das algas (Ficoloxía). O outro, o catedrático de Física Gonzalo Brañas Fernández, inventor e especialista no estudo das ondas electromagnéticas. Ambos profesores tiñan en común unha estreita relación coa Junta para Ampliación de Estudios (JAE), creada en 1907. Bescansa gozara dunha bolsa da JAE para o estudo das algas en Alemaña, no laboratorio do profesor Goebel (Universidade de Múnic). Brañas traballou desde 1910 como bolseiro da JAE e en 1913 foi nomeado xefe-técnico do seu Instituto de Material Científico. É moi probable que esa conexión dos seus mestres coa JAE influirá nos pasos posteriores de Sardiña nesa institución. 

Retrato de Sardiña mozo (arquivo da familia Rodríguez López) ©

Sardiña desexaba cursar enxeñaría agronómica, polo que debeu trasladarse a Madrid. Eran tempos nos que Galicia carecía de moitas titulacións superiores, entre elas as de ciencias agrarias, o que obrigaba aos estudantes a desprazarse –os que podían– á capital de España. Poucos anos despois, dende o curso 1920-21, funcionaría unha Escola de Peritos Agrícolas na Granxa agrícola da Coruña, substituída, en 1924, por a Escola de Capataces agrícolas (situada primeiro na Estación de Betanzos, e máis tarde en Bastiagueiro). 

 

Excelente formación técnica

Sardiña desexaba cursar enxeñaría agronómica, polo que debeu trasladarse a Madrid. Eran tempos nos que Galicia carecía de moitas titulacións superiores, entre elas as de ciencias agrarias, o que obrigaba aos estudantes a desprazarse –os que podían– á capital de España

Entre 1918 e 1924 Sardiña estudou na Escola Especial de Enxeñeiros Agrónomos e axiña conectou co mundo formativo da JAE, asistindo aos cursos prácticos organizados por esa institución. Así, acudiu en 1920 ao de Fisioloxía vexetal que impartiu no Xardín Botánico o norteamericano Lewis Knudson. Este profesor da prestixiosa universidade de Cornell é coñecido por ser o descubridor dun método polo que acadar a xerminación das orquídeas dun xeito doado, prescindindo do fungo que precisan as sementes da planta –en simbiose– na natureza. O chamado "medio de cultivo Knudson" (o “sistema asimbiótico”) permitiu a difusión masiva desas fermosas plantas nas nosas casas. A visita de Knudson a Madrid debeu favorecer que publicara o seu novidoso método, en 1921, no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural (“La germinación no simbiótica de las semillas de orquídeas”). Ao ano seguinte aparecería nunha prestixiosa revista, Botanical Gazette (“Nonsymbiotic germination of orchid seeds”).

O curso impartido por Knudson tería unha certa transcendencia para a JAE e para o propio Sardiña. Promovería a creación do Laboratorio de Fisioloxía vexetal da institución e o estudante de enxeñaría integrouse nel. Así se recolle na memoria do ano 1920: “En este curso elemental pudo verse la exquisita delicadeza en el trabajo y la cultura y vocación del alumno de Ingenieros agrónomos señor Rodríguez Sardiña, que desde esa fecha quedó incorporado a los trabajos del laboratorio con su valiosa colaboración”.

O abandono da atención fitosanitaria existente en Galicia veuse algo compensada coa creación da Estación de Fitopatoloxía (EFP) da Coruña en 1926

Ao remate da carreira obtivo unha bolsa da International Education Board (Fundación Rockefeller) en colaboración coa JAE (mediante convenio entre ambas institucións) para ir a Alemaña, dous anos a estudar Fisioloxía vexetal. Alí traballou sobre Micoloxía aplicada e Bacteriose das plantas no Biologische Reichsanstalt für-und Forstwirtschaff (Instituto Biolóxico e Forestal do Reich) de Dahlem (Berlín), onde se interesou por un asunto ao que prestaría atención posteriormente, o estudo das enfermidades da pataca, e presentou a súa tese de doutoramento. O tema da mesma era a formación dos anticorpos nas plantas (“Zur frage der antikörperbildung bei pflanzen”) e foi publicada en alemán na Angewandte Botanik (Botánica Aplicada), a revista da Asociación da Botánica aplicada do país teutón.

Tras acadar, como vemos, unha excelente formación, en 1927 integrouse Sardiña en Madrid no Laboratorio de Criptogamia (plantas sen flores) do Museo Nacional Ciencias Naturales e reincorporouse –asemade– ao de Fisioloxía vexetal do Xardín Botánico, dirixido este por dous galegos, un de nacemento, Antonio García Varela, o outro Luis Crespí Jaume, moi relacionado co país. En 1929, obtivo unha bolsa da Fundación del Amo, para ir aos EEUU pero non chegou a facer uso dela. 

Laboratorio da Estación de Fitopatoloxía (arquivo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) ©

A Estación de Fitopatoloxía (EFP) da Coruña

Ao remate da Guerra Civil abríuselle un expediente a Sardiña, coa acusación de “colaborar” co goberno republicano. O que fixera o enxeñeiro fora cumprir co seu deber profesional, o “crime” consistía en que nin se sumou á rebelión nin á quinta-columna madrileña, seguiu traballando para o goberno lexitimo

O abandono da atención fitosanitaria existente en Galicia veuse algo compensada coa creación da Estación de Fitopatoloxía (EFP) da Coruña en 1926. Unha institución que, situada nos locais da Granxa agrícola de Monelos e con área de actuación polo territorio galego, foi estudada polo miúdo polo profesor Miguel Cabo Villaverde na súa tese de licenciatura1. A estación contaba con tres laboratorios: o de entomoloxía para o estudo dos insectos daniños aos cultivos; o de Criptogamia, para seguimento dos fungos e bacterias, e o de Terapéutica, que comprobaba a efectividade de diversos produtos comerciais. A divulgación sobre as enfermidades das plantas e medios para combatelas xogou sempre un relevante papel nas actividades da EFA, de feito, a primeira actividade que se puxo en marcha no novo centro foi o servizo de consultas; a iso sumouse a Cátedra ambulante, visitas por toda Galicia, publicacións gratuítas, artigos en prensa, etc. A estación coruñesa sería suprimida en 1929 e volveu a funcionar en 1933, con Pedro Urquijo Landaluce de director.

O primeiro director da estación, Carlos González de Andrés, recibiu a fins de maio de 1927 a Sardiña, quen veu axudar por uns meses nos traballos de instalación e redactou unas “Notas bibliográficas de interés para la región”. Reclamado pola Estación Central de Madrid, marchou en agosto dese ano e publicaría unha ducia de traballos entre 1927 e 1934. Durante parte da Guerra Civil tivo que trasladarse, como o Goberno republicano e moitas institucións, a Valencia, traballando na Estación de Burjasot. Neses anos afastado de Galicia non perdeu o contacto coa EFA coruñesa, así, por exemplo, en 1934 publicaría con Urquijo un estudo sobre a podremia na raíz da viña, enfermidade causada por dous fungos. 

Desterrado por ser leal á República

Ao remate da Guerra Civil abríuselle un expediente a Sardiña, coa acusación de “colaborar” co goberno republicano. O que fixera o enxeñeiro fora cumprir co seu deber profesional, o “crime” consistía en que nin se sumou á rebelión nin á quinta-columna madrileña, seguiu traballando para o goberno lexitimo. Porén, eran tempos nos que as novas autoridades esixían “adhesión inquebrantable”, e o enxeñeiro debeu pasar polo Tribunal de Responsabilidades Políticas que o condenou ao desterro. Tivo a fortuna de que o xulgaron colegas, enxeñeiros agrónomos, que lle permitiron escoller destino. Elixiu a EFA da Coruña e nela permaneceu, baixo un director máis novo, algo pouco habitual na época. Menos sorte tiveron outros, como o gran veterinario Juan Rof Codina, desterrado a Tenerife e que non volvería a Galicia ata 1941.

 

Éxito científico en difíciles circunstancias

Tivo a fortuna de que o xulgaron colegas, enxeñeiros agrónomos, que lle permitiron escoller destino. Elixiu a EFA da Coruña e nela permaneceu, baixo un director máis novo, algo pouco habitual na época. Menos sorte tiveron outros, como o gran veterinario Juan Rof Codina, desterrado a Tenerife e que non volvería a Galicia ata 1941

Malia as condicións precarias nas que Sardiña desenvolveu o seu traballo na estación coruñesa, o científico salientou nese período polas súas contribucións en Viroloxía no panorama da ciencia española contemporánea. Desde os anos corenta especializouse definitivamente en Viroloxía vexetal, cuestión sobre a que publicou dezasete traballos entre 1941 e 1959. De feito, creou na Coruña o primeiro Centro de Estudo dos Virus Vexetais do Estado e, posteriormente, dirixiu a Sección de Viroloxía na “Estación de Mejora de la Patata de Vitoria”. 

Os virus que atacan aos vexetais entran nas súas células, alterando a planta e afectando á produción. Adoitan provocar diversas sinais, como manchas. Así acontece, por exemplo, coas patacas, onde –debido a que se propagan asexualmente– os virus dunha planta pasan á seguinte xeración polos cachos de tubérculos utilizados. Sardiña publicou sobre o tema da virose da pataca arredor dunha ducia de artigos e libros, e acadou renome internacional. Cómpre indicar que toda a produción española posterior de pataca da semente, no que se refire á detección de certos virus transmisibles, estivo baseada nas técnicas que el deseñou e é desenvolvida polos equipos técnicos que el preparou.

Sardiña traballando no laboratorio (arquivo da familia Rodríguez López) ©

Malia as condicións precarias nas que Sardiña desenvolveu o seu traballo na estación coruñesa, o científico salientou nese período polas súas contribucións en Viroloxía no panorama da ciencia española contemporánea

Como indicou o profesor Lourenzo Fernández Prieto na biografía de Sardiña para o Álbum da Ciencia, “A súa sólida formación e os contactos internacionais por el establecidos na preguerra –e a duras penas mantidos despois–, convertérono nunha illa no marco do desolador panorama científico da longa e autarquía da posguerra española. O desenvolvemento da fitopatoloxía en Galicia, nos seus aspectos máis sólidos e teóricos débelle en orixe case todo a Rodríguez Sardiña”2.

O noso enxeñeiro tamén se interesou por outras cuestións da Fitopatoloxía e Agronomía. Asesorou á “Sociedad Española de Fomento del Lúpulo”, introducindo en España en 1945 o secadoiro de lúpulo de tipo vertical, e deseñou técnicas para o mellor e máis produtivo cultivo do lúpulo. Ademais, foi o primeiro decano do colexio de oficial de enxeñeiros agrónomos de Galicia. Xubilouse en setembro de 1964, pero durante anos continuou traballando de xeito voluntario no seu centro.

 

Dúas testemuñas

“A súa sólida formación e os contactos internacionais por el establecidos na preguerra convertérono nunha illa no marco do desolador panorama científico da longa e autarquía da posguerra española. O desenvolvemento da fitopatoloxía en Galicia débelle en orixe case todo a Rodríguez Sardiña"

No ano 2007 conversei con dous enxeñeiros agrónomos que foron colegas de Sardiña na Granxa agrícola coruñesa, o rioxano Gregorio Santaolalla Azpilicueta e o todelano Valeriano Yepes Hernández. Ambos se incorporaron en 1952, Santaolalla para traballar en Fitopatoloxía con Pedro Urquijo e Yepes na Estación de praticultura e cultivos de veiga. Santaolalla subliñou as condicións precarias nas que Sardiña desenvolvía o seu traballo na EFA, na que non dispuña máis que dun axudante, Torres, un practicante que facía o labor de axudante de laboratorio. Despois, polo ano 1954 ou 1955 veu Jorge Novales Lafarga a traballar exclusivamente con el. A esa carencia de persoal sumábanse as limitacións en medios e recursos, os problemas organizativos e o illamento no que vivían os científicos nos tempos da autarquía franquista. 

Yepes e Santaolalla coincidiron coa opinión que expresara no seu momento Pedro Urquijo: ”Sardiña era moi sabio, con todas as características dos verdadeiros sabios, erudición, amor ao traballo, sinxeleza”

Santaolalla explicoume a especial atención que prestaban na EFA ás consultas dos campesiños sobre diversas enfermidades das plantas, sobre todo o mildio da pataca e da vide, a tinta do castiñeiro, o “chancro” da pereira e da maceira, o “taladro” do millo, etc. En 1961 publicou, con Sardiña e Urquijo, un libro, Patología vegetal agrícola: enfermedades de las plantas, a editorial Salvat, Barcelona. O enxeñeiro rioxano salientou o papel de mestre de Sardiña para moitos técnicos especialistas en virus vexetais, non xa de Galicia senón de toda España. 

Yepes e Santaolalla coincidiron coa opinión que expresara no seu momento Pedro Urquijo: ”Sardiña era moi sabio, con todas as características dos verdadeiros sabios, erudición, amor ao traballo, sinxeleza”. Ese adxectivo, sabio, foi o máis repetido por estes enxeñeiros á hora de valorar a figura científica de Sardiña. 

 

Balance do desterro dun sabio anónimo

Como vemos, o desterro de Sardiña tivo un dobre efecto. No plano persoal limitou a súa carreira profesional, pois na Estación Central dispuña de máis medios e visibilidade. Mais, por outra banda, permitiu que en Galicia contaramos coa valiosa contribución dun destacado fitopatólogo e máximo especialista en España nos virus vexetais. Un sabio que –descoñecido para o público– merece recoñecemento.

 

Notas

1 A Estación de Fisiopatoloxía Agrícola de A Coruña (1926-1951), 1994. 

2 http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=351

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.