Lembro a Caballero Bonald

José Manuel Caballero Bonald CC-BY-SA Casa de América

A palabra “caballero” está de moda, diría ironicamente, que está en venda, porque é nos lugares onde venden ou ofrecen algo onde máis se utiliza, se falan en español. “Que desea el caballero?, Aquí tiene una mesa, caballero…” En lóxica oposición, as mulleres non somos damas. No mellor dos casos, señoras, no peor e máis normal, “chicas”, independentemente da idade. Así está a situación neste país, madame, que sería como a chamarían en Francia.

Nos seus poemas, reivindica a incerteza. Segundo a súa opinión, quen está seguro de todo é un imbécil

Non sei que opinaría Caballero Bonald da popularidade do seu apelido. Hai tempo, moito, que non estou con el, e agora din os medios que faleceu pasados os 90 anos. Unha vida merecedora de anos, sen dúbida. 

Á marxe, el era un caballero, no sentido antigo do termo. Educado, prudente, amable e culto, exercía estas e outras dotes con normalidade. Nada sucede porque si. A súa nai era unha aristócrata francesa. Moi lonxe del, facer alusión a esa procedencia. Pero tiña unha linguaxe elegante e culta, empregada na súa poesía na reivindicación esquerdista e na súa crítica ao franquismo. Ideoloxicamente era un comunista, aínda que non pertencía a ese partido nin a ningún outro. Unha maneira de resgardar a súa ideoloxía fóra de incidencias.

Ignoraba que fose flamencólogo. Lástima! Porque son admiradora do flamenco e houbese tirado bo partido da súa instrucción. 

Aínda que o seu quefacer literario era moito máis amplo, eu coñecíao como poeta e nese aspecto valorábao. 

Nos seus poemas, reivindica a incerteza. Segundo a súa opinión, quen está seguro de todo é un imbécil. Participo deste criterio, avalado pola propia vida e a miña escrita, pero sen embargo creo que hai cousas básicas e fundamentais que levamos con certeza ao longo da nosa vida. 

Pareceume breve o tempo que pasei con el, maiormente viaxando. Coincidimos en México por motivos culturais. Daquela eu estaba interesada polas “cartuxeiras” mulleres que botaban as cartas. En Vigo tiña unha amiga, unha señora maior ca min, viúva dun marino de la armada española, que era afeccionada ás artes ocultas esas, facía espiritismo na casa, cunha amiga tamén viúva de “caballeros rosacruz” e visitaba a “cartuxeiras”. Eu coñecinas a través dela e levaba un magnetófono nunha bolsa (daquela os aparellos eran grandes) onde recollía as palabras das señoras que me lían as cartas. Así puiden escribir a obra de teatro A Cartuxeira, usando o vocabulario propio delas. Ningunha descubriu o meu aparello. Conectábao na porta antes de entrar para que non escoitaran o ruído do botón de acción. 

Agora anuncian a súa morte e creo que chegou o momento de iniciar unha nova e máis completa lectura da súa obra

Tiñan frases feitas moi antigas que repetían na lectura das cartas sobre a miña vida e circunstancias. Ese foi o motivo de poder trasladalas á literatura.

Nas sesións tiña que inventarme asuntos e desgrazas da miña vida, preferentemente de mortes e amores, para darlles cancha. 

Isto vén a conto, porque estando en México, intentei buscar a adivinadoras ou cartuxeiras, nun lugar que me parecía interesante. Fíxeno en Veracruz, e un acompañante da cidade buscou onde levarme, pola noite. Comenteillo aos poetas compañeiros de viaxe e lembro que Caballero Bonald preocupouse e desanimoume a ir. Podía ser unha trampa. 

O prudente consello do poeta fixo que a miña actitude impedise calquera problema. Non lembro se lle recoñecín a súa preocupación. 

Agora anuncian a súa morte e creo que chegou o momento de iniciar unha nova e máis completa lectura da súa obra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.