Liberdade condicional

O inicio de setembro é unha desas épocas do ano nas que prolifera a publicidade de produtos e métodos para perder peso. Igual ca maio, antes e despois de nadal e mediados de marzo. En realidade, durante todo o ano estamos expostos a este tipo de campañas, con diferentes escusas: que se os excesos das festas, a operación bikini, o peso que gañaches coas cañas e as tapas do verán... A conclusión obvia é: temos un problema co peso e coa alimentación durante todo o ano.

Nestas últimas semanas estou asistindo atónita a un debate sobre a obesidade, cousa que de entrada me parece como para ser debatida e ocupar portadas de prensa, dada a magnitude do problema. A miña sorpresa vén dada polos termos do debate: o problema da obesidade (22.9% de persoas obesas e 36.0% con sobrepeso no ano 2010 no noso entorno (1), realmente arrepiante) reducido a unha cuestión de elección individual. O “dereito” a ser unha persoa gorda, a “responsabilidade” sobre a propia gordura. Se o feito de que modelos de “tallas grandes” ocupen portadas de revistas de moda é un logro empoderante ou unha trampa máis do capitalismo, que ve nas persoas obesas un importante nicho de mercado.

Non quero quitarlle importancia á vivencia de discriminación que poidan sufrir as persoas con obesidade, e á presión social para encaixar nun certo canon estético ridículo e irreal. Tampouco á presión específica sobre as mulleres, con menores cifras de obesidade e sobrepeso que os homes (1), pero sinaladas con infinitamente máis saña que aqueles. O que quero é poñer de relevancia o absurdo de falar de dereitos e responsabilidades cando estamos a falar de temas de saúde pública. Estar obeso non é un dereito, debera selo ter acceso a comida saudable e de boa calidade, sexa cal sexa o teu nivel socioeconómico. Un dereito deberan ser os espazos de ocio activo de balde en cada barrio. Os menús saudables nas escolas, as máquinas expendedoras con froita nos hospitais. Ter obesidade é un problema de saúde, e ninguén tería por que ter un problema de saúde evitable.

Si, evitable. Polo menos en parte. A obesidade é un fenómeno multifactorial, como case calquera enfermidade crónica: existen factores xenéticos, ambientais e de estilo de vida que a provocan e a manteñen (2). O aumento vertixinoso nas últimas décadas débese aos segundos, dado que os primeiros non se modifican a tal velocidade.

O máis obvio é o menor gasto enerxético pola mecanización das tarefas da vida cotiá (transportes, traballos físicos, tarefas domésticas...) e o aumento da inxesta calórica polos alimentos procesados que consumimos. Moitos dos produtos que conceptualizamos como “sans” ou “para nenos” (flocos de millo do almorzo, galletas, zumes...) son auténticas bombas de glicosa e calorías sen grande valor nutricional (3). Pero se só estiveran en xogo estas variables, a obesidade distribuiríase de xeito máis ou menos uniforme por todas as capas sociais dos países industrializados, e non é así.

A obesidade é unha enfermidade de pobres. A súa incidencia aumenta canto menor é o nivel socioeconómico e cultural dos individuos e isto repítese, con maior ou menor intensidade, en todos os países mal chamados ricos

A obesidade é unha enfermidade de pobres. A súa incidencia aumenta canto menor é o nivel socioeconómico e cultural dos individuos (4), (5) e isto repítese, con maior ou menor intensidade, en todos os países mal chamados ricos. Dende unha perspectiva social e de dereitos sanitarios, parece que o discurso da responsabilidade individual non ten moita marxe, se o que observamos é que a menor renda, maior posibilidade de sobrepeso. Resulta que as persoas con menor renda “deciden” ser obesos? Exercen o seu dereito, libre e individual, a non entrar no canon de delgadeza?

Por suposto, as persoas con sobrepeso/obesidade teñen dereito a non ser discriminadas pola súa apariencia nin por ningún outro factor, pero semella que a obesidade é a consecuencia dunha discriminación (económica) previa, se ben pode axudar a manter o ciclo de pobreza-discriminación-pobreza.

As persoas con menos recursos tenden a ter estilos alimentares menos saudables, e isto tampouco ten nada que ver con eleccións individuais. En primeiro lugar, os produtos altamente procesados son baratos, rápidos e teñen bo sabor, co cal non precisan tempo nin enerxía (que vai cara) na súa preparación, nin no seu consumo (non tes que lidar cos nenos para que coman verduras, por exemplo). Isto pode parecer argumento de pouco peso, pero con traballos extenuantes e horarios extensísimos, simplificar e facilitar as comidas pode ser algo realmente importante, ademais do factor económico puramente.

Por outra banda, xeralmente o nivel económico e formativo van da man, e pode ser que moitas persoas consuman produtos pouco saudables sen sabelo. Se isto parece pouco crible, pensemos en toda a publicidade en torno a produtos de almorzo, na que se fai fincapé en palabras como “saudable”, “enerxía” ou “vitaminas”. Non só hai que escoller produtos sans, senón que hai que desconfiar activamente do que nos transmiten os medios e informarse con coidado, o cal como todos sabemos, require tempo. Un tempo que, se traballas 10 horas ao día, moi probablemente non teñas. No ensino obrigatorio non hai ningunha materia de saúde que nos capacite para entender información fiable sobre alimentación, co cal o traballo é dobre: non só tes que buscar a información, senón ademais filtrala, discriminar o que realmente é científico e fiable, e entendela correctamente.

Culpar ás persoas obesas da súa condición ou falar do dereito destas a ser obesas son as dúas caras da mesma moeda: a tendencia neoliberal de sobreestimar o peso das eleccións individuais e desbotar con lixeireza as condicións materiais da vida dos individuos, como se todo fose unha cuestión de “forza de vontade”

Por último e non menos importante, ter que  ocuparse de problemas perentorios a curto prazo distrae de atender a outras cuestións que poden ser tamén de grande importancia, pero cuxas consecuencias só son evidentes ao longo de meses ou anos. Se non sabes se vas ter para pagar o alugueiro, se cadra non pensas nas calidades nutricionais desa pizza catro queixos. Autores como Shafir e Mani (6) (7) (8) xa postularon que as condicións de pobreza e carencia con frecuencia levan á toma de peores decisións, precisamente pola necesidade de atender problemas graves e urxentes, que non deixan espazo mental para ocuparse doutro tipo de cuestións.

Culpar ás persoas obesas da súa condición ou falar do dereito destas a ser obesas son as dúas caras da mesma moeda: a tendencia neoliberal de sobreestimar o peso das eleccións individuais e desbotar con lixeireza as condicións materiais da vida dos individuos, como se todo fose unha cuestión de “forza de vontade” (outro clásico cando se fala de sobrepeso). Por suposto, non é unha visión inocente, senón un nesgo intencionado. Culpando aos individuos dos seus propios problemas de saúde, evitamos poñer o foco nas políticas que xeran desigualdade e como estas afectan a factores concretos da calidade de vida das persoas. As vías para facer fronte á epidemia de obesidade que padecemos non teñen nada que ver coa forza de vontade nin coa liberdade individual,  nin tampouco con que Inditex fabrique ou non tallas máis aló da 42.

Teñen que ver con implementar políticas públicas de promoción de alimentación saudable, información veraz e confiable e alimentos accesibles e próximos xunto con facilitación de horarios e custos enerxéticos. En suma, un cambio social.

1.  Gutiérrez-Fisac JL, Guallar-Castillón P, León-Muñoz LM, Graciani A, Banegas JR, Rodríguez-Artalejo F. Prevalence of general and abdominal obesity in the adult population of Spain, 2008-2010: the ENRICA study. Obes Rev Off J Int Assoc Study Obes. 2012 Apr;13(4):388–92.
2.  Hruby A, Hu FB. The Epidemiology of Obesity: A Big Picture. PharmacoEconomics. 2015 Jul;33(7):673–89.
3.  Serra Majem L, Ribas Barba L, Aranceta Bartrina J, Pérez Rodrigo C, Saavedra Santana P, Peña Quintana L. [Childhood and adolescent obesity in Spain. Results of the enKid study (1998-2000)]. Med Clin (Barc). 2003 Nov 29;121(19):725–32.
4.  Martín AR, Nieto JMM, Ruiz JPN, Jiménez LE. Overweight and obesity: the role of education, employment and income in Spanish adults. Appetite. 2008 Sep;51(2):266–72.
5.  Marqueta de Salas M, Martín-Ramiro JJ, Juárez Soto JJ. [Sociodemographic characteristics as risk factors for obesity and overweight in Spanish adult population]. Med Clin (Barc). 2016 Jun 3;146(11):471–7.
6.  Mani A, Mullainathan S, Shafir E, Zhao J. Poverty impedes cognitive function. Science. 2013 Aug 30;341(6149):976–80.
7.  Shafir E. Decisions in poverty contexts. Curr Opin Psychol. 2017;18:131–6.
8.  Shah AK, Mullainathan S, Shafir E. Some consequences of having too little. Science. 2012 Nov 2;338(6107):682–5.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.