Liberdade de expresión fronte aos ciberataques

Sitio web de El Salto durante o ataque CC-BY-SA El Salto

Varios medios, entre eles ‘La Marea’ e ‘El Salto’, sufriron ataques anónimos que impediron acceder ás súas páxinas. Desde a Plataforma de Medios Independentes, á que pertencen ambos, pedimos que se investigue o caso e mostramos a nosa solidariedade a todos os proxectos ameazados

Nas últimas dúas semanas producíronse ciberataques a distintos medios de comunicación. Trátase de ataques de denegación de servizo (DDoS), un tipo de agresión informática pola que, desde múltiples direccións IP e co uso de bots, tómbase un servidor sobresaturándooo con peticións de información. No ataque foron afectados dous medios que forman parte da Plataforma de Medios Independentes (PMI), La Marea e El Salto, así como o provedor de servizos no que se aloxan, Nodo50. Así mesmo, outros proxectos comunicativos como La Última Hora, Kaos en la Red ou Arainfo sufriron caídas temporais durante esta campaña de ataques.

O ataque contra El Salto e La Marea comezou o venres 19 de novembro e mantívose ao longo do sábado 20 e o domingo 21. Isto impediu ao persoal de ambos os medios traballar nas súas páxinas web, e negou ao público a posibilidade de acceder a elas durante a maior parte do día.

No pasado, era habitual que grupos de provocadores irrompesen nas imprentas onde se publicaban xornais incómodos e atacasen os medios de produción. Hoxe o seu equivalente é un ataque DDoS.

Esta campaña ten distintos efectos, pero o máis importante é o que supón para a liberdade de expresión. No pasado, era habitual que grupos de provocadores irrompesen nas imprentas onde se publicaban xornais incómodos e atacasen os medios de produción. Hoxe o seu equivalente é un ataque DDoS.

O feito de que o ataque sexa a distancia e anónimo é igualmente grave. Dáse nun contexto de emprego de fake news, granxas de bots e trolls que alteran o ecosistema dixital, facéndoo a miúdo irrespirable e favorecendo a expansión dos discursos de odio e contra a liberdade de expresión e a defensa dos dereitos humanos. Como no pasado, este ataque afecta as persoas que traballan nestes medios, desestabiliza economicamente os seus proxectos e trastorna a liberdade de prensa, un principio irrenunciable para as nosas sociedades.

Desde a PMI pedimos que se investigue o caso adecuadamente, que as autoridades competentes fagan todo o posible para que non poidan repetirse estes ataques, e mostramos a nosa solidariedade e todo o noso apoio a todos os proxectos que estiveron ameazados nos últimos días polos autores deste ataque. 

CC-BY-SA La Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.