Liberdade de expresión sen voz

Ríos de tinta corren nestes tempos que nos toca vivir sobre a liberdade de expresión, verbas, as máis delas que en boca dos mass media soan canto menos cínicas, medios que atentan cada día co seu xeito de informar ou desinformar sobre a realidade que está a ocorrer no mundo.

Non podía deixar pasar a oportunidade de comezar este texto cunha cita do gran Rafael Correa: "Desde que se inventó la imprenta, la libertad de prensa es la voluntad del dueño de la imprenta". Xa que a liberdade de prensa, ó fin, non deixa de ser un medio idóneo para desenvolver a primeira, podemos afirmar que a liberdade de expresión é a que o establishment ten vontade de aceptar como válida.

Unha frase moi acertada para explicar a situación do periodismo no seu país, pero que se pode extrapolar perfectamente a case calquera lugar do mundo. Refírome, como todos sabedes á defensa acérrima en nome da liberdade de expresión que se fai dende as instancias políticas e os grandes medios do celebérrimo atentado contra a revista francesa. Un ataque, que por outra banda acaba de servirlle as eleccións en bandexa á Fronte Nacional, un partido que, ironías da vida non debe estar moi a prol da liberdade de pensamento nin de expresión.

Ás veces semella que a liberdade de expresión é a relixión do século XXI, pois no seu nome é doado xustificar case calquera cousa

Ás veces semella que a liberdade de expresión é a relixión do século XXI, pois no seu nome é doado xustificar case calquera cousa, pero a súa realidade está suxeita á arbitrariedade do que interpreta as leis e do propio lexislador. Pois non parece coherente defender a liberdade de expresión do país veciño, cando no propio non se pode nin mentar algo tan anacrónico como é a familia real. Cando se mantén artificialmente en prisión á persoa que probablemente máis traballou para conseguir que o proceso de paz no país vasco saíse adiante. Cando en fin, se acaba de aprobar unha lei de seguridade cidadá que ven precisamente a coutar esa liberdade entre outras.

Adoitase falar da liberdade de expresión como se fose algo tanxible, sinxelo e que se pode acadar de forma inmediata, sendo acotío unha quimera, un imposible, pois non pode existir liberdade de expresión se non existe liberdade de pensamento.

Esa liberdade intelectual, ou o mesmo acceso ao mercado das ideas do que falaban Oliver Wendell Holmes e Louis Brandeis, deben ser fantasías cando o individuo non pode nin quere moitas veces (porque está alienado) ser autónomo para participar da política e da sociedade que o rodea, non se pode nin sequera imaxinar que sexa ceibe para expresar ideas propias, se non prestadas, ou o que é máis grave, impostas.

Cando a poboación que vive baixo o umbral da pobreza non deixa de aumentar, cando o acceso a unha educación superior é un imposible para grande parte das familias, cando en fin, as necesidades básicas dun sector cada día máis amplo da cidadanía non están a ser cubertas, faise complicado ver algo desa liberdade de expresión. Estaremos a sobrevalorar a liberdade de expresión?

Pode un pobo no que se couta o anceio de falar e expresarse no seu idioma, ter liberdade de expresión?

Se é evidente que esta liberdade non é tal per sé, fágome unhas preguntas:

  • Pode un pobo no que se couta o anceio de falar e expresarse no seu idioma, ter liberdade de expresión?
  • Pode un país sen unha voz propia, pensar e expresarse libremente?
  • Como un país no que dende as institucións non se aposta pola súa lingua (que é a única que pode expresar os sentimentos e as formas de vivir e de pensar dunha comunidade de falantes) pode ter liberdade de expresión?
  • Se non podes pensar na lingua materna (porque hai outra imposta) semella difícil poder ter liberdade para expresar unha idea que non estea enormemente contaminada por unha cultura allea (entendida como unha maneira de pensar, obrar, sentir e falar) Que por desgraza fagocita cada día un pouco máis á autóctona.

A liberdade de expresión para os galegos pasa por defender a nosa voz, a nosa cultura, o noso modelo social, por ser capaces de construír un país no que o autogoberno permita activar as políticas necesarias a tempo. O paso de converter o Portugués en lingua optativa está ben, era lóxico, pero chega tarde, moi tarde.

A liberdade de expresión para os galegos pasa por defender a nosa voz, a nosa cultura, o noso modelo social, por ser capaces de construír un país no que o autogoberno permita activar as políticas necesarias a tempo

A nosa liberdade está intrinsecamente ligada á saúde do noso idioma, sen el non teremos liberdade, porque non existiremos como tal. De aí a célebre frase de Alfonso Daniel: "Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma", el xa se decatou fai máis de medio século que a nosa liberdade como colectivo no mundo estribaba na lingua.

Parece dramatismo, pero é difícil imaxinar un país galego sen idioma propio. Moitas veces gosto de compararnos con Escocia, máis a forza do nacionalismo galego é a que é. Evidentemente este fenómeno ten os seus motivos, pero a realidade e a historia impóñense. Escocia sobrevive como nación cun idioma extinto na práctica (o Gaélico Escocés anda polos 50.000 falantes), mentres que Galicia cun idioma en horas baixas no ámbito puramente nacional, pero cunha proxección enorme cara o mundo da lusofonía que o sitúa como o terceiro máis estendido do mundo, aínda comeza a espertar do bipartidismo que a asoballa.

As novas forzas emerxentes que din respectar o dereito de autodeterminación dos pobos deben decatarse que o caso galego é especial, que require un tratamento específico para unha doenza particular, aquí non chega con respectar, na nosa pequena nación requírese por tódolos medios institucionais ó servizo do idioma e da sociedade.

Somos pouco máis de dous millóns e medio de habitantes e non contamos cunha elite empresarial para elaborar un discurso que nos poña en valor

Somos un país culturalmente enorme, que abrangue formas de vivir e de sentir moi diversas, máis ó mesmo tempo temos un peso específico moi pequeno na política e na economía, somos pouco máis de dous millóns e medio de habitantes e non contamos cunha elite empresarial para elaborar un discurso que nos poña en valor (os anuncios do Gadis, están moi ben como intento, pero é escaso, e ademais da unha imaxe estereotipada do noso pobo, semella que en lugar de retratar o país, fai unha caricatura). Por iso somos a propia cidadanía a que debe traballar nos diferentes eidos ós que non chega o apoio das institucións, temos o deber de implicarnos activamente na política, nos movementos sociais, nas diferentes iniciativas (que hai moitas e diversas), nas multitudinarias manifestacións a prol tanto do idioma como dos diferentes sectores produtivos que morren cada día de inanición. Ó fin trátase de defender a nosa liberdade, de expresarnos, de vivir e de pensar.

Somos a cidadanía a que temos que arrastrar ás institucións, porque en Galiza a política case sempre vai varios pasos por detrás da realidade social

Cómprenos a nós desenrolar ese papel de construír unha identidade propia que nos libere. Somos a cidadanía a que temos que arrastrar ás institucións, porque en Galiza a política case sempre vai varios pasos por detrás da realidade social.

Se queremos liberdade de expresión e sobre todo de pensamento, para nós e para os nosos descendentes, debemos comprometernos dende abaixo, para que ninguén lles meta nos miolos xamais que son bestas por falar o seu idioma, que ninguén lles diga que son un país empobrecido que vive dos demais, que ninguén os mire por riba do ombreiro, para que sexan ó fin ceibes, que poidan sentir, pensar e expresarse sen trabas nin complexos, porque só así acadaremos esa voz propia, a liberdade de expresión á que temos dereito como cultura única no mundo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.