Liberdade vixiada

Díxitos en lugar de muros; redes sociais en troques de medios de información; precariedade no traballo e na vida fronte á permanencia das funcións sociais e as relacións persoais. O mundo foi cambiando ao fío de avances tecnolóxicos que afectan aos modos de produción e comunicación, ás prácticas educativas, aos conflitos bélicos. Pero non se trata solo de tecnoloxía. É unha mutación histórica da que aínda non vemos ben a contorna, e que leva xa unhas décadas entre nós.

O mundo foi cambiando ao fío de avances tecnolóxicos que afectan aos modos de produción e comunicación, ás prácticas educativas, aos conflitos bélicos

Hai un breve e esclarecedor texto do filósofo francés Gilles Deleuze que apareceu en 1990, Post-scriptum sobre as sociedades de control, que é pioneiro en reflectir esa mutación histórica. Deleuze fala da transición do que seguindo a Foucault chama “sociedades disciplinarias” a cara un novo rexime de control, transición que con 25 anos de globalización neoliberal non se pode máis que confirmar. O modelo das sociedades disciplinarias era o modelo da fábrica, que acadou o seu apoxeo co ideal científico positivista do século XIX e principios do XX, e ese modelo é hoxe claramente insuficiente, non se compadece ben coa circulación do capital nin coa circulación dixital, e foi substituído a todos os efectos polo modelo da empresa.

A empresa é a forma organizativa do control e a vixilancia, modelo que funde hoxe os intereses corporativos e os militares con tecnoloxías cada vez máis próximas ás películas de ciencia ficción

A empresa é a forma organizativa do control e a vixilancia, modelo que funde hoxe os intereses corporativos e os militares con tecnoloxías cada vez máis próximas ás películas de ciencia ficción: a enxeñaría xenética, a nanotecnoloxía ou o ciberespazo, e tamén a vida urbana e os grandes espazos naturais do planeta devastados por conflitos sen fin, todo conforma un mesmo e único campo de batalla no que proliferan a espionaxe e o autoritarismo. O control e a vixilancia son instrumentos principais nunha guerra sen obxectivos claros nen liñas ben definidas pero dos que as nosas sociedades xa non poderían prescindir, a risco de conceder vantaxes aos potenciais inimigos.

O control e a vixilancia son instrumentos principais nunha guerra sen obxectivos claros nen liñas ben definidas pero dos que as nosas sociedades xa non poderían prescindir, a risco de conceder vantaxes aos potenciais inimigos

O control e a vixilancia son dispositivos cada vez máis normalizados na experiencia cotiá que os individuos estamos dispostos a aceptar como parte da nosa seguridade. A inseguridade é un grande obxecto de promoción mediática e de manipulación interesada, que sirve para implementar novas medidas de seguridade; un efecto utilizado a conveniencia polo contraterrorismo, especialmente despois do 11-S. A nova lei de seguridade cidadá reflexa esa nova tesitura penal, que substitúe a idea dunha culpabilidade que debe ser certificada polo concepto máis lábil de perigosidade, acorde cunha cultura da prevención pero tamén da sospeita xeneralizada. Sentirse vixiado para sentirse seguro pero sen poder evitar a sensación de que o ollo que nos vixia está á espera, agardando que se faga real a nosa condición de potencial infractor.

O imperativo de felicidade é outro dispositivo de control, ligado ao hedonismo do consumo e á expresividade das emocións. Nas sociedades disciplinarias os códigos de conduta pública impedían a exteriorización do pracer, que quedaba reservado ás esferas íntimas e grupos de iguais. O totalitarismo do segundo cuarto do século XX levou esa proscripción ao paroxismo, edificando unha auténtica industria do sufrimento. Kafka, a dicir de Deleuze, estaría no vértice entre disciplina e control, leva a disciplina o absurdo pero xa anuncia outra cousa, o futuro dun control sen descanso.

Despois da caída do muro, co triunfo da axenda neoliberal, a apoteose da globalización e o crecemento das tecnoloxías da información, que foi das sociedades abertas?

Nos anos 30 e 40 a loita pola democracia tiña unha clara liña de demarcación, como loita anti-fascista e defensa das sociedades abertas. Nas décadas seguintes de guerra fría ese motivo de confrontación pasou pola vixilancia mutua de capitalismo e socialismo real; comezábase a sospeitar da liberdade das “sociedades libres”, pero desde moi pronto quedou claro o carácter totalitario do estalinismo, e que a disciplina soviética creara sociedades burocráticas, grises e kafkianas como ningunha outra. A liberdade occidental non era un simple engado senón unha lexítima aspiración das poblacións do leste, como se viu no desmoronamento vertixinoso dos seus réximes.

Despois da caída do muro, co triunfo da axenda neoliberal, a apoteose da globalización e o crecemento das tecnoloxías da información, que foi das sociedades abertas? Vendo as atrocidades do Estado Islámico se pode trazar unha demarcación que hoxe pasaría pola liña entre fundamentalismo e pluralismo, pero se non esquecemos o devir das sociedades abertas e flexibles no réxime de control. Do mesmo xeito que o mundo soviético era unha ficción que non podía evadirse da circulación global do capital, a ironía máis sorprendente da guerra fría foi que as sociedades abertas, libres e pluralistas acabaron desenvolvendo métodos propios das sociedades disciplinarias. Son as novas “sociedades abertas de control”. Os caso dos documentos de Wikileaks e as revelacións de Arthur Snowden poñen de manifesto un novo umbral na vixilancia e o control que fan de CIA, KGB e Stasi os modelos primitivos dunha espionaxe masiva. Hoxendía non podemos negar os obxectivos comerciais do tráfico de datos, pero tampouco se pode obviar que a sofisticación dos mecanismos disciplinarios fai que a disciplina se poida considerar como a verdade profunda da liberdade.

O modelo disciplinario da fábrica se encarnaba en escolas, hospitais e prisións, institucións que administraban unha función social acoutándolle un espazo pechado e illado do corpo social. Representaban a pulsión social do encerro. Pero hoxe están desbordadas polas novas dinámicas sociais. Na educación, a saúde, a seguridade, o traballo, as institucións disciplinarias están abocadas a abrirse, ser empresas e competir no campo social con procesos de novo cuño, e a sociedade é fagocitada por esa competencia: a vida social colonizada polas esixencias do traballo; as formas variadas da existencia convertidas en patoloxías rendibles; as escolas que se enchen de cámaras de vixilancia pero que eso non consigue evitar que languidezan, incapaces de adaptar a súa raíz disciplinaria a tempos de extrema fluidez, desbordadas pola esixencia constante de actualizar coñecementos e a necesidade de formación continua que advirte da inapelable obsolescencia do saber; e a vida social toda, que por obra da hipervixilancia se converte nunha enorme prisión invisible.

A desintoxicación tecnolóxica debería ser parte hoxe da máis básica pedagoxía, se queremos reter parcelas de liberdade

Educación, saúde, traballo, seguridade serán bens de difícil acceso, obxecto de disputa e de obsesións enfermizas, apetecibles nichos de mercado. Serán tamén vividos como tormentos inacabables máis que como simples condicións da existencia social. Malia todo as nosas sociedades combinan (e combinarán aínda por moito tempo) os métodos físicos das vellas disciplinas co control maiormente dixital, como esas urbanizacións exclusivas nas que os setos enormes retroceden ante as barreiras intelixentes e as cámaras de vixilancia.

Neste panorama o plan de vida debe incluír os necesarios marxes de desconexión tecnolóxica. Os adolescentes (e non tanto) que camiñan pola rúa absorbidos polos teléfonos móbiles, abertos ao espazo exterior do ecosistema dixital, pero deixando en modo silencio a comunicación cos pais (cos amigos, cos fillos), non reparan en engrosar un Big Data que se presta a todo tipo de usos (algúns ilegais, a maioría comerciais, moitos sospeitosamente preocupados pola nosa saúde, o noso benestar, a nosa seguridade). A desintoxicación tecnolóxica debería ser parte hoxe da máis básica pedagoxía, se queremos reter parcelas de liberdade.

O futuro pode vernos alienados e felices, convenientemente endebedados, artellando artificios contables para soster a ficción dunha vida boa; pero xa non será produto da autodeterminación humana senón da programación social e, en definitiva, das redes

Pero non será fácil conter o proceso tecnolóxico. Cando as cámaras de vixilancia incorporen sistemas de identificación automática da identidade e se xeneralice o pago con pegada dactilar dixitalizada o réxime de control terá acadado un escalón superior. Conectándonos e desconectándonos a pracer buscaremos ser habitantes dun universo clónico, ben adestrados e normalizados, parecernos ás máquinas. Cal será o límite da maleabilidade humana, da capacidade de manipulación da nosa natureza? O futuro pode vernos alienados e felices, convenientemente endebedados, artellando artificios contables para soster a ficción dunha vida boa; pero xa non será produto da autodeterminación humana senón da programación social e, en definitiva, das redes. Cos nosos perfís, historiais e rexistros serán as redes as que formarán o tecido da nosa existencia vixiada; pero será un tecido virtual, propio dunha existencia que só a efectos prácticos aínda chamaremos real.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.