Libre albedrío

Unha urna nun colexio electoral nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA En Común

Volvo a este foro da casa de Praza.gal agradecida e con degoiro de falar alto e claro. Sobre todo, o segundo.

O Big Data apoderouse do poder. Que lle pregunten a Brittany Kaiser e a Cambridge Analytica. 

Chego en plena voráxine electoral, nun ano que trae dúas convocatorias ás urnas e é véspera das eleccións galegas. Así que non me queda outra que comezar, como diciamos onte, polo principio da liberdade e do albedrío. Porque o 28M eu tamén estou chamada a pronunciarme introducindo unha papeleta e a inquedanza éme grande. Non tanto en canto a cal dos papeis escoller e depositar ou ao resultado dos comicios nos distintos territorios (incluído o que habito), como no relativo ao sentido de facelo.

A trampa está servida. A falsa democracia de Saramago era falsa porque era só media democracia, non nos deixaba mirar do segundo piso para arriba. A que vén, déixanos no portal, mesmo no soto

Dicía Saramago que vivimos no engano. Que chamamos democracia ao que en realidade é unha plutocracia. Medramos co convencemento de que a posibilidade de votar, o dereito cidadán de escoller a nosa representación, de delegar a responsabilidade da xestión social, é sinónimo de ter, en efecto, ese poder. O do pobo que se goberna a si mesmo, como indica a etimoloxía. Mais, en realidade, dicía el que “de aí para arriba, que é onde está o verdadeiro poder, escapa ao noso control. É unha ilusión como a da caverna de Platón. Miramos para a sombra e dicimos: esa é a democracia”. 

Concordo con Saramago. E vou un pouco máis aló, con permiso do pensador, para traer as súas palabras ao presente. Porque desde que o Nobel portugués afirmou o dito, o mundo moveuse. O Big Data apoderouse do poder. Que lle pregunten a Brittany Kaiser e a Cambridge Analytica. 

Xa sei que, se cadra, no noso modesto espazo de segunda, a política local galega, non se xogan partidos tan grandes como para contratar intelixencias artificiais e algoritmos que xeren campañas virais que saben manipular con mestría as nosas emocións e modificar ou condicionar o noso voto. Non imaxino ás agrupacións locais do meu concello en tal tesitura. Pero si que o vexo posible nas autonómicas, por exemplo, da Comunidade de Madrid, onde se xogan apostas máis gorentosas. E, por suposto, nas xerais de final de ano. Ou, a este ritmo, nas locais de dentro de catro anos.

Apaguen a radio e a tele se é preciso. Borren as apps das redes dos teléfonos. Lean prensa seria. E voten, con e en conciencia. Que é mellor subir ao segundo que quedar no soto, onde, por non haber, non hai nin sombra

A trampa está servida. A falsa democracia de Saramago era falsa porque era só media democracia, non nos deixaba mirar do segundo piso para arriba. A que vén, déixanos no portal, mesmo no soto. Usaremos as redes sociais inxenuamente, sen consciencia de como os nosos “gústame” ou “anóxame” serán usados na nosa contra e en favor do mellor postor. Veremos vídeos que nos indignarán, creremos fake news que, malia que logo se desmintan, alterarán a nosa percepción da realidade. E despois, iremos votar sen ter nin idea de todas as mensaxes que influíron na nosa decisión. Niso consiste a manipulación.

Pero as trampas poden ser sorteadas. Só hai que saber onde están e como funcionan. E a única maneira de contar con esas ferramentas é non afastarnos do pensamento crítico. A dúbida como método (agora Descartes), a corentena, o uso e non abuso dos medios sociais. Apaguen a radio e a tele se é preciso. Borren as apps das redes dos teléfonos. Lean prensa seria. E voten, con e en conciencia. Que é mellor subir ao segundo que quedar no soto, onde, por non haber, non hai nin sombra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.