Realmente non sei qué foi máis desafortunado para esta campaña institucional da Xunta polo 25 de novembro (Día Internacional contra a Violencia de Xénero): se o lema “O máis grande de Galicia non se maltrata”, as imaxes dos cartazes, o trasfondo da campaña en si....
Nesta campaña, superficial e chea dunha perspectiva patriarcal do máis rancia, preséntase ás mulleres galegas como “xigantes” que se sobrepoñen a tódalas adversidades, comparándoas cos principais monumentos das catro provincias galegas, como se fosemos un obxecto máis, parte do patrimonio material, e nos tiveran que protexer (“Tes que protexer á túa avóa, nai e irmá porque son o máis grande que temos”).
As mulleres non somos cousas e non pertencemos a ninguén. Non queremos que nos protexan por ser mulleres, queremos que se garantan os nosos dereitos, así non fará falta que “se nos protexa”. Non queremos ser as máis grandes, queremos ser tratadas igual.
Esta campaña da Xunta non aborda nin as causas da violencia machista (machismo, patriarcado...), nin posibles solucións, nin medidas concretas no ámbito da prevención, a educación, etc. esenciais para rematar con este tipo de violencia.
É unha mágoa que a Xunta desaproveite así oportunidades para informar e sensibilizar á sociedade en xeral sobre a violencia machista, e pola contra lle den pulo a unha campaña de mera propaganda, na que gastaron 164.000€.
Mentres invirten miles de euros en campañas baleiras, non toman ningunha medida efectiva real para loitar contra a violencia machista. Non supervisan que os CIMs (Centros de Información ás Mulleres) cumpran co Decreto que os regula: moitos carencen do persoal mínimo requerido, a Xunta sábeo e consinteo. Non fan nada relevante para implementar medidas de prevención e atacar de raíz as causas da violencia machista, etc. Ao contrario, sacan estas campañas que o único que fan é afondar no mantemento dos estereotipos machistas contra os que loitan día tras día as organizacions feministas.
Non é de recibo que desde a Xunta se gasten eses cartos para “animar ás mulleres a denunciar” e que logo as deixen soas, sen medidas de protección eficientes, cando o fan.
Non é de recibo que a “medida estrela” da Xunta para este 25 de novembro sexa sacar cartaces personalizados co nome de cada concello!!
A prevención, sensibilización, información, medios.... onde quedan?