Picasso morreu aos 92 anos e ten parte da culpa de que non haxa eurobonos para os países do sur de Europa pola pandemia do Covid-19. Coma Miguel Anxo, que morreu aos 89, Matisse aos 85, Maruxa Mallo aos 93, Joan Miró aos 90, Georgia O’Keefe aos 99, e xa non digamos Alberto Giacometti, que vivíu ata os 104.
Eles son os culpabeis da nosa falta de crédito, coma Buñuel (83), Kurosawa (88), Berlanga (89), Clint Eastwood (89), Billy Wilder (96), Kirk Douglas (103) e o peor de todos Manoel de Oliveira, que estivo amolando ata os 106. A non ser que Olivia de Havilland o sobrepase, de momento anda polos 104.
Nunha competición de burradas estes serían algúns dos candidatos a medalla, o ouro de momento está reservado para as autoridades sanitarias holandesas
Outrosí B.B. King (90), Sánchez Ferlosio (92), Chavela Vargas (93), Noam Chomsky (91), Bertrand Russell (98), Winston Churchill (91), Mario Bunge (100), Ernst Jünger e Nicanor Parra (ambos 103), mesmo Pitágoras, que arrastrou o corpo ata os 86. Non pode ser, meus, así é imposíbel saír adiante.
Coñeceredes o tweet de Donald Trump de hai apenas 20 días: “tamén morre xente arreo pola gripe e a economía non se para”. Ou as declaracións do vicegobernador de Texas cando lle preguntaron polas medidas a tomar fronte o Covid-19: “É a hora de que os maiores teñan conta de si mesmos, ou ben que se sacrifiquen polo seu país. Todos imos morrer algún día, etc”. Xa o dixera antes o primeiro ministro do Reino Unido, “Moitas familias británicas van ter que perder os seus seres queridos antes de tempo” frase que empregou para explicar que o país e a City non ían parar nin confinarse por semellante nimiedade.
Nunha competición de burradas estes serían algúns dos candidatos a medalla, o ouro de momento está reservado para as autoridades sanitarias holandesas, que lle pediron abertamente á súa poboación: “non nos vaian traer doentes débiles ou de máis de 70 anos aos hospitais, iso sobrecargaría o sistema e poría en perigo a persoal sanitario ou conductores de ambulancia... É mellor que morran na casa tranquilos, metelos nun hospital para que morran alí sería inhumano, unha crueldade”. A mensaxe ten máis mérito do que parece, porque a emitiron cando aínda non existe saturación nos seus hospitais, non é un berro desesperado, é unha política de país que se combina coa súa renuncia a ningún tipo de confinamento. Non só non queren perder o tempo coas persoas anciás, queren que a súa morte pareza un accidente, e co coronavirus veu Deus a velos.
Como vedes, eles xa toman medidas para cadrar os presupostos e despois non ter que andar a pedir. Botan contas da taxa de letalidade do virus para proxectala sobre o orzamento do sistema de pensións
Hai dous meses no goberno de Holanda debateuse a suministración dunha pílula para quitarse a vida destinada ás persoas maiores deses 70 anos, tanto para as que padecesen enfermidade irreversíbel como as que estivesen sás: “Cando xa viviron o suficiente, teñen dereito a elixir cando e como queren morrer”. Coma quen di, empoderalos. A medida non saíu adiante unicamente porque na coalición de goberno entra un partido demócrata-cristián.
Como vedes, eles xa toman medidas para cadrar os presupostos e despois non ter que andar a pedir. Botan contas da taxa de letalidade do virus para proxectala sobre o orzamento do sistema de pensións, mentres os langráns do sur de Europa perdemos o tempo coa cervexa ao sol. Alemaña fai algo parecido pero cala. Agradécese a claridade do goberno holandés e dos votantes que o sustentan. Viva Europa.