Los destellos (2024), terceiro filme de Pilar Palomero, é unha adaptación do relato de Eider Rodríguez Un corazón demasiado grande. Con guión da directora e da propia escritora, a cinta narra o descubrimento do mundo emocional-sensorial, que nace ao acompañar a alguén no proceso dunha enfermidade terminal.
Los destellos (2024), terceiro filme de Pilar Palomero, é unha adaptación do relato de Eider Rodríguez Un corazón demasiado grande. Con guión da directora e da propia escritora, a cinta narra o descubrimento do mundo emocional-sensorial, que nace ao acompañar a alguén no proceso dunha enfermidade terminal.
A historia presenta a dualidade da morte/vida formando un todo. A morte que se achega vai cortando fíos á vida, de aí tamén eses planos negros ao longo do filme. Paralelamente o camiño da morte vai deseñando na personaxe central estraños resplandores que estourarán despois da morte, agromando das lembranzas, vivencias, emocións, feridas..., como se dun milagre da vida/morte se tratase. Así é como crece interiormente a personaxe de Isabel, nesa especie de viaxe iniciática-existencial que vai da vida á morte e ao revés, da morte á vida. A experiencia do acompañamento deixaralle gravadas cicatrices e tatuaxes invisibles que se volverán raios de luz sobre ela. Por iso a actriz resplandece nesa escena final, reveladora do título do filme (“destellos”). Loce o talento e traballo da actriz Patricia López Arnaiz, que a levou a acadar o Premio Mellor Interpretación no Festival de San Sebastián.
A experiencia do acompañamento deixaralle gravadas cicatrices e tatuaxes invisibles que se volverán raios de luz sobre ela. Por iso a actriz resplandece nesa escena final, reveladora do título do filme (“destellos”). Loce o talento e traballo de Patricia López Arnaiz
Isabel (Nai), personaxe central, acepta coidar do seu exmarido, co que non ten ningunha relación dende hai anos. Acepta porque a filla que tiveron en común llo pide. Faino por esta e por humanidade, non por ningunha clase de afecto, nin sequera polo pasado, do cal nada sabemos, agás pequenos detalles como fotografías familiares ou breves comentarios entre filla/nai. Pero a resistencia de Isabel do principio, a prestar axuda a Ramón, queda clara no filme. Presentimos ocultos rencores, resentimentos... que Isabel debe arrastrar e aos que quizais non se enfrontou no seu momento. Esta parte da vida co seu ex son as elipses desta historia e non poderemos resolver o enigma. Ao principio ela tómao como unha simple axuda nos labores cotiáns, unha vez por semana e sen case contacto. El está fuxidío. Ela, incómoda. Faille a compra, saca a Oso, o can, o que finalmente levará consigo ao ver que Ramón non pode atendelo. Non se ven, non se falan; só frases triviais a través da porta pechada do cuarto, onde el se encerra cando ela anda pola casa. Pero esta axuda acaba por se volver máis humana, persoal e directa e quizais isto veña marcado polo momento da lectura da pasaxe de Platero, que a filla lle le ao pai nun ingreso ao hospital. Isabel, nese momento sorrí e quizais aí comprende cal é o sentido de estar ao lado de Ramón e de Madelen. Sobre ela tamén actúan esas liñas profundas da vida/morte, que se van tocando contraditoriamente. O seu cambio comeza por pequenos detalles, como poñerlle o calcetín que xa non pode.
Acomodalo, arroupalo con agarimo, deitarse ao seu carón, falarlle... Así é como se vai implicando máis e máis neste acompañamento, que como transmite o equipo de paliativos, equipo médico real dun hospital, “non é para acompañar a morrer ben, senón para facerlle a vida mellor ata que a morte chegue”. Cálida e xusta mirada sobre os coidados. Isabel transformouse en calor e calidez para Ramon. Notámolo no paseo con el polo campo -na paraxe dos fósiles e da pedra-foquiña-. Ramón camiñando tranquilo do seu brazo. Con poucas palabras entre ambos, pero coa conversa do entendemento, con algunhas risas frescas e cos sorrisos do afecto. Pola noite, xa na casa de Ramón, compartirán conversa tranquila sobre as súas vidas de agora.
Pilar Palomero crea un filme sen aderezos, nu, sobrio que o fai máis veraz e realista
Ramón (Pai), moi vulnerable nesta etapa final da súa vida. Pero isto non lle resta para ter un certo grao de optimismo e humor. Sensible. Acepta o seu tramo final. Preocúpalle que os seus o pasen mal e sente pena por perder as cousas guapas que lle van pasar a Madelen, á que adora. Déixase coidar en paz e serenamente. Como explica a Paliativos, o que máis fixo na vida foi escribir, aínda que para ter a liberdade da escritura tivo que facer un pouco de todo: albanel, vixiante, hostalaría... “Escribir encantoume. Teño moita literatura escrita, pero pouca vendida”. Tamén ler foi a súa paixón, tanto, que lía mesmo na ducha, quedando case todos os libros con marcas de auga, como comentan Isabel e amigos del entre risas, nun encontro ledo e festivo cando estes veñen visitalo . Cálido e espléndido, o vulnerable Ramón. Un magnífico Antonio de la Torre.
Madelen (Filla), un corazón grande. Estudante de universidade. Prepara o TFG. Todo un exemplo de amor e enteireza. Unha lección de vida para todos. O amor a Pai toca fondo nas persoas espectadoras, conmovendo de raíz. Sabe que o seu amado Pai precisa sopros de vida nesta travesía final. Con certeza que o levará da súa man. Ela sabe o camiño. E presente que necesita ao seu lado as persoas que a aman, a Nai. A travesía de Pai/Filla, co acompañamento e a unión dos seus, decorrerá máis doada e cálida. Ama profundamente a Pai e a vida vai con ela en todas as súas palabras e accións. Faino bailar, apertado polos seus brazos ao son de “A tu vera” (versión Lola Flores). Miran con emoción a escena, Nai, Nacho e nós. Fai que sorría, ría, se emocione... Dorme apertado contra ela. Vixía o seu sono... Madelen ama profundamente a vida e a cámara namórase dela. Grande e magnífica esta actriz debutante, Marina Guerola.
Pilar Palomero deixa unha outra mirada e reflexión sobre os coidados (mutuos), máis humana, máis social e que se aparta das liñas marcadas polo patriarcado. E dá para debater sobre o tema dende o punto de vista político-social.
Nacho, o compañeiro de Nai está nun segundo plano. Músico que vemos (ou sentímolo) tocando a trompa en varias escenas. Nestas difíciles circunstancias respecta os novos espazos e tempos de Isabel. Salientar a importancia deste personaxe. Sabe retirarse. Esperar. Estar e coidar. El convértese nun fermoso referente para nós, amosando que nun proceso coma este todas as persoas teñen que estar e coidarse entre elas. Coida moi ben de Isabel e esta é consciente. Formará parte dese círculo de unión no transo final. Como formará tamén parte o inmenso e tranquilo Oso, que parece entender e respectar o que alí está pasando. Nacho é un ser sensible e especial ao que dá vida Julián López. A súa interpretación emociona.
Pilar Palomero, crea un filme sen aderezos, nu, sobrio que o fai máis veraz e realista. Na súa cinta non hai practicamene banda sonora. A banda son os ruídos externos que rodean os personaxes: árbores, vento, auga, chuvia, ruído do motor do coche, do parabrisas, as cancións do aparato de música, da radio, a trompa que toca Nacho, os silencios... E na casa de Ramon, os sons desa máquina, o concentrador de osíxeno, que marca o ritmo da vida de Ramón e da casa. Todos estes elementos contribúen a conformar o tempo lento da historia. Son uns personaxes máis.
E sobre a pantalla, o que parece ser unha constante na filmografía de Pilar Palomero, o tema da maternidade, visto con fermosa sensibilidade.
Para nós, as persoas espectadoras, queda un filme que convida a abrazarmos a vida, tamén dende a aproximación á morte
Pilar Palomero deixa unha outra mirada e reflexión sobre os coidados (mutuos), máis humana, máis social e que se aparta das liñas marcadas polo patriarcado. E dá para debater sobre o tema dende o punto de vista político-social.
Que queda de Ramón?
O íntimo e a vulnerabilidade humana.
Os “destellos” dos seus últimos raios e alentos, infundidos nas tres persoas que tan ben o coidaron e acompañaron (Filla, Nai, Nacho).
Queda Madelen, Filla de corazón grande, que neste proceso aprendeu que ama profundamente a Nai. Nai que, neste caso, aprendeuno todo de Filla. E a firme e sólida unión de Nai/Filla.
Queda Oso, parte xa de Isabel. E a pedriña-foca que ela gardará.
Para nós, un filme que convida a abrazarmos a vida, tamén dende a aproximación á morte.
Nas escenas finais, unha Isabel preparada para beber a vida. Quizais por iso, vestida coa calidez da cor amarela. A paisaxe ata baila con “destellos” dese colorido. As árbores de diante da casa, con follas rabiosamente marelas. Badaladas suaves de fondo co sorriso dela. E unha explosión, a “Perla preciosa” (Los Juniors). “Destellos” de Ramón? Entenderá quen vise o filme.