“Somos galegos e non nos entendemos” (A encrucillada do nacionalismo)

Pouco despois das últimas eleccións, noutro artigo, aseguraba que ía facer un seguimento das reaccións postelectorais e demais consecuencias da última cita coas urnas. Non o faría, porque, farto de tanto veleno nos comentarios, de tantos insultos, calumnias e cainismo duns contra outros e viceversa, o meu ánimo decaeu e decidín deixar momentaneamente as reflexións, polo menos no ámbito da política strictu sensu. Mesmo alguén houbo tan listo que creu descubrir a pólvora cando descubriu que asinaba como O Xornalista Indesexable (cando a ninguén llo ocultei). Retomo así o politiqueo contra a vontade da xente que me quere, mais só esporadicamente e con motivo das últimas e importantes decisións tomadas na política galega, sobre todo no seo do nacionalismo.

E isto que acabo de dicir como declaración de intencións tamén. Non deixo de ser un ninguén, unha persoa máis do común, mais non por iso menos cidadán e con menos dereito a opinar; un mozo no paro pero non parado que pode ser prototipo (que non arquetipo) de moitos e moitas dos que conforman ese 52% da mocidade galega desempregada, sen curro, sen casa e sen futuro, mais tamén sen medo, como reza a consigna dalgunhas asociacións estudantís, tan acertada. E non vou ser tan petulante para dicir que o que penso eu o pensa a maioría da miña xeración, pero si direi que aquí expresarei o sentir de moitísima xente. Penso que o de máis xente que o que representan outros columnistas.

Atopámonos, recorrerei á fórmula tan manida, nunha encrucillada da política e do réxime nacidos trala morte de Franco e que chamaremos II Restauración Borbónica, mais tamén nunha encrucillada do nacionalismo galego. É paradoxal que, ao tempo que no plano estatal a tendencia sexa a da unión, a da superación das vellas estruturas partidarias e a creación de plataformas unitarias que expresen o sentir cidadán para loitarmos todos xuntos contra o poder do capital, no ámbito nacional galego, e o do nacionalismo moi nomeadamente, a tendencia sexa a contraria. As discrepancias son boas, mais non os ataques, os insultos, os continuos receos e descualificacións mutuas entre uns e outros sectores do nacionalismo, máis dividido que nunca. A xente asiste atónita a este espectáculo, e loxicamente non o entende. Non pode entendelo sobre todo agora, cando a nave está a afundir, e mentres seguimos cos nosos debates bizantinos. “Somos galegos e non nos entendemos”.

Dime un boísimo amigo italiano que coñece bastante ben este país que tanto españois coma galegos temos tendencia a divagar e acabar pelexándonos sen ningún sentido. Como dicía Marx, a teoría non serve de nada sen a praxe, e de nada serven as palabras se non van acompañadas de accións. Deberiamos deixarnos por un tempo de discutir sobre cal é o modelo, só un intre, e examinar o que estamos facendo e fixemos ao longo da nosa traxectoria, para comprobar se se cumpre a correspondencia entre verbas e feitos, ou se polo contrario media un abismo. Porque como dicía o poeta, camiñante non hai camiño, faise o camiño ao andar. E algúns falando parados din camiñar.

O voceiro de Anova, Beiras, opina a título persoal nunha entrevista que antes de lanzar iniciativas soberanistas que deberían ter como principal impulsor a sociedade, hai que afondar na conciencia social e nacional, e polo tanto non é o momento de presentar iniciativas simbólicas de declaración de soberanía sen ningún efecto práctico e que non entendería esa sociedade máis preocupada polas loitas concretas do día a día. . “Non abonda reclamar soberanía nacional, ten que ser tamén popular, dende un prisma de esquerda, da maioría social”, e “en Galiza hai que contribuír a crear unha elevación do nivel de conciencia social do pobo galego en canto á súa identidade como pobo e aos seus dereitos políticos”, é o que di. Entón saen á palestra os iluminati, e macroempresarios que ata hai ben pouco non tiveron reparo en bicarlle a man a ex ministros de Franco e devotos franquistas ata o leito de morte, que andaron en partidos de dereita españois e por riba gozaron de todas as vantaxes que lle ofrecía ese “inimigo español”, veñen chamar “españolistas” aos partidos de traballadores que teñen unha estratexia distinta para recuperar a soberanía popular, insultando a toda a base de Esquerda Unida, e o mesmo lles chama ós que teñen o valor e a decencia de coligarse con eles, superando os matices e intereses partidarios e traballando polo ben común, é dicir, Anova.

O máis fácil e recorrente, non obriga a pensar, é inventar que Beiras é teledirixido por Cayo Lara, e quedas cheo (mais non de razón). Calquera posicionamento rico en matices vai ser interpretado como branco ou negro, e manipulado até a saciedade. Xa sabemos que non son bos tempos para o pluralismo e a independencia (en calquera dos sentidos), e que a demagoxia e o populismo patrioteiro van aflorar á mínima, mesmo por parte de quen se autodenomina non populista. Dime de que presumes e direi de que careces.

Neste contexto, Anova non participa oficialmente nunha manifestación soberanista por non facerlle o xogo a outras forzas e por seguir unha táctica distinta na reclamación desa soberanía, e resulta que xa non é soberanista. Non será máis acertado pensar que Anova non defende ese camiño de autorreferenciarse sempre? Non estou dicindo que non haxa que mobilizarse, nin estou menosprezando o xesto das forzas que se manifestaron o 3M: só estou cuestionando o método, e chamando a reflexionar sobre el. O soberanismo hai que reclamalo acompañando á gran maioría da sociedade civil (que non era a que estivo o 3M, por moi doloroso que resulte recoñecelo), facéndoa reflexionar en cada loita concreta (a sanidade, a educación, os recursos naturais, etc.) se non sería moito mellor xestionar nós o noso e gobernarnos nós mesmxs (é dicir, exercendo plenamente a soberanía). Á maneira en que os portugueses saíron á rúa para dicir "que se lixe a Troika". Esa foi para min unha verdadeira manifestación soberanista, porque unha masa crítica realmente importante saíu a reclamar soberanía, igual que tamén me pareceu máis soberanista a mobilización en Ferrol pola sanidade ese mesmo día, ou a de antonte en Monforte. Esas parécenme maneiras máis intelixentes e efectivas de reclamala. O erro de Anova é non dar o debate nas asembleas para decidir que entende por soberanía.

Mentres, o BNG fai unha asemblea nacional na que segue marcando distancia respecto das outras forzas de esquerda que non poñen o acento na cuestión nacional, e iza máis que nunca a bandeira do soberanismo, sen entrar no importante: a que tipo de soberanismo se refire, e que modo vai empregar para conquerilo. Como dicía o gran activista Howard Zinn, e recorda Chomsky, os grandes cambios son o resultado das “incontábeis pequenas accións de xente descoñecida que está na base deses momentos grandes que entran no rexistro histórico. Un rexistro que será equívoco e en gran parte carente de autoridade se se cortan esas raíces ao pasar polo filtro da doutrina e do dogma”. A historia e a política hai que facelas como el, dende abaixo, e non pretender escribir nós sós as liñas que xa escribe a sociedade.

Dito isto, TODAS as formacións políticas sen excepción deben facer exame de conciencia e acto de contrición, porque ningunha se salva das críticas, como ha de ser. Porque a cidadanía comezamos a estar fartxs de todo. Fartxs de que cada un queira ter a Verdade absoluta e non se fagan a máis mínima autocrítica: xs do BNG criticando a Anova por pouco soberanista e a Compromiso por ser pouco de esquerda; xs de Compromiso ao BNG por ser demasiado de esquerda e axs de Anova por ser demasiado comunistas e pouco soberanistas; xs de Anova a BNG e Compromiso por non ser tan de esquerdas como quererían, e mesmo dentro de Anova uns a outrxs por consideralxs pouco comunistas ao seu ver. Todo dende as ópticas máis estreitas e menos imparciais, máis metidas en si mesmas. Ao final isto parece unha versión galega da Vida de Brian.

Todas e todos temos que mudar: Anova ten que superar as contradiccións internas entre o vello e o novo, os desexos dunha minoría de conformar outro partido tradicional máis, igual de xerarquizado cós existentes, ou un partido-movemento verdadeiramente asembleario, horizontal, aberto, participativo e radicalmente democrático, que é o que está na mente da inmensa maioría dos seus fundadores e militantes dende o principio. Ten que ser moito máis disciplinada e organizada, superar o excesivo protagonismo da figura de Beiras e formar novos liderados, e os seus representantes seren máis profesionais sen por iso ter que renunciar á frescura nin converterse en políticos profesionais. Convocar máis asembleas e reforzar os mecanismos de participación para que se faga realidade e consolide ese proxecto de abaixo arriba que tan ben principiou, deu e está dando os seus froitos.

O BNG ten que mellorar a súa comunicación e establecer máis diálogo coa sociedade, implicarse máis en todos os movementos sociais (non só os dirixidos por el) sen pedirlles carné nacionalista nin tentar tutelalos, iniciar unha relación radicalmente nova con ela e eles. Superar os dogmatismos e os vellos prexuízos para integrarse e reforzar coa súa evidente experiencia e valía nesa plataforma de acción, fronte popular ampla ou como se queira chamar, que xa existe, mantendo a denominación AGE ou rebautizándoa, tanto ten, pero uníndose a outrxs non só na mesma coordenada para facer fronte ao espazo electoral cada vez maior da dereita e o que vai ser o seu intento seguro de roubar máis reducindo o número de escanos no Parlamento, é dicir, a democracia.

Compromiso terá que definirse e elixir entre ser un partido socialdemócrata, ou socioliberal e que acolle postulados de dereita. Non se entende que algúns cacarexen que son socialdemócratas cando a socialdemocracia nunca marxinou os comunistas nin desprezou o marxismo, a non ser que teñan unha ensalada de ideoloxías. Non estaría nada mal, é mais, sería positivo que houbese unha dereita nacionalista que dividise o voto do PP; mais namentres non se deciden, restarase forza, credibilidade e oportunidades á posibilidade dunha candidatura conxunta para as europeas.

Pola súa banda, Esquerda Unida, que tamén celebrará Asemblea Nacional esta primavera, deberá tamén definirse con respecto á cuestión nacional. Xa o fixo na candidatura conxunta de AGE, asumindo explicitamente o dereito de autodeterminación do Pobo Galego como por outra parte recollen os seus estatutos, mais terá que facelo de modo moito máis claro e decidido e, en última instancia, apoiar unha eventual declaración de soberanía que non implica renunciar á súa aposta federalista, senón recoñecer o dereito a decidir da cidadanía galega. Iso se quere manter a credibilidade de AGE cara ao exterior e a unidade de acción cos seus compañeiros de coalición.

E, finalmente, á marxe da que debería ser unha gran fronte popular de esquerda, non sistémica, o PSdeG terá que facer primarias para elixir unha nova dirección, e decidir entre deixar de ser un dos piares do réxime, ou acabar esmorecendo entre as ruínas do bipartidismo decadente dentro do cal lle queda cada día menos credibilidade para a esquerda social. O PP, entre desaparecer e ilegalizarse, mais a súa práctica cada vez máis parecida á dunha banda mafiosa en defensa dos intereses dunha oligarquía só supón unha ameaza constante á democracia.

Todxs xuntxs gañaríamos se quixéramos, se houbese vontade política de axuntar esforzos, como xa fixera Castelao tendendo pontes entre galeguistas, comunistas, socialistas, republicanos e ata anarquistas: “sendo demócratas verdadeiros e arelando a unión fraternal de tódolos leaes, estamos dispostos a ceder, tamén, da nosa posición doutrinal, canto sexa preciso para construírmos o futuro benestar da nosa Terra. Frente a un separador sentímonos intransixentes; frente a un amigo sentímonos dispostos a pactar; frente a un irmán somos capaces de ceder parte do noso ideario”. É o que a cidadanía demanda a berros nas rúas. De nós depende escoitar ou seguir facendo ruído.

E agora, xa poden comezar a facer ruído! Insultar, mentir, facer mofa... Todo é válido nas redes... Aquí o bufón ao seu servizo. Mais prefiro que o fagan nos meus aposentos, no facebook ou no blog, para que polo menos poida verlles as caras ou estar máis preto disto. Non, en serio: estarei encantado de intercambiar impresións respectuosas e construtivas sobre as ideas expostas neste texto. Mais non imos converter esta Praza en circo...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.