Lucho do Peto

Avelino Pousa Antelo tivo unha vida longa e intensa. Chegou á idade de 98 anos sen perder a dignidade, nin sequera nos tempos escuros, cando había que disimular para poder sobrevivir. A súa biografía está marcada polo compromiso con Galicia. Foi un home vital e entusiasta que sempre quixo, segundo deixou escrito, “conquerir unha Terra máis libre e dona dos seus destinos: esa foi a ilusión que encheu os mellores anos da miña vida  e quero que sexa a miña mensaxe para a xuventude”. Algunha vez definiuse a si mesmo como un perdedor, mais non é tal; a pesar das perdas que tivo ao longo da vida sempre mantivo unha actitude ética que lle permitiu construír unha biografía coherente, exemplar.

Algunha vez definiuse a si mesmo como un perdedor, mais non é tal; a pesar das perdas que tivo ao longo da vida sempre mantivo unha actitude ética que lle permitiu construír unha biografía coherente, exemplar

No libro Conversas con Pousa Antelo de Amancio Liñares demostra ter unha memoria prodixiosa e relata con detalle as diferentes etapas da súa vida (desde a infancia rural no val de Barcala á presidencia da Fundación Castelao), sempre marcada polo galeguismo, o desenvolvemento agrario, o cooperativismo, a renovación no ensino e a defensa da lingua. Relata o seu momento iniciático, que sucedeu nun mitin galeguista celebrado no Teatro Principal de Compostela o ano 1931. O último en intervir foi Castelao. “O teatro estaba cheo e a mín a intervención de Castelao impresionoume tan fondamente que saín de alí galeguista de por vida, e por mil vidas se as tivera. Foi un deses impactos que se cravan con fondura na conciencia dun mozo”.

Naqueles mesmos anos houbo unha mobilización na Cooperativa Feiraco que se enfrontou á xunta reitora presidida por García Calvo; formouse unha candidatura alternativa encabezada por Pousa Antelo

Coñecín a Avelino Pousa cando eu era un rapaz. Os dous somos barcaleses, aínda que nos separan máis de corenta anos. Cando un grupo de mozos puxemos en marcha a Asociación Cultural Afonso Eans en Negreira nos anos setenta contamos co seu apoio e colaboración. Naqueles mesmos anos houbo unha mobilización na Cooperativa Feiraco que se enfrontou á xunta reitora presidida por García Calvo; formouse unha candidatura alternativa encabezada por Pousa Antelo. Na tensa asemblea celebrada en Pontemaceira perdeu a votación por corenta votos de diferencia. Así era Avelino. Cando o chamabas sempre estaba disposto a colaborar. Hai uns anos participou na presentación dun libro meu (xunto con Fernán Vello e Xulio Valcárcel), na Galería Sargadelos de Santiago. Estivo como sempre: afectuoso, ameno e divertido.

Porque eu destacaría, por enriba de todas as calidades persoais que posuía, o seu grande sentido do humor e a humildade. Era retranqueiro e tiña un arsenal de anécdotas que podía encadear durante horas. Cando nunha entrevista lle preguntaron por que usaba boina contestou: “Porque comecei a quedar sen pelo. Vivindo en Santiago, merqueille outra boina ao meu netiño de tres anos e saiamos os dous á rúa con boina. ¡E a xente ría!”. Era amigo da troula e da festa. Valentín Arias conta nun libro como deu vida a conxuntos músico-vocais como a ronda Os Codornisos en Ponte de Mera (Ortigueira) e a orquestra Avel Pousa y sus Jabatos en Santa Comba de Lugo.

Cando lle dixeron se se consideraba o último galeguista histórico dixo: “Boh, agora a calquera cousa se lle atribúe o cualificativo de histórico”

Nunca esqueceu as súas orixes, nunca deixou de ser o neno Lucho do Peto, curioso e alegre, que axudaba nas tarefas da labranza. Fuxía do boato e da grandilocuencia. Cando lle dixeron se se consideraba o último galeguista histórico dixo: “Boh, agora a calquera cousa se lle atribúe o cualificativo de histórico”. Pois, aínda que el o rexeitara, Avelino Pousa é un referente na historia deste país, un exemplo de coherencia e dignidade. Adeus, mestre, e moitas grazas por todo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.