Lume na rede!

Iconas de redes sociais instaladas nun dispositivo © pxfuel

Nunha sociedade do entretemento, son as redes sociais as que definirán o futuro do idioma e a normalización lingüística

Hoxe que a nosa fala fica asoballada e relegada a un segundo plano que non é sinónimo máis que de morte televisada, é máis preciso que nunca proclamar que só o pobo salva a lingua. E se xa estamos afeitos a actuacións cidadás conxuntas ante as catástrofes naturais e materiais, é inevitable propoñermos a movilización ante a emerxencia lingüística que adoecemos. Só unha verdadeira revolución cultural, que sexa capaz de facer chegar o galego a todos os teitos, será quen de reverter a situación de eclipse á que nos someten as institucións.

Non estamos habituados ao termo "emerxencia cultural". Probablemente porque no mundo capitalista só se tratan coma urxencias aquelas situacións nas que a economía e o consumo se deteñen por completo. Non obstante o galego morre, e todo semella transcorrer con normalidade. As empresas fan o seu blue washing poñendo na porta carteis con palabras coma "riquiño", o día da Galiza suben un post en galego a Instagram e listo, xa está o traballo feito. Que marabilla isto de ser gallego, eh?

Namentres, os nenos galegofalantes mudan ao castelán na escola, ben porque ninguén lles fala en galego, ou ben porque son vítimas dos prexuízos na súa contra. Nos institutos, hai rapaces que renegan do seu idioma porque non lles gusta como soa, ou porque lles parece "desactualizado". Menos mal que temos á Xunt... Isto é unha foto de Rueda nunha manifestación do que agora é "Hablamos Hespañol"?

"Efectivamente, vostede é diglósico". O primeiro paso para arranxar un problema de saúde cultural é sempre achar co seu diagnóstico. Este sería o de máis do 50% da poboación na Galiza. Algúns dos síntomas máis recoñecibles da diglosia son, por exemplo, o Síndrome do mostrador -mudar o galego por castelán ao entrar nos bancos e oficinas- ou a Castrapofobia, pola cal a xente renega do galego polo medo a "mezclar idiomas" (sempre renegan do galego). Se vostede ou algún familiar presenta estes síntomas, consúlteo co lingüísta de familia.

Só unha vez que poñamos en marcha unha mostra masiva da paupérrima situación que vivimos poderemos concienciar á xente do risco real detrás da perda de falantes e, por tanto, comezar un proceso de movilización social para actuarmos ao respecto. A beleza detrás disto -sen pretender romantizar o que adoecemos- é que tan só con falar xa temos feito un grande camiño no proceso. Porque ao comezarmos unha conversa en galego, creamos un marco en galego. Isto é, xa somos un grupo de galegofalantes de facto.

Non obstante, nunha sociedade do entretemento, son as redes sociais as que definirán o futuro do idioma e a normalización lingüística. Precisamos construírmos unha gran comunidade de creadores de contido en galego que oferten, na nosa fala, aquilo que a rapazada consume en internet. E para iso hai que meter as mans na lama. Oxalá puidéramos manter o galego vivo na rede falando somentes de cultura, historia e tradicións -significaría que non vivimos nun mundo lobotomizado nunha adolescencia que non remata- mais son os memes e os influencers os que atraen á mocidade. E que lle imos pedir? Canta xente chega a casa despois dun día de mundo precarizado con gañas de mirar un documentario sobre os osos polares e coma se lles caen os glaciares? A realidade actual é difícil de mirar aos ollos, e a rapazada busca evitalo coma sexa. De non poder evadirse con contido en galego, entón o farán en castelán. E na rede tampouco levamos vantaxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.