Lumieira: 50 anos facendo cultura

A Agrupación Cultural Lumieira está a celebrar o seu 50 aniversario © A.C.Lumieira

 A comezos dos anos 70 a cidadanía foi conquistando aos poucos pequenas parcelas de liberdade. Algúns sectores da Igrexa, vinculados ao espírito do Concilio Vaticano II, non permaneceron alleos a este proceso. En Carballo, tampouco. Eis a importancia do papel xogado polo Teleclube “Fogar da Xuventude”, pertencente a dito Centro Parroquial, nese proceso de apertura aos novos tempos que se aveciñaban

A cabalo dos anos 60 e 70, os teleclubes viviron unha época dourada. Galiza chegou a ter 900 centros operativos a comezos dos 70, o cal representaba case que unha quinta parte do conxunto do Estado. Destacaba a provincia de Lugo, cuns 400, aínda que a da Coruña non quedaba atrás. Na súa implantación xogaron un papel moi importante as Axencias de Extensión Agraria (máis técnicas e menos ideoloxizadas que as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos). A actitude aperturista dunha parte do clero posibilitou tamén potenciar ditos teleclubes como referentes da dinamización cultural pola que tanto devecía unha sociedade que se estaba a abrir cada vez máis e máis desexaba superar un pasado escrito en negro ben preto.

Aínda que a comezos dos anos 70 ben se intuía que a bioloxía ía xogar o seu papel no ámbito da historia, a ditadura franquista continuaba a mostrar, mesmo de xeito espasmódico, que podía exercer unha represión contumaz. Até as máis inxenuas actividades culturais eran perseguidas e censuradas. Porén, a cidadanía foi conquistando aos poucos pequenas parcelas de liberdade. Algúns sectores da Igrexa, vinculados ao espírito do Concilio Vaticano II, non permaneceron alleos a este proceso. En Carballo, tampouco. Eis a importancia do papel xogado polo Teleclube “Fogar da Xuventude”, pertencente a dito Centro Parroquial, nese proceso de apertura aos novos tempos que se aveciñaban.

No seu seo creouse un grupo galeguista cuxo nome era ben significativo: “Nós”. Dese grupo “Nós” nacido ao abeiro do Fogar da Xuventude había de xurdir a Agrupación Cultural Lumieira, legalizada formalmente en 1976

No seu seo creouse un grupo galeguista cuxo nome era ben significativo: “Nós”, querendo así lembrar a xeración do mesmo nome á que pertenceran Castelao, Risco, Otero Pedrayo... Queríase recuperar o espírito do galeguismo dos anos 20 e 30, pensando no remate da ditadura franquista e na necesidade de recuperar e fomentar os nosos sinais de identidade. Agustín Trigo, Evencio Ferrero, Juan Carlos Castiñeiras, Ramón e Xan Fraga, Francisco Fieira e Quique Souto entre outros, botaron a andar unha actividade cultural que foi quen, non sen esforzo e sacrificio persoal, de esquivar as gadoupas dun réxime ditatorial ao que lle estarrecía todo o que representara a cultura e a lingua galegas desenvolvidas plenamente e sen complexos: desde os ideais máis comúns compartidos por todos os galegos e galegas, até o sinal de identidade máis carballés que puidera contribuír ao desenvolvemento da nosa cultura.

Dese grupo “Nós” nacido ao abeiro do Fogar da Xuventude había de xurdir a Agrupación Cultural Lumieira, legalizada formalmente en 1976. A referencia á Xeración Nós cumpriuse non só no plano das ideas (ben importante), senón tamén no dos feitos. Xa desde os seus inicios, a Agrupación Cultural Lumieira botou a andar con xente nova, homes e mulleres adultos e persoas que desenvolveran algún tipo de actividade cultural nos anos da II República. Cabe salientar a figura de Fernando Camarot Veira, vello republicano represaliado polo franquismo, que promovera o Cine Lumiere, na Casa Grande. Tamén divulgou a cultura musical ensinando música a varias xeracións. Promoveu a actividade teatral; de mozo, asistira á representación de O Fidalgo (1918), a cuxo autor, San Luis Romero, coñeceu e tratou. Expandiu o amor pola natureza compartindo os seus coñecementos de botánica e da natureza máis inmediata, os nosos montes. Dalgún xeito, Fernando Camarot representaba o vínculo coa intensa actividade cultural dos anos da II República. Tirando dese fío, buscando o enlace co galeguismo republicano, habían de aparecer outros carballeses que reforzaron dito vínculo e permitiron consolidar esa vocación netamente galega da Agrupación Cultural Lumieira. Unha ollada ás “Crónicas de Carballo”, de Xan Fraga, permitiranos constatalo. Ante tanto foco de luz, que excelente idea tiveches, Ramón Fraga, ao propoñeres o nome de “Lumieira” para esta nova agrupación cultural.

Da man de Lumieira e dos seus Recunchos literarios pasaron por Carballo os persoeiros máis destacados da literatura galega; o mesmo cabe dicir das súas exposicións de arte (pintura, escultura, fotografía...) e da súa aposta polo teatro

Da man de Lumieira e dos seus Recunchos literarios pasaron por Carballo os persoeiros máis destacados da literatura galega; o mesmo cabe dicir das súas exposicións de arte (pintura, escultura, fotografía...) e da súa aposta polo teatro (tanto levando a Carballo representacións como promovendo a creación do grupo de teatro Ártabro). Podo dicir con orgullo que, sendo un rapaz, participei nos Concurso Literario Infantil e Xuvenil e no Concurso Infantil de Pintura que se facían con motivo do Día das Letras Galegas. Esa inquedanza pola natureza e o ecoloxismo citada liñas atrás viuse referendada, co paso do tempo, coa creación do grupo ecoloxista e naturista Taraio, que contemplaba tanto a observación e estudo da natureza como a súa defensa fronte ás agresións dun industrialismo desenfreado ou a indiferenza das institucións públicas ante a problemática medioambiental. Desenvolvéronse obradoiros de educación ambiental, promoveuse a riqueza micolóxica do país en xeral, e da comarca bergantiñá e do concello carballés en particular. Como non, en novembro celebrábase o magosto e en decembro defendíase un nadal sen xoguetes bélicos. O estado do río Anllóns nunca estivo ausente das súas preocupacións ecolóxicas.

A Agrupación Cultural Lumieira está a celebrar o seu 50 aniversario © A.C. Lumieira

A Agrupación Cultural Lumieira foi un elemento dinamizador fundamental na historia de Carballo, e do país en conxunto, como tamén o foron outras agrupacións culturais que foron xurdindo desde finais dos anos 60 e continuaron desenvolvéndose ao longo dos anos 80

Por outra banda, Carballo 105, a radio que eu sinto, supuxo un poñer o berro nas ondas para defender a liberación das radios e a liberdade de expresión. Logrou emitir durante un tempo programas de gran calidade, por moi amadores que foran as persoas que a sacaban adiante. Pasando das ondas á tinta sobre papel, A Regueifa, revista cultural de Bergantiños, supuxo un dos fitos máis salientábeis da historia da agrupación.

E a actividade segue... 50 anos máis tarde, o facho da cultura galega permanece aceso en Carballo. É ben certo que moitas das propostas promovidas pola Agrupación Cultural Lumieira foron asumidas pola sociedade en conxunto. Ese proceso viviuse en outras moitas agrupacións culturais ao longo do país. En Carballo hai unha intensa actividade cultural que é referente en toda Galiza. Non quero facer gabanza doada. Non hai máis que comparar programacións duns e doutros lugares. Non hai máis que falar coa xente do mundo do teatro, da música, da danza. Ese logro é mérito colectivo. E a Agrupación Cultural Lumieira foi un elemento dinamizador fundamental na historia de Carballo, e do país en conxunto, como tamén o foron outras agrupacións culturais que foron xurdindo desde finais dos anos 60 e continuaron desenvolvéndose ao longo dos anos 80. Longa vida á Agrupación Cultural Lumieira. Mil primaveras máis para a lingua e a cultura galegas. Por moito trebón que pinte o conto, como non imos ser quen de continuar co facho prendido se estes mozos e mozas o lograron en tempos ben máis difíciles?!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.