A chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia non foi unha boa noticia para o idioma, para as editoriais do país nin para os medios de comunicación en galego. A utilización do presunto “conflito lingüístico” como baza electoral alimentou un problema inexistente arredor do idioma, favorecendo unha confrontación artificiosa, innecesaria e prexudicial. Logo veu o tempo dos recortes e o goberno galego aplicouse con esmero: rebaixou drasticamente os orzamentos para a protección da lingua, para promover a industria editorial e para favorecer os medios de comunicación en galego.
A utilización do presunto “conflito lingüístico” como baza electoral alimentou un problema inexistente arredor do idioma, favorecendo unha confrontación artificiosa, innecesaria e prexudicial
Así é que o noso idioma recibe hoxe en día menos dun terzo das axudas que tiña hai 20 anos (só 5.4 millóns de euros para a promoción do galego en 2014, cando en 1993 eran 17.2). Tamén rebaixaron as axudas ás editoriais (realizada mediante a compra de libros para as bibliotecas públicas) de forma radical. As editoriais máis potentes (Galaxia, Xerais) pasan serias dificultades, mentres as modestas sobreviven con problemas. Os medios de comunicación en galego víronse desamparados polo poder. Pechou Vieiros, A Peneira e o semanario A Nosa Terra que, despois dunha longa traxectoria (1977-2010), tamén deixou de estar presente na rede en 2011. Tempos Novos (revista mensual da que teño a honra de ser socio fundador) resiste, contra vento e marea, desde 1997 .
Pechou Galicia Hoxe, o único xornal editado exclusivamente en galego. Comezou a súa andaina en 1994 coa cabeceira O Correo Galego e rematou a edición en papel en xuño de 2011. O seu director, o meu amigo Caetano Díaz, escribiu un artigo (“A sangue frío”) no seu último número no que dicía: “Coa chegada a Monte Pío do señor das tesoiras, no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada. Consúmase hoxe -mentres o señor Núñez Feijóo entrega ufano as medallas Castelao, símbolo de galeguidade- o asasinato a sangue frío, con aleivosía e a pleno sol, dun periódico pequeno pero crítico”.
Por fortuna as tesoiras e a mordaza aínda non chegaron á rede, de xeito que, nos últimos anos, xurdiron espazos de liberdade que procuran elaborar e difundir información veraz, alimentar o pensamento crítico e promover a cultura propia
Por fortuna as tesoiras e a mordaza aínda non chegaron á rede, de xeito que, nos últimos anos, xurdiron espazos de liberdade que procuran elaborar e difundir información veraz, alimentar o pensamento crítico e promover a cultura propia. A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) agrupa a moitos proxectos comprometidos coa verdade e co país. O traballo e o esforzo de numerosos colaboradores manteñen estas fiestras abertas, mentres o apoio económico da Xunta vai dirixido a medios máis próximos ao poder.
A nova Luzes, de magnífico formato e fermosa presenza, ten máis vocación pola reportaxe e a información crítica. Permanece o seu espírito irreverente a a invitación á rebeldía
Neste panorama tan difícil tamén hai xente valente que se atreve a botar a andar unha nova publicación en papel. A revista mensual Luzes xurde a finais de 2013 e vai xa polo seu sexto número. Rivas e Pereiro (directores) e Iago Martinez (coordinador) recuperan a traxectoria iniciada por Luzes de Galicia (1985-1997), como unha proposta de periodismo insurxente para recuperar a fame de xornalismo. Así o afirman os seus promotores na presentación do proxecto.
Luzes de Galicia, de vida corta pero intensa (teño agora mesmo varios exemplares ciscados enriba da mesa), era unha publicación máis dedicada á literatura e ás artes. A nova Luzes, de magnífico formato e fermosa presenza, ten máis vocación pola reportaxe e a información crítica. Permanece o seu espírito irreverente a a invitación á rebeldía. Naquela primeira etapa publicou o mítico texto de Lois Pereiro (Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia) no que o autor dicía que “sempre haberá novas vías para resistir, para opoñernos e non ser submisos”.
Longa vida a estas Luzes, tan necesarias para Galicia, para alumear un camiño novo
Nesta nova existencia van editando un manifesto por entregas no que deixan ver o seu espírito rebelde e o sentido da ironía. “Queremos coidar do xornalismo que di as cousas como foron, non como convén”, dicían no primeiro número. “Nos laboratorios do poder xogan coa alquimia das cifras e queren facernos crer que a a merda axiña será ouro. Por iso a primeira porta de saída está no rescate do sentido secuestrado das palabras”. Isto afirman no seu sexto editorial. Benvidos a este país das tebras. Longa vida a estas Luzes, tan necesarias para Galicia, para alumear un camiño novo.