Madrid e a España cañí

Concordo coa avaliación do profesor Pereira Menaut, constitucionalista da USC, considerando fracasado o proxecto de recentralización desenvolvido ao longo de máis de vinte anos de felipismo e aznarato. Un proxecto que imaxinou un inmenso hub aéreo (lembran o billón de pesetas, con b de burro investidos na T-4?) en Madrid, centro dun sistema radial de estradas e alta velocidade, mentres os eixos ferroviario atlántico e cantábrico, fulcrais para os obxectivos galegos foron aparcados ou ralentizada  a aínda non rematada Transcantábrica.

Tratábase de facer a España cañí, alicerzada sobre o eixo Madrid-Valencia/Murcia-Andalucía. Unha España que non entendía a súa propia pluralidade cultural, lingüística e de estrutura e vocacións produtivas

PP e PSOE, canda as elites financeiras de Madrid potenciaron  a capital do Estado como único centro financeiro, de comunicación e empresarial, cando a Comunidade de Madrid contaba con só o 12% da poboación estatal. Tratábase de facer a España cañí, alicerzada sobre o eixo Madrid-Valencia/Murcia-Andalucía. Unha España que non entendía a súa propia pluralidade cultural, lingüística e de estrutura e vocacións produtivas. Esa España que deixou ao pairo na negociación do ingreso da CEE á pesca, gandaría ou construción naval galegas para beneficiar ás producións mediterráneas da oliva andaluza e da laranxa valenciana. Onde Esperanza Aguirre permítese requirir do millonario galego residente na Coruña: “Fulano, a ver cando ves vivir a España” ou a TVE non convida nunca a un artista que non cante en castelán.

Tamén é evidente que só será viábel unha España policéntrica, en rede, que politicamente  podería funcionar cun federalismo fiscalmente competitivo e moi descentralizado

É evidente o fracaso deste modelo, mais as persoas que crearon o problema seguen a mallar no mesmo: recentralización educativa potenciando o ensino en castelán, recorte de competencias fiscais ás autonomías, tarifa enerxética que grava os países que producimos e as empresas que coxeneran… Semellan non  ser conscientes de que xa queren liscar máis da metade dos cataláns e vasco e da inviabilidade desa España cañí cun único cerebro que todo o entende e todo o sabe.

Tamén é evidente que só será viábel unha España policéntrica, en rede, que politicamente  podería funcionar cun federalismo fiscalmente competitivo e moi descentralizado, ao xeito dos USA. Federalismo mesturado con solucións confederais no que atinxe aos asuntos de lingua, cultura, educación e Dereito civil, polo menos no que respecta ás nacionalidades galega, vasca e catalá. 

O outro xa non ten futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.