Maioría descrida

Queda un pampo ao ver como nas moi prescindibles ducias de “análises” postelectorais das últimas autonómicas (acaso relecturas dos mesmos titulares do luns 13), paseouse sen facer moito ruido —senón se omitiu— o dato sobre a abstención: alomenos o 41,12% do censo, desta volta. Semella un feito que debera ter, canto menos, a mesma relevancia na sección de Opinión que o reparto de escaños, mais foi unha vez máis a grande esquecida. Ver para crer.

Pensaría un que, e sobre todo nun escenario no que nada cambia en San Caetano, habían ser estas porcentaxes (por situarnos, 36,25% nas anteriores autonómicas do 2016 ou 36,2% no 2012; cifras todas do cómputo provisional sen contar o do CERA, que fai descender aínda máis a participación final) tema central das reflexións dende a esquerda parlamentaria. Mais nada máis lonxe da realidade: as arengas baleiras de sempre; estereotipo fronte análise de onda longa.

Considérase a abstención “antipolítica” propia de ignorantes, un pecado maior que o “votar mal”. Tema tabú por excelencia nas tertulias dos resabidos politizados de arredores dos campus universitarios. No café-bar de barrio obreiro, pola contra, é difícil non escoitar entre xuramentos “á política” varias voces confesando sen reparo que “xa non votaban”. A separación en dúas culturas políticas tan diferentes en apenas uns centos de metros da mesma cidade, merecería en calquer caso unha aproximación seria por parte de politólogos afeccionados e profesionais.

Mais a actitude elexida sentencia torpemente á porcentaxe de abstención, sen perder un minuto en estudar o fenómeno, como inocente á vez que culpable dos (seus) resultados electorais. E subliñamos “elexida” porque, contra dalgúns dos mitos asentados na análise política galega, dispomos hoxe de suficientes ferramentas estatísticas e sociolóxicas rigorosas e de fácil acceso, para facer unha análise fundamentada da cuestión.

Tales análises atópanse sen dificultade na bibliografía especializada en ciencias sociais, tanto do caso galego como do conxunto do Estado, malia que a súa difusión e impacto quedan reducidos ao ámbito académico. Podemos destacar aquí o título de referencia «Las elecciones autonómicas de Galicia (1980-1990)» (1992), do finado catedrático da USC, Vilas Nogueira, o magnífico libro coordinado polo catedrático Veira Veira da UDC, «La evolución de los valores sociales en Galicia» (2010), ou o traballo neste campo do profesor Míguez González, tamén da UDC.

Unha labor imprescindible de precisión analítica que, con todo, adoece da falta de ligazón cunha performatividade política, é dicir: non se ten en consideración para a liña do groso das forzas políticas ou se acompaña de formatos de difusión de masas. Priorízase nos medios, como decimos, a descripción exaltada pola base do PPdeG ou o BNG duns resultados que xa coñecíamos para a cea do domingo, e que leramos xa dez veces antes da man de cadanseu falabarato apresurado en deixar testemuño público de declaracións a todas luces innecesarias.

Pero que nos din os datos? Pois por exemplo, que o tópico da abstención técnica galega (isto é, aquela porcentaxe debida a causas estruturais ou loxísticas, tales que: circunstancias persoais, deficiencias do censo, clima, situación dos colexios electorais, etc.), tivo só un impacto notorio ata mediados dos anos 80. A abstención galega é dende entón, co resto do Estado, política —intencionada, se se prefire— e cabe logo só discutir das razóns psicosociais tras dela.

Quizais sorprenda a moitos saber tamén que a abstención é hoxe fundamentalmente un fenómeno de grandes núcleos urbanos, inversamente proporcional ao nivel de renda, ou que a poboación maior de 65 anos, contra da asentada figura da carretaxe, é precisamente un dos grupos de idade máis abstencionistas (senón o que máis, en termos relativos). Coñecemos ademais polos estudos postelectorais do CIS, que a absoluta maioría das persoas que se abstiveran, decidírano moito antes do inicio da campaña electoral.

A abstención política ten, por suposto, diferentes motivacións individuais, que poden ir dende a medida de presión ante determinado/s partido/s, a resignación e pesimismo respecto da utilidade do voto, ou ser o vector de mobilización cara un sistema político diferente. Seguramente, aínda máis xustificacións. Mais o erro aquí sería confundírmolas coas causas, e entre a multiplicidade pódese ver unha unidade na crise política capitalista de representatividade.

Ante este panorama cabe, ben defender a lexitimidade do réxime e pular quizais por novas formas de corporativización deses sectores populares que non votan, ou ben lexitimar á maioría descrida organizando o xérmolo dunha democracia proletaria de servizos sociais, vivenda e traballo garantizados. Se cadra enténdese mellor así a indignación dos acomplexados sen acta de parlamentario coa abstención: atenta obxectivamente contra as súas aspiracións vitais. Non é logo que poidamos agardar deles outra cousa que novos artigos do mesmo padrón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.