Que o goberno español de quenda (PSOE/Sumar) fixo e segue facendo moitas cousas positivas polas clases populares e, moi especialmente, por aqueles que peor o están pasando resulta indiscutible. Ahi están, por caso, os datos do mercado laboral (21.250.000 ocupados no 1ªT 2024) que certifican a importancia do diálogo social e das políticas públicas expansivas.
O mesmo se pode dicir das medidas aprobadas en materia de rendas, de benestar social e medio ambiente, vivenda, xénero, etc.. Medidas importantes pero que son claramente insuficientes como, por caso, podemos comprobar a hora de analizar un dos mais relevantes problemas sistémicos de España: a desigualdade cuxa redución debería ter sido un obxectivo preferente do goberno español de quenda (PSOE/Sumar).
Entre as causas da policrise que afecta a Unión Europa e, xa que logo, a España compre, neste caso, destacar dúas que están intimamente ligadas: a hexemonía do capital financeiro especulativo e o gran crecemento da desigualdade. En relación a este último varias son as causas: en primeiro lugar están as enormes ganancias das rendas de capital que, literalmente, se están forrando, algo que podemos facilmente comprobar si analizamos os resultados que, por caso, presentan as empresas do IBEX 35 (grandes bancos e construtoras, oligopolios). Unhas ganancias que poñen en evidencia o enorme poder que en España seguen conservando as rendas mais altas, situación que apenas ten mudado co goberno de progreso (PSOE/Sumar): a prensa económica mais fiable calcula que neste ano 2024 as empresas do IBEX35 lograrán uns beneficios récords que se calcula superen os 60.000 millóns de euros (un 11% mais que no 2023).
Unha desigualdade que se comproba ao analizar a participación das rendas de capital e de traballo na riqueza global (PIB). Os datos oficiais indican que as rendas dos asalariados (a pesar da evolución positiva do emprego e dos salarios) seguen perdendo peso na riqueza nacional (2020: 50,1%, 2021: 49%, 2022: 47,8%) a prol dos beneficios empresariais (2020: 40,8%, 2021: 40,6%, 2022: 42,4%). Unha dinámica que ven de moi atrás e que deriva de que os beneficios empresarias medran mais que as remuneración dos asalariados (15% fronte ao 6% no 2022). Velaí unha das bases que sustentan o crecemento da desigualdade e que sinalábamos antes: as enormes ganancias das rendas de capital muy superiores as das rendas do traballo. Unha desigualdade que ven confirmada polo índice de Gini (2020: 32,1;2021: 33; 2022: 32; 2023: 31,5) que sitúa a España no quinto posto de pais da Unión Europea (30,1 de media) con maior desigualdade na distribución da renda. Unha desigualdade que impide que España deixe definitivamente atrás a fase de baixo crecemento económico pois non permite que se recupere a demanda a nivel nacional e internacional.
Unha desigualdade que ten as súas vítimas preferentes: segundo EUROSTAT (2023) o 26,5% da poboación española (12,7 millóns de persoas) está risco de pobreza ou exclusión social (23,8% no 2008). Dato que sitúa a España como terceiro estado da Unión Europea (so por detrás de Romanía e Bulgaria) con mais poboación en risco de pobreza.
Como é posible que estea pasando isto cando, como dicía ao principio, este goberno está facendo moitas cousas ben e que benefician preferentemente ás rendas baixas?. Por que o goberno actual, os partidos que o compoñen (PSOE/Sumar), non son quen de cuestionar a lóxica neoliberal do capitalismo actual que se move na procura da máxima ganancia o que leva a unha crecente e imparable concentración da riqueza e a que medre a desigualdade. Estes partidos non cuestionan, no medio e no longo prazo, o actual modelo socioeconómico propoñendo un alternativo: véxase, por caso, o que está pasando coa política fiscal. Unha estratexia que mais cedo que tarde lles levará, para desgracia das maiorías sociais, á derrota política.