1. O pasado 5 de abril, o Tribunal Constitucional portugués aprobou o Acórdão nº 187/2013, un fulcral pronunciamento sobre os límites xurídico-constitucionais do austericidio; máis precisamente, sobre os parámetros que debe respectar un dos principais atallos ao dispor dos actuais (des)Gobernos para cadraren os obxectivos de déficit público en función das exixencias da Troika comunitaria: o recorte do gasto público en retribucións dos empregados e empregadas públicos.
Unha medida con custos políticos, mais tecnicamente cómoda de adoptar, doada de xustificar baixo o manto do interese xeral, a extrema e urxente necesidade no cumprimento dos Tratados constitutivos da Unión Europea, todo baixo a música de fondo tecno-lib de TINA (“There is no alternative”). Velaquí unha verdadeira menciña de shock, cun efecto inmediato na rebaixa do déficit público en termos de contabilidade nacional, ainda que con moi negativos efectos perversos sobre o consumo.
2. Pola rapidez dos seus efectos, o recorte das retribucións dos funcionarios/as crea adicción entre os malos xestores públicos.
Practicado xa en varias ocasións pola lei de orzamentos do Estado desde o ano 2010 –tanto no Reino de España como na República portuguesa–, mesmo resulta visto con simpatía por importantes camadas sociais, vulnerables ao discurso de desprestixio dos funcionarios públicos
Practicado xa en varias ocasións pola lei de orzamentos do Estado desde o ano 2010 –tanto no Reino de España como na República portuguesa–, mesmo resulta visto con simpatía por importantes camadas sociais, vulnerables ao discurso de desprestixio dos funcionarios públicos (e en xeral, do conxunto dos servizos públicos), frecuentemente convertidos polo neoliberalismo dominante en chivos expiatorios da crise, pese a ter acumulado unha perda de poder adquisitivo de aproximadamente un 20%, e pese a que o mito da seguridade do emprego público levan sendo dinamitado catro anos consecutivos, pois desde 2009 hai destrución de postos de traballo no sector público español, por mor da política de forte restrición das taxas de reposición. Dito sexa de paso, no ano 2012, por vez primeira, a taxa anual de desocupación no sector público español superou á perda de emprego no sector privado (-7% fronte ao -4,30%).
3. Nun tempo no que o Estado Social e Democrático de Dereito virou unha caricatura de sí propio, o Acórdão 187/2013 vennos dicer que os diktats da Troika, por moito abeiro que teñan nos Tratados constitutivos da Unión Europea e na presión dos mercados, teñen límites; límites xurídicos, derivados da Constitución portuguesa, que vinculan ao lexislador nacional. Brevemente dito: a Constitución é quem mais ordena.
O Acórdão 187/2013 foi instado pola Presidencia da República, á vista da suspensión para 2013 da paga extra aos empregados públicos portugueses (o denominado “subsídio de férias”, ou 14 mes), contida no artigo 29 da Lei, para todas aquelas persoas cuxa remuneración mensual de salario for superior a 1.100 €.
Este recorte do gasto público do capítulo I engadíase tanto ao previsto para o ano 12 verbo da paga de Nadal (o 13 mes), como aos recortes do montante mensual dos soldos públicos, sometido desde a lei de orzamentos para 2011 a unha redución de entre un 3,5% e un 10%. Medidas todas destinadas a acadar a rebaixa de déficit demandada no “Programa de Ajustamento Económico e Financeiro (PAEF)” acordado entre o Goberno portugués e o FMI, a Comisión Europea e o BCE: 2012 (5%), 2013 (4,5%) e 2014 (2,5%).
En pronunciamentos anteriores, o Tribunal Constitucional portugués xa tivera ocasión de advertir ao lexislador das súas dúbidas sobre a legalidade constitucional do tratamento distinto dos empregados públicos e privados no afrontamento das cargas da crise
En pronunciamentos anteriores, o Tribunal Constitucional portugués xa tivera ocasión de advertir ao lexislador das súas dúbidas sobre a legalidade constitucional do tratamento distinto dos empregados públicos e privados no afrontamento das cargas da crise; en concreto, no seu Acórdão n° 353/2012, sobre a Lei que aprobou o Orzamento do Estado para 2012, xa fixo explícita a súa advertencia: “a liberdade do legislador em recorrer ao corte de remunerações e pensões que auferem por verbas públicas, tendo em vista atingir o equilíbrio orçamental, não seria ilimitada, pelo que "a diferença entre o grau de sacrifício para aqueles que são atingidos por esta medida e para os que não são não pode deixar de ter limites", importando ter em conta que "a dimensão da desigualdade do tratamento tem de ser proporcionada às razões que justificam esse tratamento desigual, não podendo revelar-se excessiva".
Nunha longa e miúda argumentación sobre a natureza destes recortes e os seus parámetros de validez constitucional, o Tribunal portugués subliña o efecto cumulativo dos distintos recortes salariais nos tres exercicios orzamentarios (2011, 2012, 2013), e anula a supresión da paga extra para o exercicio de 2013 xustamente por vulneración “do princípio da igualdade na sua dimensão de proporcionalidade” (artigos 13, igualdade no repartimento das cargas públicas, e artigo 2 da Constitución portuguesa), dado que ao xuízo do seu plenario non hai motivación económica ou xurídica abastante para xustificar a sobrecarga dos recortes salariais nos traballadores do sector público fronte aos do sector privado: “Quando entramos no terceiro exercício orçamental consecutivo, que visa dar cumprimento ao programa de assistência financeira, o argumento da eficácia imediata das medidas de suspensão de subsídio não tem agora consistência valorativa suficiente para justificar o agravamento (em relação ao Orçamento de Estado para 2012) dos níveis remuneratórios dos sujeitos que auferem por verbas públicas” (parágrafo 41).
A valente decisión adoptada polo Tribunal Constitucional portugués ao situar a soberanía xurídica na súa propia Constitución, contrasta poderosamente coas respostas políticas e xurídicas adoptadas en España en materia de recortes do gasto público en persoal.
4. A valente decisión adoptada polo Tribunal Constitucional portugués ao situar a soberanía xurídica na súa propia Constitución, contrasta poderosamente coas respostas políticas e xurídicas adoptadas en España en materia de recortes do gasto público en persoal.
Os funcionarios e funcionarias do Reino de España levamos xa enriba do lombo unha rebaixa da masa salarial nun 5% no exercicio 2010, desigualmente repartida entre os seu persoal (Real Decreto-Lei 8/2010, do 20 de maio); a conxelación de retribucións durante os exercicios 2011, 2012 e 2013, nun contexto de inflación interanual de arredor de +5% desde xuño do 2010); a redución de aproximadamente o 7% da retribución no ano 2012, feita mediante a quita da paga extra de decembro contida no Real Decreto-Lei 20/2012, do 15 de xullo.
Todos estas contribucións forzosas dos funcionarios e funcionarias públicos do Reino de España ao cumprimento do déficit marcado polo Troika, impostas quer polo goberno estatal, quer polas Cortes Xerais, foron declaradas sistematicamente conformes a Dereito tanto polo Tribunal Constitucional (Autos 85/2011, do 7 de xuño, 179/2011 e 180/2011, do 13 de decembro, 184/2011 do 20 de decembro, ou 128/2012, do 19 de xuño, etc.) como polo Tribunal Supremo (STS de 2 de marzo do 2012), nas distintas cuestións de inconstitucionalidade suscitadas polos xulgados do contencioso-administrativo ao fío da impugnación das rebaixas retributivas estatais por parte dos funcionarios afectados. Mesmo así, o Parlamento de Navarra interpuxo en outubro de 2012 recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto-Lei 20/2012, permanecendo pendente de resolución.
Porén, o recorte adicional das retribucións (arredor dun 6%) do persoal ao servizo do sector público de Galiza, introducido polo goberno Feijóo no artigo 13 dous da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, presenta serias dúbidas de constitucionalidade
5. Porén, o recorte adicional das retribucións (arredor dun 6%) do persoal ao servizo do sector público de Galiza, introducido polo goberno Feijóo no artigo 13 dous da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, presenta serias dúbidas de constitucionalidade; dúbidas que permitirían resucitar a cuestión nos tribunais españois con algún viso de éxito:
- É adoptado unilateralmente por unha comunidade autónoma, que carece dos títulos constitucionais que sí ostenta a Administración Xeral do Estado para rebaixar por norma con rango de lei as retribucións dos funcionarios perante situacións de extraordinaria e urxente necesidade económica (nomeadamente, artigo 86 en relación co 149.1.13º e o 149.1.18º da Constitución). A lei de orzamentos da Comunidade Autónoma apróbase sen informe algún da asesoría xurídica xeral da Xunta de Galicia.
- O recorte é adoptado por unha comunidade autónoma cuxos responsábeis políticos fachendearon tras cada Consello de Política Fiscal e Financieira do ano 12 de ter nunha situación macroeconómica de saneamento e cumprimento do déficit (1,17 do PIB “rexional”, segundo o último informe rendido perante o Ministerio de Facenda, en plena campaña das eleccións autonómicas galegas); un goberno que non dubida en aprobar desgravacións fiscais diversas na Lei de Orzamentos para 2013, e cuxas prácticas de imputación de facturas a exercicios futuros e demáis trucos contables aos que Feijoo nos ten acostumados (peches “sorpresa” de exercicios, etc.) tiran toda a credibilidade sobre a consistencia dos orzamentos do ano 13, único elemento que podería dar certa motivación a un recorte autonómico de retribucións do emprego público.
O feito de que a nosa comunidade autónoma sexa a única que recorta por lei as retribucións dos seus empregados públicos no 2013, provoca, ao noso xuízo, unha desigualdade non lícita, nin proporcional nin suficientemente xustificada, do punto de vista constitucional.
Esta desigualdade é manifesta no caso das rebaixas impostas sobre os corpos docentes universitarios, que son estatais, e cuxas retribucións – agás os raquíticos complementos autonómicos– son fixadas pola lei xeral de orzamentos do Estado. A Consellaría de Facenda négase reiteradamente a clarexar onde deben as universidades recortar o 5% da súa masa salarial, quizá porque sabe que é inconstitucional, ou quizá porque a súa vontade política de fondo non é reducir as retribucións, senón asfixiar as finanzas das universidades para xustificar o despedimento por causas obxectivas do seu persoal laboral, de conformidade cos requisitos establecidos polo Real Decreto 1483/2012, do 29 de outubro.
Os tribunais galegos de xustiza estarán probablemente emprazados no 2013 a resolveren sobre as impugnacións das baixas de nóminas
6. Así as cousas, os tribunais galegos de xustiza estarán probablemente emprazados no 2013 a resolveren sobre as impugnacións das baixas de nóminas que podan vir por mor da execución da nosa Lei 2/2013, ben como a suscitar as correspondentes cuestións de inconstitucionalidade para que o Tribunal Constitucional español se pronuncie ao respecto.
A risco de pecar de inxenuo, non perdo a esperanza de que os nosos xuíces e maxistrados garden algo diso que se denomina “patriotismo constitucional”, e podan seguir algún día o sano criterio dos seus homólogos portugueses nesta materia: pór límites (xurídicos e democráticos) ao poder do capitalismo financieiro global.