O pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila. Aínda que en xeral convén lembrar, entender o pasado para ordenar mellor o presente, trátase dunha frase absurda. Primeiro porque ás veces pode interesar non facelo, por exemplo en Irlanda, onde volverían matarse. Segundo porque de tanto lembrar, un pobo pode converterse en escravo da súa lembranza: aí está Israel, unha sociedade patolóxica, dedicada día e noite a manter viva a brasa do horrendo pasado, sufrido polo pobo hebreo. Terceiro porque a historia nunca se repite, aínda que os factores que configuraron ese pasado reviven e reordénanse sen desaparecer completamente. Todo isto explícano David Rieff e Fernand Braudel.
Pero ás veces a conformación do presente ten moitas semellanzas con momentos decisivos que ficaron atrás. É o caso do mundo noso e os anos anteriores á Primeira Guerra Mundial.
Coa Grande Guerra iníciase unha cultura do odio e da barbarie. O historiador Marc Bloch estudara a produción e difusión de noticias falsas, un elemento orixinal e significativo daquela cultura bélica.
Nos anos dez as grandes empresas da industria modelan a opinión pública. A prensa adáptase espontaneamente á liña imposta. Representan a voz das clases dirixentes, Le Fígaro, Corriere della Sera, Times... Os xornais son chamados a alimentar o espírito de unidade, o orgullo nacional, e fano con moito ánimo.
Ninguén lle tiña medo á guerra, todos crían que só duraría uns días en caso de estourar. Agora nin se pensa nela. Mais nos anos dez percibíase unha disposición cultural para a guerra nos discursos dos estadistas. Os de Trump, Bolsonaro, Putin, os substratos violentos que agroman nas mensaxes da nova dereita europea, son semellantes.
Acusábase inmediatamente de traizón á patria a calquera que discrepar da unidade que o poder impuña en cada estado. Había unha fricción internacional entre nacións que elaboraron as premisas do conseguinte estoupido bélico, tal como di Antonella Astorri e Patrizia Salvadori.
O ascenso da extrema dereita patrioteira no mundo actual marca outra semellanza, igual que as rivalidades entre estados: Francia e Italia polas derivacións caóticas da invasión de Libia; o Brexit; a posíbel guerra en Venezuela; a tensión no mar da China e no límite ruso. O temor de EEUU a perder a hexemonía. Unha serie de crises que facilmente poderían activarse.