Manifesto pola dignidade material e mental

Manifestación da CIG en Vigo na folga xeral deste mércores 11N © CIG

A estadística oficial —ese teatro de sombras patrocinado polo IBEX— dinos que a economía vai coma un tiro. O único problema é que ese tiro atravesounos a medula a nós. Mentres nos telexornais bailan os números verdes para contentar aos accionistas, na rúa a vida da clase traballadora converteuse nunha farsa macabra: escangallarnos traballando corenta horas (ou cincuenta) para chegar a fin de mes coa carteira chea de aire, os nervios esnaquizados e a cabeza a piques de estourar contra o mostrador.

Mentres os banqueiros e os donos dos supermercados enchen as caixas de billetes e fan brinde con champaña sobre o noso lombo, explícannos con cara de tarta e a pachorra dun funcionario de ultratumba que a culpa é da "eficiencia operacional". Traducido á lingua dos vivos: botar xente á rúa, cobrarnos a comida a prezo de uranio enriquecido e tratarnos coma gando mentres eles enchen o bucho. Un negocio redondo para os mesmos vampiros de sempre que nunca dan o pau a auga.

Ter teito e comer converteuse nun circo de marabillas para ricos:

-A vivenda: O alugueiro xa non é un teito, é unha extorsión en toda regra. De seguir así a cousa, se non reaccionamos, ata as pontes debaixo dos ríos van ter un cartel de "véndese" posto polos fondos voitre con comisionistas en Madrid. Xentes como Ana Botella no seu período de alcaldesa de Madrid, vendendo vivenda pública a eses fondos, terán algo de culpa, non si?

-A trampa do pan: Pagamos a barra máis cara ca nunca por tres gramos de fariña de mala calidade e moito vento. Unha barra que ás tres horas xa nin se pode mastigar: valería máis de martelo pneumático para darlle no lombo a quen ten a cabeza de formigón e non quere ver a realidade.

-O afogo diario: O gas, a luz e o gasóleo son a peaxe obrigatoria para non morrer de hipotermia nin quedar illados no monte, mentres nos converten a todos en pobres con contrato fixo-discontinuo e cartón de aforro.

A sanidade pública cae a anacos entre listas de espera interminables mentres o estrés nos desdenta a saúde física e mental e nos mandan pastillas para seguir tragando rodas de muíño. A educación pública, esnaquizada a propósito, alimenta unha amnesia colectiva que borra a memoria das loitas obreiras e democráticas que conquistaron os nosos dereitos laborais. Así nos vai, con milleiros de persoas incapaces de ler criticamente o presente, por descoñecer a historia das nosas resistencias e a vixencia do pensamento crítico. Mentres o pobo se afoga na miseria, os gobernos enchen o peito de patriotismo de pacotilla e gastan os nosos cartos en tanques e mísiles, coma se os tanques rusos estivesen aparcados no monte da Madroa ou fazendo o Camiño de Santiago.

E que fai a acción institucional? Asiste a un proceso de captura reguladora onde os sucesivos gobernos —malia exhibiren un discurso progresista— priorizan a estabilidade macroeconómica ditada polas grandes corporacións e os compromisos de gasto militar sobre a garantía dos dereitos sociais. Esta xestión tecnocrática, afastada das urxencias populares, non fai máis que alimentar a desafección democrática e deixar o camiño aberto a alternativas autoritarias que ameazan con desmantelar o pouco que queda do Estado do benestar. Despois de oito anos destas manobras, a realidade demostra que non moveron un dedo para solucionar os problemas reais que hoxe ateigan as rúas nesta xornada de folga; todo foron parches e cosmética. Pero coidado coa alternativa: como veñan os outros, aí si que se acabou o conto. Venlles o machado afiado para liquidar de golpe o dereito de folga, esnaquizar calquera indicio de vivenda pública e pasarlle a apisoadora por riba á sanidade, á educación, ás pensións e a todo o que cheire a servizo público.

Uns e outros, sexa pola súa inacción covarde ou polo seu desmantelamento sen anestesia, miran para o teito mentres nos espremen as entrañas, contentos de lle poñer o selo oficial ao roubo cotián, a cambio dun asento no consello de administración cando deixen a poltrona.

Esta denuncia non busca o confort dun debate académico nin se reduce a unha mera conversa de bar: constitúe un acto de resistencia ontolóxica e un berro de supervivencia visceral fronte á reificación da nosa existencia, tratadas como simples mercancías no gran mercado do capital. Se a folga que hoxe paraliza as nosas cidades e a rúa son o único que lles fai tremer as pernas e perder o sono aos señoritos, haberá que usalas sen complexos para recuperar a autonomía do noso propio destino. Xa abonda de aturar a comedia dos de arriba á custa da miseria e da saúde dos de abaixo.

Porque a lección está ben clara neste circo de despropósitos: ou nos xuntamos de verdade para plantar cara, ou estes de arriba van seguir facendo de nós un pandeiro ata que non nos quede nin o pelexo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.