Si, as noticias do verán (e do resto do tempo) son así, teñen moito aquel (e aqueloutro). E xa sabemos que Ribadeo non é Palma aínda que teña palmeiras, e que chamarse Eva María non é o mesmo que dicirse Victoria F. (F polo de se é segredo, a modo de Victoria's Secret, xuntar o de Victoria a Federica nunha publicación calquera) e que ter un irmán tamén F, nome común ó tempo que propio por moi segundo, secundario ou segundón que sexa, non é o mesmo que ter un Manolo por moito que sexa o único que leva o portador, a máis de o máis abundante e usado na pel de toro ou boi.
A nova podería ser redactada algo así: A popular praia de Ribadeo recibiu a visita de Manolo coma un visitante máis que é. Non houbo ringleira de apretóns de mans no sinxelo acontecer diario do visitante. Tampouco houbo burla sacando a lingua ou semellante. A xente común é así, común. E mesmo será raro ver outra reportaxe que transmita o feito. Aquí, exclusiva, exclusiva! O glamour dos Bloques non se veu alterado pola chegada de Manolo. Todo o máis, algún amigo fíxolle un sitio arredor do corro do grupo sobre a herba. Iso si, preto da moza do momento. Podemos dicir 'a moza dos seus ollos'? Sería moito dicir, como ten dous ó mellor non están de acordo. Tan simpático coma sempre, despois pegouse un chapuzón. Por suposto, algo que nos sorprendeu e deu que falar: fíxoo con casco! Preguntado sobre o feito, declarou que que tiña de anormal, que un casco é un gorro, ou, ao menos, parécense moito! Que ocorrencias máis cuquiñas ten este Manolo!
Tamén apareceu estes días por Ribadeo Eva María. A lombos da súa bicicleta xa vintage por iso de que é vella pero querida, lucía os seus sinxelos traxes. Non se sabe moi ben -dependerá de quen, é de supoñerse- se o vestido chama a atención sobre ela ou ela sobre o vestido; en todo caso, pode ter algo que ver co seu nome, emparentado co da antiga canción. Eva María pode tomar o Sol na praia, pero iso é o de menos. Como se non houbera Sol, ela pode iluminar as noticias e ser o punto de atención, vaia en bicicleta vestida ou non (é de preguntarse como iría se non).
Si, os pais de Manolo e Eva María tamén andan por aí. Son máis esquivos, xa non se deixan ver tanto como no pasado, sobre todo dende a división do matrimonio, e sobre todo o pai, máis apartado do mundanal ruído. En canto á nai, leva a súa nova solteiría fóra dos focos das novas, e non se pode engadir moito máis. Iso si, parece que a monxa non se meteu, e por Ribadeo pode verse.
Nota: as historias froito da imaxinación non teñen por que parecerse a realidade, nin tampouco por que non parecerse. Asemade, tenden a ser exclusivas, pero tamén poden ser inclusivas. Tómese en consideración este feito e déixese voar a mente como se nas este verán sobrequecidas augas do Mediterráneo estivéramos, pois estas letras están mancas sen continuación nas vosas cabezas.