Manual para branquear o franquismo en Meirás

Acción reivindicativa do BNG ante o Pazo de Meirás, neste 10 de decembro CC-BY-NC-SA BNG

A batalla épica pola recuperación do Pazo de Meirás para o pobo galego tivo nos pasados meses episodios de indubidábel sentido histórico na sentenza do 2 de setemnbro e na entrega do inmóbel ao Estado o pasado 10 de decembro. Son fitos que culminan unha loita de décadas, e que non eran só pola recuperación dun patrimonio espoliado senón sobre todo por un facer un exercicio de dignidade, de verdade e de xustiza reparadora. Fica absolutamente claro desde as primeiras iniciativas na Coruña dos anos 80 ata a publicación do libro de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo sobre Meirás (2017) -pasando pola creación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (2004) e as mobilizacións pola devolución iniciadas en 2005-, que o obxectivo central era rematar con esa illa de impunidade franquista, coa legalización do espolio e co relato fraudulento da Ditadura e da Transición. Nunca se presentou esa loita como unha reivindicación da figura da escritora Emilia Pardo Bazán, nin a Xunta nia a Academia fixeron bandeira desa causa.

Replica o proceso de desmontaxe de San Simón como Illa da Memoria a partir de 2009. Aquí tamén se pretende crear unha pantalla (Pardo Bazán, literatura, feminismo) para minimizar o pasado represivo e de loita democrática

Agora que a recuperación (de momento provisional) de Meirás é unha realidade, o goberno galego afánase na presentación dun Plan de usos que enxalza a figura de Pardo Bazán e o feminismo (sic) e que relega os contidos da memoria antifascista, como se o que pasou arredor do Pazo nos últimos 82 anos fose un accidente menor, un pasado incómodo (para algúns) que non convén poñer no primeiro plano.

A operación resulta coñecida e responde á aversión que lle produce ao PP de Feixóo todo o relacionado coa memoria histórica democrática galega, sexa en Meirás ou en calquera outrro lugar. E replica o proceso de desmontaxe de San Simón como Illa da Memoria a partir de 2009, o desmantelamento do grande espazo simbólico galego da represión franquista e da loita pola liberdade para convertelo en non-se-sabe-que, ou si, nun lugar de Anti-Memoria. Logo do fracaso do bluff da Illa do Pensamento, o lugar funciona como illa de Poetas, de piratas, de novelas, de festas de Hallowen, de parque de atraccións privatizado onde todo ten lugar menos xustamente a “memoria histórica democrática antifascista galega”.

Agora a Xunta de Feixóo trama un novo San Simón en Meirás. Aquí tamén se pretende crear unha pantalla (Pardo Bazán, literatura, feminismo) para minimizar o pasado represivo e de loita democrática. Unha operación indecente de blanqueo da Ditadura e de humanización da figura do Ditador, que pasaba alí “algunhas semanas de vacacións”. A operación é de profundo calado e agocha a intención de trasladar ao lugar histórico de Sada algunhas eximias institucións sediadas na Coruña.

Para potenciar a figura de Pardo Bazán existe na Coruña unha Casa Museo en estado precario, que se pode relanzar como centro cultural, de investigación, de pensamento e de creación

A proposta é profundamente irrespetuosa. En primeir alugar coa memoria das vítimas, que non merecen outra vez ser relegadas ao esquecemento e á impunidade. En segundo lugar, para as persoas e entidades que non libraron unha batalla épica, cando todo estaba en contra, para que agora se traizoe e se silencie a súa causa. En terceiro lugar para a Verdade, que ten no relato histórico e na interpretación do conxunto de Meirás o seu máis fiel aliado. En definitiva para a dignidade colectiva, que se engrandece con esta victoria épica e coa función reparadora do lugar da memoria.

Polo demais, o Plan da Xunta é completamente prescindíbel. Para potenciar a figura de Pardo Bazán existe na Coruña unha Casa Museo en estado precario, que se pode relanzar como centro cultural, de investigación, de pensamento e de creación. E se o que se pretende é crear un Faro da Literatura e do Feminismo non é preciso acudir a Meirás. Xa existe unha figura e unha obra de raíz galega, de compromiso nacional e coas clases populares, de profundo sentido feminista e dunha enorme proxección internacional en Padrón e Compostela. Se cadra, na proposta da Xunta tamén hai unha intención inconfesábel de ocultar e minimizar a Rosalía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.