Pola súa propia natureza e polas prácticas dominantes desenvolvidas no seu interior, as Deputacións constitúen un escenario privilexiado para constatar as graves eivas da chamada vella política. O sucedido nos últimos días na Deputación de Lugo acadou niveis esperpénticos que mesmo sorprenderon aos sectores mais críticos coa existencia destas institucións provinciais.
O sucedido nos últimos días na Deputación de Lugo acadou niveis esperpénticos que mesmo sorprenderon aos sectores mais críticos coa existencia destas institucións provinciais
O BNG explicitou a súa folla de ruta a respecto das negociacións para acadar un goberno de coalición na deputación lucense. Ademais das cuestións programáticas e dos criterios de funcionamento desta institución (variábeis coñecidas polos oito anos precedentes nos que houbo un acordo gobernamental entre os mesmos actores que agora tiñan que negociar a renovación do pacto), a organización nacionalista sinalou como liña vermella a inexistencia dunha imputación xudicial na persoa proposta para ocupar a presidencia do organismo. A pesar desta advertencia e despois de renunciar a outras posibilidades (Lara Méndez, González Santín), a dirección do PSdeG postulou como candidato a Manuel Martínez e, nas horas inmediatamente anteriores á elección, decidiu presentar ao alcalde da Pontenova ante a evidencia de que os deputados do BNG non ían apoiar ao imputado alcalde de Becerreá.
O resultado final xa é coñecido: Martínez non seguiu a disciplina do grupo socialista e posibilitou a chegada da candidata do PP á presidencia da deputación. As declaracións posteriores do deputado “rebelde” certifican o código que manexa este responsábel político:só aceita a lóxica de funcionamento do seu partido cando coincide cos obxectivos que decide establecer para materializar a súa particular ambición. Todo o demais non é admisíbel e, polo tanto, é susceptíbel de merecer as maiores descualificacións (“talibáns”, dirixido aos deputados do Bloque). A exhibición obscena de personalismo que realizou nesa comparecencia pública só tivo unha carencia notoria: non anunciar a inmediata constitución dunha nova formación política –co nome de Independentes de Becerreá ou co propio de Manolo Martínez- para competir no mercado electoral.
A pregunta resulta pertinente: como é posíbel que concelleiros, alcaldes e dirixentes do PSdG promovan e avalen a designación dun persoeiro destas características? Lamentabelmente, a resposta semella evidente:a pesar do que ten chovido na vida política nos últimos anos, o Partido Socialista non foi quen de tomar a serio a tarefa da rexeneración democrática no interior da súa organización. Obviamente, se non se mudan os criterios, as prácticas e as persoas na propia casa non se vai ter a credibilidade suficiente para enfrontar os cambios que se requiren no conxunto do sistema político.
O sucedido na deputación de Lugo alimenta a opinión de que moitos representantes institucionais só buscan satisfacer os seus intereses particulares. Velaí a importante responsabilidade contraída polos causantes deste auténtico despropósito
Dende hai algún tempo, os grandes partidos políticos –sobre todo o PP e o PSOE- padecen a desconfianza de sectores relevantes da cidadanía por mor dos efectos combinados dunha xestión gravemente inxusta da crise económica e a reiterada constatación de intolerábeis episodios de corrupción. O sucedido na deputación de Lugo alimenta a opinión de que moitos representantes institucionais só buscan satisfacer os seus intereses particulares. Velaí a importante responsabilidade contraída polos causantes deste auténtico despropósito.