Coma se acontecese onte, ou case. De feito estiven a falalo co Patiño hai uns días. El segue a ser o mesmo. E aínda que o paso do tempo nolo esté a negar tódolos días, todos seguimos a ser os mesmos. Andabamos polo taller facendo unhas prácticas. Se mal non lembro eran sobre comparadores Schmitt Trigger. De feito, debeu de apretar o gatillo o tal Schmitt porque escoitamos pola radio que un petroleiro acababa de atromparse contra a Torre de Hércules. Xoves.
Daquela tan só o matachín da Ponte Carreira era o que tiña coche, pero ese día non viñera a clase. Decidimos nun virar de manos latar e ir na busca do Patiño. De primeiras mostrouse reacio, pero non fixo falla moito para convencelo. O supercinco ía con outros tantos embutidos no coche. Había brazos e pernas por todos lados. Patiño,Pedro,Pablo, non lembro o cuarto e un mesmo.
Non foi sinxelo achegarnos ata aló. A cidade estaba ao borde do colapso. Coma cando enches un formigueiro con mexo e as formigas saen por todas as esquinas.
Tivemos que pasar por varios controis e ás primeiras bastounos dicir que iamos á casa dun. No último, xa preto da Torre, fixémonos pasar por case reporteiros da Universidade. O municipal mirounos con certa estrañeza. Cinco nun supercinco do Politécnico non teñen moitas pintas de reporteiros, e máis no 92, podédesmo crer. Aínda así e todo, deixounos pasar, igual o fulano estaba un pouco espeso, totalmente disculpábel.
Estabamos alí.
O cheiro era igual de espeso ca fumarola que se elevaba cara ao ceo. O mar ardía . Un San Xoán en Decembro. O mar ardía. As lapas chegaban ata Mera. O nunca visto. Ben, algúns ollos máis vellos xa o viran co Urquiola, pero eran cousas de vellos, coma estas o son agora. Despois, os mesmos ollos... Estes aínda verían máis merdada, moita, moitísima máis, menudo desprestixio para un propresidente colgando polos hilillosh.
Mágoa de ollos polo que teñen que ollar ás veces. Moito chorei despois.
O feito é que ese día, tiramos unha foto... Ben, tiramos un lote delas. Pero a que non deixa de aparecer na miña memoria é a de cinco rapaces, sorrindo coa Torre ás costas e unha inmensa columna de fume. Unha tolemia.
Onte, abrín o Facebook e o Juan José Nóvoa, colgou un vídeo da TVG que me levou a aquel día en concreto. A viaxe nestes casos é instantánea. Non hai Delorian coma a memoria. Hago chas y aparezco a tu lado.
No minuto 1:06 aparece un rapaz loiro mirando cara a atrás, igual que o está a facer agora no tempo. Menos loiro, menos rapaz. Manda carallo.