Marca Galicia vs. Marca España

O 2014 comeza co máis baixo recoñecemento internacional da Marca España: a Monarquía atinxida por un escándalo de lavado de capitais e malversación de cartos públicos, Sacyr chantaxeando á Autoridade da Canle de Panamá para obter o tan español “reformado” despois de eliminar á competencia internacional cunha oferta temeraria ou un Ministerio de Industria que subvenciona en 1300 millóns de euros á REE para potenciar o transporte da enerxía no canto da produción e autoconsumo, como recomendan os expertos  internacionais.

A marca España identifícase co capitalismo castizo do BOE, condenado ao fracaso como todos os capitalismos que non respectan dúas liñas vermellas: a cohesión social e a libre concorrencia

A marca España identifícase co capitalismo castizo do BOE, condenado ao fracaso como todos os capitalismos que non respectan dúas liñas vermellas: a cohesión social e a libre concorrencia. Rajoy, como bo Rexistrador da Propiedade, acredita máis nos aranceis, nos basculeiros e nos listeiros ca na innovación e competencia. Mentres Madrid, cun 20% do PIB estatal, duplica o nivel que por economía produtiva habería acadar. Velaí a Marca España.

Diante desta catástrofe, é absurdo subordinar a Marca Galicia a esta decadente referencia. Como tamén, probabelmente, confrontala. O máis intelixente é facer marca propia, de noso. Porque Galicia é relativamente ben coñecida no ámbito europeo, latinoamericano e, potencialmente, lusófono, sobardando con moito os 500 millóns de persoas de público obxectivo que reside nos espazos territoriais que coñecen o noso País no mundo. E desfrutamos de  elementos referenciais tan sobranceiros como o Camiño de Santiago, a mesta rede de Centros Galegos no exterior, Inditex, as Rías Baixas ou o Deportivo da Coruña, canda unha marca Galicia Calidade, ben potente no que atinxe ao sector agroindustrial e ao complexo mar-industria e que precisaría da súa referenciación sobranceira no complexo monte-industria, nas novas tecnoloxías agrogandeiras e acuícolas, no téxtil e nas tecnoloxías da información e comunicación.

Diante desta catástrofe, é absurdo subordinar a Marca Galicia a esta decadente referencia. Como tamén, probabelmente, confrontala

Galicia ten unha nidia vocación portuaria, ponte entre América e Europa e atópase xusto a carón da principal autoestrada do mundo, que dende London, a desembocadura do Rhin e a área do Ruhr amorea máis do 20% do PIB europeo. Unha caste de Quinta Avenida de New York fronte á que Madrid e o centro do Estado constitúen algo semellante ao Bronx.

Aínda seremos quen a dubidar cara onde temos que ollar?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.