Marchas 22M

E así como os pobos sen dignidade son rabaños, os individuos sen ela son escravos. José Ingenieros.

A dignidade é a calidade humana mediante a cal nos facemos respectar e valorar. Dignidade, é o concepto clave que debe guiar a saída deste sistema inxusto no que nos atopamos

A dignidade é a calidade humana mediante a cal nos facemos respectar e valorar. Dignidade, é o concepto clave que debe guiar a saída deste sistema inxusto no que nos atopamos. Dignidade, é o que empregamos para crebar a estrutura actual e afastarnos definitivamente do capitalismo inhumano e devastador que abafa as nosas vidas. Dignidade é o que nos fai construír unha resposta social frontal e clara con este sistema.

Unha resposta social que avanza cara a unha concepción global na que se percibe que a problemática é a mesma en cada recanto do planeta. A globalización capitalista trae consigo a destrución total da natureza e dos dereitos das persoas así como a acumulación da riqueza nas mans dunha pequena minoría (menos do 1% posúe máis do 80% da riqueza total existente) grazas ao sometemento dos gobernos ao poder económico financeiro-transnacional.

Persoas e pobos de cada parte do planeta van consolidando día a día a necesidade de converxencia e pluralidade para loitar e confrontar o sistema. Cada resposta social (masiva ou non), cada campaña, cada acción e iniciativa, supoñen un chanzo máis na creación dunha conciencia colectiva conxunta e diversa que combate o sistema capitalista actual. Conciencia conxunta porque entendemos que é imposible un cambio social real sen a unidade de todas aquelas persoas e formas de organización colectiva que confrontan este sistema. E conciencia diversa xa que cada colectivo, partido, asociación, sindicato,… atenden e confrontan diferentes problemáticas dende distintas ópticas, á par que empregan diversos modos de loita que van dende a desobediencia civil á acción directa e dende as campañas a longo prazo ás iniciativas puntuais.

Apoiamos unhas marchas que deben supor un paso firme para encher de dignidade e loita as nosas rúas

E un paso máis na construción dunha resposta social converxente, inclusiva e sostida son as Marchas da Dignidade. As Marchas, que se levan fraguando xa dende o verán do 2013 e que teñen como data clave o 22 do presente mes de marzo, serán outra mostra máis do sentir xeneralizado contra este sistema inxusto e represivo que se basea na eliminación de dereitos e liberdades.

Así pois dende Ecoar))) apoiamos as Marchas da Dignidade. Apoiamos unhas marchas que deben facer fronte á eliminación dos sistemas sanitario e educativo, ao incremento por riba do 25% das persoas que viven por baixo do albor de pobreza, á privatización dos bens e servizos comúns (auga, enerxía, comunicacións,…), á corrupción, á impunidade da ditadura franquista, á represión e violencia de estado… Unha marchas que deben supor un paso firme para encher de dignidade e loita as nosas rúas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.