Un dos principais argumentos cando un réxime se desfai é o medo ao cambio. Nestes últimos anos vivímolo de múltiples maneiras. Desde o terrorismo até a lei mordaza. Desde o jihadismo internacional ao conservadurismo social. Medo a perder o traballo, perder a casa, perder a vida. Medo ás represalias por protestar contra unha crise que é unha estafa. Tamén a nova expresión de eu ou o caos, medo a non ter alternativa: a modulación emocional da poboación ou a psicanálise de masas.
Das palabras máis escoitadas esta fin de semana no encontro das #mareasbaixas cara á constitución dunha candidatura de unidade popular destaca a palabra xenerosidade
Sen dúbida, os sectores conservadores son unha parte importante da poboación, é máis, unha parte necesaria na súa biodiversidade. Proporcionan elementos críticos ao cambio e axudan a un proxecto social e xeracional de amplas miras e de maiorías sociais. O 99% do que falaba #occuppywallstreet non é posible sen eses elementos. Os de abaixo contra os de arriba é un termo transversal e inclusivo que os fai participes. Algúns dos problemas que hoxe en día atravesa Podemos a nivel programático ou discursivo pasan xustamente por aí: facer deste un cambio de todxs, un novo contrato social. Como xa ocorreu no 15M cos seus consensos de mínimos, por exemplo.
Das palabras máis escoitadas esta fin de semana no encontro das #mareasbaixas cara á constitución dunha candidatura de unidade popular destaca a palabra xenerosidade. A xenerosidade necesítase hoxe máis que nunca e por partida múltiple como xenerosidade xeneralizada da sociedade. A cidadanía, o pobo, nosoutrxs, levamos aprendendo a practicar esa xenerosidade social nos últimos anos por diversas canles, xa sexa a través de Stop Desahucios ou de Gamonal, xa sexa a través das prazas ou a través dos actos cotiáns de solidariedade ou apoio mutuo. A xenerosidade fundamenta calquera sociedade. En antropoloxía os pobos deixan de ser inimigos e convértense nun cando comezan a practicar unha economía do agasallo e do don. O mesmo ocorre nas solidariedades veciñais ou familiares. Coa nosa xenerosidade construímos un nós forte e alegre.
Que os partidos esquezan os seus medos: Calquera interese partidista verase excedido pola acción da multitude segundo o vello dito do 15M
Pero non só se lle demanda xenerosidade á sociedade, ás prácticas micro-políticos senón tamén aos partidos (Equo, Espazo Ecosocialista, Partido Humanista, ANOVA e Podemos) que o domingo estaban convidados a unha mesa redonda sobre a pregunta de se confluír xunto á Marea Atlántica cara ás eleccións municipais do concello da Coruña. Imbuídos estes partidos nalgunhas das prácticas da vella política pídese que abandonen as súas posicións partidarias e deixen de ter medo a perder as súas siglas cara a un proceso de maiorías sociais, de cambio, de ruptura democrática e de proxecto colectivo de construción. Hai que deixar o medo atrás dicía un dos compañeiros da mesa. Podemos afirmar que o medo foi cambiando de bando paulatinamente. Fíxoo no 15M, nos sucesos da Praza Catalunya, en Stop Desahucios, en Gamonal, en Podemos, en Pikachu. A expresión do compañeiro indicaba que chegou a hora de que eses dinosauros que conforman a vella política se disolvan, xunto ás súas identidades, na natureza líquida da marea, axudándonos a construír un futuro que inclúa a todos e todas. Algúns partidos da vella política obviaron o chamamento (xa sexa por causas identitarias ou partidistas ou de “mala sorte”), outros aceptárono. O 15M da Coruña declarábase apartidista e autónomo. O seu desexo parece estar finalmente cumpríndose e pódese hoxe construír unha fronte de acción popular e xa non só unha candidatura de unidade. Que os partidos esquezan os seus medos: Calquera interese partidista verase excedido pola acción da multitude segundo o vello dito do 15M.
As nosas reinvidicacións e propostas son sinxelas e universais: pan, teito e traballo para todos e todas. As nosas ferramentas son a democracia e a ética
Por último e de novo, a xenerosidade demándase tamén hoxe aos sectores máis conservadores da nosa sociedade. Esforzos están a producirse en todos os sentidos, votantes do PPSOE cambian as súas confianzas e Pablo Iglesias publica un borrador lixeiramente social demócrata de programa económico. Fronte ao conservadurismo e á vella política atrincheirada este fin de semana viviuse nas #mareasbaixas un incrible clima de innovación política. A competencia partidista deu lugar á creación colectiva en tres frenéticos días. A innovación axúdanos a albiscar horizonte. Imbúenos de esperanza no futuro. Arroxa luz nos momentos de crise máis profunda. Esta fin se semana produciuse un incrible volume de propostas innovadoras por parte de especialistas e de cidadanía. Un primeiro paso nun esforzo xigantesco de rexeneración democrática e reactivación social e produtiva. As nosas reinvidicacións e propostas son sinxelas e universais: pan, teito e traballo para todos e todas. As nosas ferramentas son a democracia e a ética. O chamamento desta fin de semana é tamén un chamamento á responsabilidade, pero esta vez tamén á responsabilidade dos sectores conservadores e escépticos ou desconfiados da sociedade. A responsabilidade, esa palabra tan conservadora, non é só criticar o cambio senón alentar a creación e dotala de autonomía.
Hoxe, chamamos a toda a sociedade ao cambio, á confianza e á acción, un xesto de xenerosidade e amor colectivo que ilumine o futuro e unha nova cidade que nos inclúa a todxs
Estamos nunha situación de urxencia. Somos o 99%, a maioría social, o pobo, xente do común. Hoxe, chamamos a toda a sociedade ao cambio, á confianza e á acción, un xesto de xenerosidade e amor colectivo que ilumine o futuro e unha nova cidade que nos inclúa a todxs: conservadores e progresistas, esquerdas e dereitas, españolistas e galeguistas, precarios e funcionarios, mozos emigrantes e nais sen traballo, agricultores e traballadoras cognitarias. Nosoutrxs. Un acto de xenerosidade e de amor tal que faga que as mesas de partidos sexan cousa do pasado.