Cerezas sobre la muerte de Mario Obrero (La Bella Varsovia, 2022).
Cerezas sobre la muerte xorde dun feito que descobre no encontro Ruta al Exilio en xullo de 2021. O suceso é o achado da fosa común de Pernafeites (Tarragona), na que un centenar de soldados republicanos foron enterrados e sobre cuxa terra non medraban as cerdeiras
Mario Obrero é un poeta madrileño de vinte anos que ten tantos premios como poemarios publicados, catro. O derradeiro foi editado no ano 2022 por La Bella Varsovia, editorial que comezou a súa andaina no ano 2004, e xa conta con catro edicións. Cerezas sobre la muerte de Mario Obrero está composto por un exercicio de memoria histórica e por outro de xustiza lingüística.
Como o propio autor aclara no epílogo, Cerezas sobre la muerte xorde dun feito que descobre no encontro Ruta al Exilio en xullo de 2021. O suceso é o achado da fosa común de Pernafeites (Tarragona), na que un centenar de soldados republicanos foron enterrados e sobre cuxa terra non medraban as cerdeiras. Moi simbolicamente no primeiro dos poemas que compoñen este pequeno volume, «Los ojos desnudos…», Mario Obrero escribe: «sucede que mi juventud se erige sobre la albura de los fémures y el empaste de / oro // sucede que el alambre de espino no es una flor» (p. 8) e, unhas estrofas máis adiante, «el cerezo no es un cerezo sino nuestra muerte erguida con cereal en los / bolsillos» (p. 9).
O segundo poema ou exercicio, «Froito vén», é un poema de linguas, xa que ademais de en castelán, foi poetizado en euskera, asturianu, catalán e galego; todas elas linguas que xa apareceran nalgúns versos da composición anterior. Nesta segunda poesía agroma a tendencia tan propia de Mario Obrero de indagar nas etimoloxías, no xermolo das palabras, na raíz do propio «froito».
Mario Obrero é o poeta actual que mellor encarna ese poliglotismo tanto nas súas composicións como no programa que guionizou e presentou nas súas dúas primeiras tempadas, Un país para leerlo, no que autores e autoras de toda España o acolleron (e el a eles e a elas). Nel falaron, entre outras moitas, a poeta e escritora galega Berta Dávila na primeira tempada e, xa na segunda, a tamén poeta galega Alba Cid
Nesta mesma composición o poeta define a súa propia obra (cito pola versión galega): «Cereixas sobre a morte é o ronsel políglota dese lugar / memoriado onde rexorden de entre o silencio os froitos da / esperanza» (p. 23). En verdade, Mario Obrero é o poeta actual que mellor encarna ese poliglotismo tanto nas súas composicións como no programa que guionizou e presentou nas súas dúas primeiras tempadas, Un país para leerlo, no que autores e autoras de toda España o acolleron (e el a eles e a elas). Nel falaron, entre outras moitas, a poeta e escritora galega Berta Dávila na primeira tempada e, xa na segunda, a tamén poeta galega Alba Cid. Mario Obrero responde, pois, a ese ideal, feito realidade nel, de persoa que non só respecta a diversidade cultural do seu país, senón que tamén participa dela de forma activa e libre.
Anteriormente dixen que Cerezas sobre la muerte é un exercicio de memoria histórica e xustiza lingüística, pero tamén cabe destacar que é un exercicio interartístico. Superada a arte poética, na que Mario Obrero xa demostrou ser todo un mestre, os poemas vense acompañados polos seus propios debuxos, en moitos dos cales ten lugar a palabra, as palabras. Nesta mestura harmónica de linguas, de poesía e debuxo, de arte e artes, non podo máis que citar, unha vez máis (e quizais nunca o suficiente), a Mario Obrero e o remate do seu poema «Los ojos desnudos…»: «allez allez rêvez / allez allez avancez» (p. 11).