Mario Obrero escribe ás linguas no seu último libro

Mario Obrero © La bella Varsovia

Mario Obrero escribe ás linguas en Con e de curcuspín: cartas a las lenguas onde reflexiona sobre a historia e a situación do castelán, galego, aragonés, catalán, aranés, asturiano, estremeño e éuscaro. Un volume no que o ensaio e a reflexión lingüístico-literaria mestúranse coa súa habitual poesía, tanto polo estilo como polo contido, onde é unha constante

Obrero, Mario (2025): Con e de curcuspín: cartas a las lenguas, Anagrama, Barcelona, 200 p.

Mario Obrero escribe ás linguas en Con e de curcuspín: cartas a las lenguas onde reflexiona sobre a historia e a situación do castelán, galego, aragonés, catalán, aranés, asturiano, estremeño e éuscaro. Un volume no que o ensaio e a reflexión lingüístico-literaria mestúranse coa súa habitual poesía, tanto polo estilo como polo contido, onde é unha constante.

No primeiro capítulo, “Querido castellano”, como castelanfalante, Mario Obrero indica que a súa intención con este libro non é a de asumir o rol de salvador dunha serie de linguas, senón que é plenamente consciente que estas terán a súa salvación nos seus propios falantes. O autor móstrase consciente tanto do papel que xoga o castelán con respecto do resto de linguas de España como da súa propia situación en países como EE. UU., onde o castelán é o idioma que se ve ameazado por outra lingua cuxos falantes tratan de imposibilitarlle o seu desenvolvemento e a plenitude suficiente dende o poder para evitar que os e as falantes poidan exercer a liberdade de empregalo sen receos. 

Obrero, Mario (2025): Con e de curcuspín: cartas a las lenguas © Anagrama

En “Benquerido galego”, o autor faise cargo da situación de decadencia da lingua e da súa perda constante de falantes. Contra isto, Mario Obrero non só non fai prevalecer a súa voz, senón que, como fará nos seguintes capítulos, dálla a escritores galegos e escritoras galegas aos que recorre con frecuencia

Deste mesmo capítulo son especialmente reveladoras as ideas. Unha delas, a constante e nada xustificada busca da utilidade das linguas. Outra sería a potestade coa que se cre calquera persoa sen formación no ámbito lingüístico para cuestionalas. E, por enunciar unha máis, a manida xustificación da imposibilidade de comprensión que o autor rebate con moitos outros trámites da vida cotiá que non entendemos e que, non obstante, ninguén chega a sentirse coa autoridade suficiente de pór en dúbida. 

No seguinte capítulo, “Benquerido galego”, o autor faise cargo da situación de decadencia da lingua e da súa perda constante de falantes. Contra isto, Mario Obrero non só non fai prevalecer a súa voz, senón que, como fará nos seguintes capítulos, dálla a escritores galegos e escritoras galegas aos que recorre con frecuencia, como poden ser Luz Pichel, Castelao, Alba Cid, Lois Pereiro, Méndez Ferrín, Luis Seone, Antía Otero, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Olga Novo, Xela Arias, María do Cebreiro, Chus Pato, Jesús Castro Yáñez, Berta Dávila, Manuel Rivas, Lamas Carvajal, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Dores Tembrás e moitos outros. Mario Obrero explica como foi aprendendo galego coa axuda dun dicionario galego-castelán e como a súa decisión de aprendelo e falalo sempre foron cuestionadas.

Mario Obrero explica como foi aprendendo galego coa axuda dun dicionario galego-castelán e como a súa decisión de aprendelo e falalo sempre foron cuestionadas

En “Quiesto aragonés” o autor recorre a voz de escritores como Ánchel Conte, Lucía López Marco, Pilar Benítez, Ana Abarca de Bolea, Ramón Acín, Mariví Nicolás, Carmina Paraíso Santolaria ou Nieus Luzía Dueso Lascorz. Ademais, establece relacións con outras linguas como o galego, euskera e catalán, o que se converterá nunha constante ao longo das distintas cartas.

En “Benvolgut català” algunhas das voces compiladas son as de Susanna Rafart, Marta Pessarrodona, Maria-Mercè Marçal, Pompeu Fabra, Teresa Pascual, Vicent Andrés Estellés, Margalida Pons, Ramon Llull, Salvador Espriu, Bartomeu Rosselló-Pòrcel, Antonina Canyelles, Caterina Albert i Paradís, Mercè Ibarz, María Antònia Salvà, Antònia Vicens, Mireia Calafell, Montserrat Roig, Clementina Arderiu, Josep Obiols, Carles Riba ou incluso Pier Paolo Pasolini, quen se interesou polo catalán pola situación afín do friulano con respecto ao italiano.

En “Planvolut aranés” o autor considera esta lingua como unha forma de occitano que perdura grazas en parte ao respecto que lle brindou o catalán como lingua tamén oprimida e, polo tanto, coñecedora de que o xusto non é exercer dominancia sobre outra. A situación xeográfica de incomunicación do Val d’Arán foi precisamente o que favoreceu tamén a súa supervivencia durante tanto tempo. Como voces seleccionadas polo autor destacan a de M.ª Pilar Tusquets e Carmen Estrada. 

En “Queríu asturianu” o escritor avoga pola denominación de asturiano fronte a bable, xa que se trata dun termo con connotacións despectivas. As voces seleccionadas foron a de Lourdes Álvarez, Berta Piñán, Rubén d’Areñes, Xuan Bello, Laura Marcos, Antón de Marirreguera, Alfredo García Dóriga, Sofía Castañón, Rodrigo Cuevas, Esther García López, Gonzalo Llanedo Pandiella, Diego Solís, Marta Mori, Inaciu Galán, Esther Prieto, María García Díaz, entre outros. Neste capítulo o autor expón dúas ideas cruciais: a primeira, que as minorías no seu conxunto son maioritarias e universais; a segunda, que a globalización debe entenderse nun sentido de universalización e exportación de linguas e culturas e non de homoxeneización e predominio dunha lingua ou cultura sobre as demais que pretende borrar.

O autor séntese tamén agradecido por todas aquelas persoas que continúan a empregar as súas linguas en calquera contexto pese aos impedimentos históricos e ás crenzas populares, porque son as que manteñen con vida linguas que non contan con medios, nin moito máis poder que o da propia palabra, é dicir, o da fala e escrita libres, o poder da poesía

Neste mesmo capítulo atópase o motivo do título. ‘Curcuspín’ é ‘erizo’ en español (‘ourizo’ en galego). O autor narra como a cativada asturiana aprendía na escola o castelán. Polo seu papel de axente castelanizador, as linguas ás que Mario Obrero escribe estas cartas non tiñan cabida nas escolas (moitas delas seguen sen tela), o que dificultou historicamente o entendemento entre o profesorado, na súa maioría provinte doutros lugares nos que se falaba castelán, e o alumnado, así como o próspero desenvolvemento dos idiomas pretendidamente minorizados polo poder. Cando a cativada asturiana estaba aprendendo as vogais, ao chegar ao ‘e’ o profesor debuxou un ourizo, polo que a resposta foi ‘curcuspín’ e non o esperado ‘erizo’ por parte do mestre. Un exemplo bastante significativo do dominio que o castelán exerceu sobre, neste caso, o asturiano durante o franquismo.

En “Queríu estremeñu” o autor reflexiona sobre o que consideramos como lingua e, polo tanto, goza de medios, status e respecto, mentres que o que se denomina como dialecto non se considera máis que unha variación que debe erradicarse. Novamente, aparece aquí a tendencia á homoxeneización. Como voz o autor recolle aquí a de Isabel López Lajas. 

Obrero realiza un repaso pola historia e a situación actual das linguas da Península, pero tamén mostra un futuro posible para todas elas, porque se un mozo de Getafe como el foi quen de reparar naqueles elementos culturais e lingüísticos de orixe distinta á castelá que se podían asomar ao seu día a día e foi capaz de comprender con precisión a importancia de non só respectar esa diversidade lingüística, senón tamén falar linguas que están expostas á desaparición

En “Euskara maitia”, Mario Obrero selecciona a Bernat Etxepare, Gabriel Aresti, Izaskun Gracia Quintana, Arantxa Urretabizkaia, Juana Inés de la Cruz, Joseba Sarrionandia, Tere Irastortza, Katixa Agirre, Juan Kruz Igerabide, Karmele Jaio, Uxue Apaolaza, Itziar Ugarte, Julen Apella, Nerea Arrien, Leire Bilbao, Amaia Lasa, Miren Agur Meabe, Itxaro Borda, Bernardo Atxaga, Blas de Otero, Uxue Alberdi, entre outros. Destacan as denominadas como bruxas de Zugarramurdi pola súa significación de mulleres valentes e rebeldes, que, en parte, sustentaron o éuscaro durante moito tempo, polo que foron perseguidas como tantos outros falantes de moitas outras linguas minorizadas incluso hoxe en día. 

Na “Postdata”, Mario Obrero termina agradecendo a todas as persoas que o acolleron con entusiasmo e o alentaron a que falase a lingua que desexase. O autor séntese tamén agradecido por todas aquelas persoas que continúan a empregar as súas linguas en calquera contexto pese aos impedimentos históricos e ás crenzas populares, porque son as que manteñen con vida linguas que non contan con medios, nin moito máis poder que o da propia palabra, é dicir, o da fala e escrita libres, o poder da poesía. 

En conclusión, Mario Obrero escribe unhas cartas nada exentas de poesía ás linguas, pero tamén ás persoas que as falan, sexan estas nativas ou non. Con estas últimas o autor comparte a eterna cuestión que moitos individuos lle formulan por aprendelas, algo que non sucede no caso dunha lingua que goza de prestixio e status. Mario Obrero, lonxe de abandeirarse dunha causa que recoñece que lle pertence aos propios falantes, os mesmos que son perseguidos, cuestionados polo libre emprego do seu idioma ou incluso se senten estranxeiros no seu propio país por mor da lingua, erixe as voces de decenas e decenas de escritores e escritoras de todos os tempos do galego, aragonés, catalán, aranés, asturiano, estremeño e éuscaro. En Con e de curcuspín, Mario Obrero realiza un repaso pola historia e a situación actual das linguas da Península, pero tamén mostra un futuro posible para todas elas, porque se un mozo de Getafe como el foi quen de reparar naqueles elementos culturais e lingüísticos de orixe distinta á castelá que se podían asomar ao seu día a día e foi capaz de comprender con precisión a importancia de non só respectar esa diversidade lingüística, senón tamén falar linguas que están expostas á desaparición, zuk zergatik ez? (ti por que non? en éuscaro). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.