O conxunto de factores -interiores e internacionais- que están incidindo no desenvolvemento desta crise demostran posuír unha forte capacidade desestabilizadora sobre a situación política estatal e europea
A crise orixinada pola entrada de milleiros de persoas na cidade de Ceuta ten alimentado moitas controversias no seo da opinión pública do Estado español. Se houbera que facer unha escolma dos aspectos mais relevantes que están sendo obxecto das conversas públicas, resultaría indiscutíbel aludir aos puntos de vista formulados a respecto das relacións con Marrocos.
En primeiro lugar, é preciso diferenciar dous planos: o que atinxe aos poderes institucionais realmente existentes e o que afecta aos tecidos sociais de ambos Estados. Despois da morte de Franco, as relacións entre as autoridades respectivas sempre tiveron doses importantes de conflito por mor, sobre todo, de dúas circunstancias moi relevantes: as diverxencias sobre a pertenza territorial atribuíbel a Ceuta e Melilla e a posición a respecto da resolución da ONU relativa ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí. O réxime marroquí nunca renunciou á reclamación da soberanía sobre as cidades referidas aínda que non sempre manexou esa reivindicación coa mesma frecuencia e intensidade. No caso do Sahara tampouco aceitou os acordos adoptados nos foros internacionais e buscou, a través de negociacións con outros Estados aliados, as condicións mais favorábeis para neutralizar e/ou mudar a decisión de que a vella colonia española teña a posibilidade de se converter nun Estado independente.
Nestes últimos 50 anos puidéronse constatar algunhas evidencias significativas: 1) A Monarquía marroquí reforzou a súa alianza estratéxica cos USA e con dous Estados moi determinantes na estrutura da UE (Franza e Alemaña). 2) A chegada de Trump á Casa Branca facilitou o medre dunha sinerxía inédita do pais africano co Estado de Israel, coas decisivas consecuencias que iso representa para a dinámica da xestión dos intereses conxuntos. 3) As políticas migratorias fixadas polos órganos dirixentes da UE outorgaron notábeis vantaxes materiais ás autoridades marroquís e, ao mesmo tempo, un grande poder negociador a respecto do Estado español (alimentado, ademais, polo papel atribuído aos dirixentes de Rabat na loita contra o narcotráfico e contra a violencia de orixe islamita). 4) Nos seus anos de gobernanza no Estado español, PSOE e PP demostraron posuír unha ampla coincidencia á respecto das políticas practicadas co veciño do Sur. Cando, nos primeiros anos deste século, Aznar quixo facer unha demostración de poderío militar na illa de Perejil, a dirección socialista -encabezada por Zapatero- apoiou a estratexia do presidente do PP. O recente cambio promovido por Pedro Sánchez a respecto da posición sobre o Sahara non ten sido rexeitado formal e solemnemente por Núñez Feijoo. 5) As formacións políticas ubicadas fora do ámbito organizativo do Partido Socialista (PCE/IU, BNG, ERC, Bildu, Sumar, Podemos...) sempre manifestaron unha posición crítica sobre o réxime vixente en Marrocos en base a dúas consideracións: o apoio á causa saharauí e o rexeitamento das prácticas antidemocráticas que presiden as actuacións dos gobernantes do pais norteafricano.
Fora do ámbito institucional e do capítulo relativo aos negocios empresariais privados, non se constata un volume de relacións medianamente consistentes. Percíbese, mais ben, unha asimetría entre o nivel de coñecemento mutuo que se rexistra actualmente nas respectivas sociedades. Sen unha información minimamente compartida resulta inevitábel o medre dos preconceitos, das desconfianzas e das actitudes xenófobas. Semella que os sectores da esquerda que actúan nos distintos territorios do Estado español carecen de interlocutores cos que puideran tecer redes de comunicación e de colaboración en favor de horizontes de maior liberdade e prosperidade para as respectivas comunidades.
Entregados a unha política de oposición destrutiva, a tentación de Feijoo e Abascal non se está agachando: canto peor, mellor. Se nos vindeiros meses chegan a gobernar teremos a proba do nove das falacias e das demagoxias que agora están exhibindo. Daquela, farán o que lle indiquen dende Washington e dende Tel Aviv e dirán que a Monarquía de Rabat debe ser respectada e apoiada
Na actual crise de Ceuta conflúen dúas dimensións importantes. Por unha banda non existen dúbidas sobre as razóns estruturais que motivan as correntes migratorias cara o Estado español e a UE: a persistencia dunha diferenza abismal nos niveis de renda e de riqueza vixentes en ambas beiras da liña fronteiriza e a carencia dunha vontade efectiva das autoridades marroquís para mudar, sequera parcialmente, semellante situación mediante o uso adecuado dos acordos asinados -e dos consecuentes fondos recibidos- cos responsábeis políticos de Bruxelas e de Madrid. A recente entrada de milleiros de persoas en territorio español coloca no centro da atención pública as características que deben ter as políticas públicas neste tema: cumprimento escrupuloso dos dereitos humanos, aplicación das normativas legais existentes, atención humanitaria aos inmigrantes e actuación coordinada de todas as administracións públicas concernidas.
Por outra banda, este episodio suscitou unha discusión sobre o papel xogado polo réxime de Marrocos na orixe e na xestión posterior do desprazamento deste grande continxente de persoas. Agás o PSOE, as demais forzas políticas culpabilizan -por activa ou por pasiva- ás autoridades do pais norteafricano e -segundo algúns estudos demoscópicos publicados- un 80% dos cidadáns están convencidos desa responsabilidade gobernamental exterior. Esta situación ten provocado varias consecuencias: notábel illamento do goberno de Sánchez (favorecido, ademais, por diversos erros cometidos na xestión deste episodio); intensa utilización electoralista por parte de PP e de Vox; aparición dun clima de máxima belixerancia verbal contra os inmigrantes chegados a Ceuta (cualificados de "invasores" pola dereita e a ultradereita); preocupante medre das agresións físicas de contido xenófobo sen unha resposta policial acorde á gravidade dos incidentes.
O conxunto de factores -interiores e internacionais- que están incidindo no desenvolvemento desta crise demostran posuír unha forte capacidade desestabilizadora sobre a situación política estatal e europea. Entregados a unha política de oposición destrutiva, a tentación de Feijoo e Abascal non se está agachando: canto peor, mellor. Se nos vindeiros meses chegan a gobernar teremos a proba do nove das falacias e das demagoxias que agora están exhibindo. Daquela, farán o que lle indiquen dende Washington e dende Tel Aviv e dirán que a Monarquía de Rabat debe ser respectada e apoiada.