Maxistrado Dimitrov

Se un maxistrado da vella escola escoita o nome de Georgi Dimitrov pensará que falamos dun ximnasta olímpico dos anos oitenta. Se lle indicamos que foi un histórico dirixente comunista, cando menos, cambiaralle a faciana. O certo é que Georgi Dimitrov, secretario da Internacional Comunista de 1934 a 1943, foi o pai da idea das frontes populares, bloques obreiros para loitar contra o fascismo, sexa cal fora o seu partido ou organización.

Georgi Dimitrov, secretario da Internacional Comunista de 1934 a 1943, foi o pai da idea das frontes populares, bloques obreiros para loitar contra o fascismo

Oitenta anos despois, a idea da fronte popular, de xeito inconsciente, e provocada polo abuso de poder do aparato neoliberal dos mercados e os seus servos políticos, volve tomar forma. A sociedade parece espertar paseniñamente do letargo alentado polo bipartidismo estatal. O escepticismo cara a uns partidos políticos sen trasfondo ideolóxico rozaba, sen sabelo, o falanxismo de Primo de Rivera.

Reitores e profesores asociados, médicos e celadores, xuíces e funcionarios administrativos vense na rúa, comparten camiseta reivindicativa, elaboran manifestos conxuntos, convocan asembleas conxuntas e apostan por unha rebelión cívica.

O mérito histórico deste goberno vai ser a ruptura da rixidez nas estruturas sociais, a articulación de frontes cun fin común

O mérito histórico deste goberno vai ser a ruptura da rixidez nas estruturas sociais, a articulación de frontes cun fin común: frear o retroceso democrático e derrubar o goberno liquidador do público. Así, a modo de  exemplo,  este sábado en Madrid, avogados, xuíces e funcionarios de xustiza de todo o estado compartiron pancarta contra as taxas xudiciais e as medidas privatizadoras do ministro Gallardón.

Dous persoeiros destacan por enriba de todos nesta arroutada antisocial: Wert e Gallardón. Medidas contra o pobo, vaidade infinita, declaracións incendiarias xunto con represión de calquera voz altisonante forman parte do cóctel explosivo que lanzan contra á sociedade. Ante a inacción dunha oposición endeble, a verticalidade e xerarquía sociais deixan de ter vixencia, a conciencia de grupo cobra valor e a idea de unión fronte ao opresor toma forma e evoluciona cara a  creación de plataformas e accións unitarias. A cidadanía comeza a perder medo fronte a ameaza das hordas financeiras, a intervención, o rescate, o cataclismo definitivo. Non se sinte responsable dunha débeda ilexítima, e aínda menos cando a corrupción é o pan de cada día. Os Bárcenas e Durán minan a confianza política, e esporean as reivindicacións.

Rota a verticalidade, cómpre agora rachar co corporativismo

Rota a verticalidade, cómpre agora rachar co corporativismo. Cada día vemos puntos de lume en diversos sectores, a educación, a xustiza, as preferentes, a sanidade, etc. Os afectados saen a rúa en demanda das súas propias reivindicacións. Ante o ataque inédito do capital a través dos monicreques políticos, a resposta debe ser unitaria e frontista. As fronteiras horizontais deben quedar superadas: que un maxistrado saia en defensa da sanidade pública xunto a un celador, que o médico reivindique nunha concentración a revalorización das pensións, profesores e obreiros xuntos en defensa do sector naval.

A inacción da maioría só pode morrer coa morte do sectarismo, a apertura máis alá de siglas, cores ou bandos, a cohesión ao redor dunha soa idea: a defensa dos dereitos sociais dos cidadáns

Dicía o sibilino Wert, en ton provocador, que se quere gañar nas rúas o que se perdeu nas urnas. Non é gañar. É defender a democracia social en contraposición a ditadura financeira, é cuestión de non deixar escapar máis dereitos socias como globos fuxidos do posto dunha feira. E só a unión sen prexuízos pode activar á sociedade. O 28 de decembro participamos nunha manifestación en Ferrol contra os desafiuzamentos. Mentres centenares de persoas percorríamos a rúa reivindicando un cambio lexislativo, víamos como miles permanecían impasibles facendo as súas compras de Nadal. A inacción da maioría só pode morrer coa morte do sectarismo, a apertura máis alá de siglas, cores ou bandos, a cohesión ao redor dunha soa idea: a defensa dos dereitos sociais dos cidadáns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.