Medo ao reintegracionismo?

O pobo abandona o galego, e isto semella por momentos unha realidade inexorábel. Despois da noite escura da ditadura, nos seguintes trinta anos foron criadas institucións, televisións, radios, ensino en galego e, para favorecer o desenvolvemento dunha modesta mais verdadeira industria cultural, deixouse de lado a sempiterna discusión sobre a norma escrita. Deixouse caer para o lado menos atrevido: tratábase de conservar a pouca normalidade que o galego podía ofrecer mostrándose como, non sen algunhas variacións, se tiña publicado na maioría da produción bibliográfica e académica dos anos anteriores. Mudar de forma taxativa a lingua mediante a recuperación dunha grafía histórica na actualidade vinculada a un idioma estranxeiro, era ousadía que só un grupo de arroutados mozos e un par de vellos tolos eran capaces de propor.

Mudar de forma taxativa a lingua mediante a recuperación dunha grafía histórica na actualidade vinculada a un idioma estranxeiro, era ousadía que só un grupo de arroutados mozos e un par de vellos tolos eran capaces de propor

Ao mesmo tempo, existían beneficios evidentes para un alto o fogo normativo: a industria cultural podería desenvolverse e a intelectualidade máis ousada podería traballar desfrutando dunha certa normalidade que a todos había beneficiar. E existindo esta normalidade, aos poucos o pobo había de ir perdendo os prexuízos lingüísticos e pasaría a valorizar unha lingua propia que así iría perdendo o estigma milenario que a condenaba ao abandono dos fillos que durante séculos amamentou. Para rubricar o conto, unha Lei de Normalización Lingüística saíu do mandil da dereita posfranquista, como un compromiso firme dos poderes fácticos co xogo limpo da democracia.

Ao mesmo tempo, existían beneficios evidentes para un alto o fogo normativo: a industria cultural podería desenvolverse e a intelectualidade máis ousada podería traballar desfrutando dunha certa normalidade que a todos había beneficiar

Mais que aconteceu? Por que agora o mandil da avoa non nos agarda cos doces de sempre, senón que semella parte do disfrace do lobo feroz? Por que unha política lingüística que ergueu espazos en galego nos medios de comunicación e no ensino e axudou á consolidación dunha humilde industria cultural agora acaba voando polos aires como a casa de palla do porquiño máis confiado? Porque desde os anos setenta, en que o precario desenvolvemento industrial que nos cabía recibir no noroeste peninsular, o pobo non deixara de entender o traballo no rural como o máis escravo.

Ninguén, en ningunha aldea debeu nunca conscientemente considerar a lingua das galegas un dialecto, estas foron sempre discusións terminolóxicas académicas. Simplemente a aldea era o foco de traballo máis precario, da miseria laboral máis evidente: sen horario, con bosta de vaca permanente nos pantalóns, escasas lámpadas no longo inverno e menos calefacción... Cinema? Piscina? Xoguetes na estantería do cuarto infantil? Non, queridos, só os curmáns da cidade desfrutaban destas melloras que aos aldeáns maravillaban cando os familiares urbanitas facían a visita pola festa. A lingua nunca foi tal, e portanto non foi desprezada por ninguén, do mesmo modo que os negros non eran individuos desprezados cando eran considerados basicamente animais. Deste modo tan simple, o galego, o hórreo, o carro das vacas e as picarañas para retirar o esterco foron deixando de ser ferramentas necesarias para as novas xeracións. Sen desprezos, sen insultos, sen atentados contra a tradición, só por pragmatismo.

Resulta evidente, queiramos ou non, que as estratexias de normalización lingüística dos últimos corenta anos non funcionaron como se agardaba, no que di respecto da recuperación de falantes

Visto este panorama, resulta evidente, queiramos ou non, que as estratexias de normalización lingüística dos últimos corenta anos non funcionaron como se agardaba, no que di respecto da recuperación de falantes. Podemos exceptuar do fracaso a revitalización cultural que no ámbito intelectual, académico e creativo aconteceu até 2009, data en que a actual política nacional-católica española retoma o poder. Foi un florecemento tolerado pola vella dereita e promovido con relativo éxito por un goberno en coalición de centro-esquerda, froito maduro das décadas en que o asociacionismo e as institucións culturais foron criando un caldo de cultivo que agora as políticas reaccionarias deixan ficar no lume sen reporlle o líquido que lle fai falta. Nun contexto en que o máis depredador capitalismo occidental ten que facer fronte á concorrencia oriental, as medidas económicas xerais implican restricións que anulan os focos das disidencias. E aquí se sitúan a práctica totalidade dos galeguismos.

O reintegracionismo nestes tempos madureceu, consolidouse e tenta vías institucionais que de facto supoñan firmes pontes cunha lusofonía que é urxente aproveitar

E nós, neste deplorábel marco de inanición humanista, semella que voltamos ao conflito das normativas. O reintegracionismo nestes tempos madureceu, consolidouse e tenta vías institucionais que de facto supoñan firmes pontes cunha lusofonía que é urxente aproveitar. Neste sentido, a recente "toma en consideración por unanimidade no Parlamento da proposta para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía" supón o camiño aberto para unha necesidade perentoria, nunha época en que todos os recursos dispoñíbeis deben ser aproveitados para a nosa supervivencia como individuos e como país. Na área da literatura, o éxito de visibilización internacional que para os autores galegos está a lograr o proxecto O Crânio de Castelao - Romance em Folhetim, promovido por Carlos Quiroga, é máis un motivo de alegría. Por iso os ataques frontais ao reintegracionismo de Xina Vega, compañeira dunha Asociación de Escritoras que cada ano propón o profesor Ricardo Carvalho Calero para o Día das Letras, profesora de grande valía e escritora de mérito incontestábel, resultan especialmente estraños.

Os ataques frontais ao reintegracionismo de Xina Vega, profesora de grande valía e escritora de mérito incontestábel, resultan especialmente estrañas

Foi através dunha intervención titulada "Paciencia ou armas" no xa imprescindíbel programa Disimulen, o espazo radiofónico de Iago Martínez en Cuac FM, que Xina argumentou que o reintegracionismo na actualidade "ondea como salvación, como pureza" cando para ela é un discurso cativo e de poucas voces que actualmente colle folgos "contribuíndo á esgazadura. Porque, en termos de identidade, en termos de relación íntima e veraz coa lingua, esta opción continúa a parecerme unha gran impostura. Habitar unha lingua non ligada á experiencia concreta, optar por un patrón modelado por un ideal abstracto significa asumir unha posición forzada, unha violencia continua sobre a pulsión afectiva e, tamén, intelectual ligada á fala, esa que nos constrúe e que constitúe a nosa casa".

Eu non sei onde está a impostura cando se pasa a escribir a mesma lingua con outra grafía, mesmo se fose o cirílico, se isto é froito dunha decisión tomada desde o corazón, aquel que nos indica cal é o mellor camiño para nós e para aqueles que amamos; tampouco entendo por que escribir o galego segundo a nosa máis antiga tradición e segundo unha opción de tanto potencial económico para o presente e para o futuro, ten que resultar "un ideal abstracto", algo incompatíbel cunha "experiencia concreta". Podo garantir que durante anos experimentei a escrita do galego dese modo e que nada me impediu incluír todos os localismos, modismos e vocábulos familiares das varias aldeas da miña familia; aínda máis, todo ficaba pulcra e etimoloxicamente grafado.

A mudanza de grafía non ten por que alterar a fala, nin a pronuncia nin moitas outras peculiaridades que o galego de aquén Miño conservou até hoxe, así como tampouco ten que levar necesariamente a "controlar un mundo que, necesariamente, se lle escapa"

Onde leva razón é na dificultade que implica comezar a escribir de modo correcto cunha ortografía nova, cando os recursos que utilizabamos no discurso fluído do "galego de sempre" subitamente se tornan sospeitosos de castelanismo, e a cada liña nos vemos obrigados a investigar se algunha nova expresión portuguesa é máis galega e oportuna que aquela que durante tantos anos demos por boa. Si, é certo, un esforzo como este fainos escribir nunha "posición forzada, unha violencia continua sobre a pulsión afectiva", mais é errado que a experiencia estea "ligada á fala, esa que nos constrúe e que constitúe a nosa casa". A mudanza de grafía non ten por que alterar a fala, nin a pronuncia nin moitas outras peculiaridades que o galego de aquén Miño conservou até hoxe, así como tampouco ten que levar necesariamente a "controlar un mundo que, necesariamente, se lle escapa".

Estas dificultades non se dan a causa dos reintegracionistas existiren, nin dunha súa vontade de "esgazadura", son froito da realidade lingüística que temos e da súa historia, e das nosas decisións dependerá o seu futuro

Falamos en termos de grafías e de recuperación ou asunción de léxico e estruturas de orixe galega que eviten a permanente inoculación do castelán, non de prescindir do mundo que xa consideramos noso. Isto último que Xina Vega conta non ten a ver, na miña opinión, coa lingua en termos xerais, senón coa súa facilidade ou dificultade para asumir mudanzas de escrita que ninguén debe esixirlle. Estas dificultades non se dan a causa dos reintegracionistas existiren, nin dunha súa vontade de "esgazadura", son froito da realidade lingüística que temos e da súa historia, e das nosas decisións dependerá o seu futuro.

Teño para min que a recente revelación do compromiso lusista de Teresa Moure foi algo que impactou a non pouca xente. Gozou de grande visibilidade debido ao grande recoñecemento intelectual da escritora, mais se cadra a desatención que padecen por este mesmo motivo tantas, non tan poucas, usuarias e usuarios, artistas ou non, de normativas diversas da oficial, non lle parece relevante a quen manifesta abertamente o seu antilusismo. Pois a min todo o esforzo por facer cultura en galego paréceme digno de consideración, e non creo que ninguén o realice por impostura. Todo o contrario, por certo, do que acontece nos premios literarios en galego, nos que nalgunhas ocasións resultan premiadas persoas que con moita dificultade se expresan na lingua a que obriga o premio. A facilidade dunha tradución caseira desde o castelán e unha boa cantidade de cartos son tentación sobrada para os avariciosos, é evidente.

A recente revelación do compromiso lusista de Teresa Moure foi algo que impactou a non pouca xente. Gozou de grande visibilidade debido ao grande recoñecemento intelectual da escritora

Por outra parte, Xina Vega valoriza, frente a unha actitude reintegracionista caracterizada por unha "teima epifánica", unha "vontade de redención colectiva", unha "obsesión coa pureza da lingua" e unha excesiva "moralidade dos textos", unha outra "maneira radicalmente diferente de relación co idioma" representada por xeracións novas que se mostran liberadas "das ríxidas pantasmas de patria e de fronteira", "xente que escribe xa asumindo a confusión e a indefinición como parte da propia identidade. Un modo líquido de estares no mundo, unha asunción do hibridismo, das tensións reais que nos configuran. Pois ou transnacional, mestizo, pero non inocuamente cosmopolita, ese parece ser o futuro que peta ás portas".

Eu comprendo que algunhas cuestións políticas resultan pesadas cando aparecen constantemente, mais continúo sen ver como a cuestión da grafía, que non é máis que un modo de mostrar ao mundo a lingua galega, inflúe nos contidos dos textos. Eu mesmo, cando de ben novo escribía exclusivamente na norma de Lisboa, aborrecía con todas as miñas forzas a poesía política. E nunca tiven, teño que admitilo, ningunha vontade de redención, ou non maior da que se lle pode atribuír a calquera escritor galego. Ao mesmo tempo, haberemos de admitir que a normativa que máis marcada está pola fronteira é a norma oficial, dado que é tal e ten a forma que ten precisamente polo fronteira que separa no noso sul España de Portugal. E que nada hai para un galego máis transnacional, nin máis transfonteirizo que unha hipotética relación coa vasta lusofonía, onde mesmo no máis exótico e recóndito país podes atopar unha alucinante palabra que só lle escoitabas a túa avoa.

Nada hai para un galego máis transnacional, nin máis transfonteirizo que unha hipotética relación coa vasta lusofonía, onde mesmo no máis exótico e recóndito país podes atopar unha alucinante palabra que só lle escoitabas a túa avoa

Podemos apoiar, como Xina Vega, actitudes artísticas que asuman "a confusión e a indefinición como parte da propia identidade, un modo líquido de estares no mundo", mais non por iso temos dereito a censurar outras actitudes igualmente lícitas. Disolver a galeguidade no magma uniforme do discurso mercantilista ou deixarse levar polas modas efémeras pode axudarnos hoxe a visibilizarnos no mercado do bestseller, mais dubido que a falta dunha personalidade propia nos permita ter unha cultura con futuro. E esta só se consegue perscrutando no propio, sobre todo cando temos tanto noso por descubrir. E non falo só do pasado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.