Meirás: retrato dun país con pazo ao fondo

A transición política española pasa por ser modélica. Pero, igual que nos casos, por exemplo, da antiga Rodesia ou do Uruguai, apenas se menciona cando se trata da xustiza transicional, porque aquí decidimos acalar a memoria e evitar a reparación das atrocidades cometidas durante a ditadura. Este acordo, cuxas terríbeis consecuencias chegan até os nosos días, ten unha explicación: permitimos o aberrante transvasamento de elites entre a ditadura e a democracia.

A rebelión de xullo de 1936 contra a República trouxo consigo unha guerra, un xenocidio e mais unha ditadura. A represión desatada contra os perdedores –incluídos os militares que honraron o seu uniforme– foi brutal. Ademais, os vencedores lanzáronse decontado sobre o botín. En 1938, os dirixentes golpistas da provincia da Coruña –afeitos a empregar a violencia para conseguir os seus obxectivos delituosos– simularon unha subscrición popular voluntaria para integrar o pazo de Meirás, mediante unha doazón, no patrimonio privado de Franco. En 1941 asinouse un contrato de compravenda, ficticio e fraudulento, para evitar que o inmóbel saqueado se incorporase ao Patrimonio Nacional español en virtude do previsto na correspondente lei de 1940.

Hoxe, o pazo segue nas mans dos descendentes do ditador. En 2008 foi declarado ben de interese cultural polo Goberno Galego; unha maneira indigna de adiar unha solución xusta a un espolio. A Fundación Nacional Francisco Franco (imaxínese unha Adolf-Hitler-Stiftung en Alemaña!) encárgase de implementar a obriga de organizar visitas do público ao pazo e aproveita para darlles un formato haxiográfico e apoloxético. Agora hai unha demanda xeneralizada de que o pazo sexa de titularidade pública, así que os netos do ditador, herdeiros dunha incalculábel fortuna usurpada á cidadanía, decidiron vendelo.

Esta historia revela a miseria moral dos Franco, que intentan vender un ben ilicitamente apropiado para despachar o espiñento asunto da herdanza recibida de quen foi un traidor ao seu país, un criminal de guerra e un dos déspotas máis sanguinarios e corruptos do século XX

A Xunta, que ten un dereito de tanteo e retracto sobre o inmóbel en virtude do previsto na Lei do patrimonio cultural de Galiza, non pensa custear a integración do pazo no patrimonio público, nin adquiríndoo, nin expropiándoo. Sería tanto como pagar dúas veces por el, en 1938 e de novo agora. A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás acaba de indicar a vía a seguir, que é a civil. O contrato simulado asinado en 1941 é nulo de pleno dereito e, en consecuencia, o pazo é un ben público desde 1938, cando lle foi doado á xefatura do Estado. Polo tanto, a Deputación da Coruña vai instar o Patrimonio Nacional a pór en marcha o proceso.

Esta historia revela a miseria moral dos Franco, que intentan vender un ben ilicitamente apropiado para despachar o espiñento asunto da herdanza recibida de quen foi un traidor ao seu país, un criminal de guerra e un dos déspotas máis sanguinarios e corruptos do século XX. Nada disto se explica sen ter en conta o pervertido sentido da xustiza desta familia insaciábel e caprichosa. Pero esa xustiza, lembrémolo, é precisamente a que durante a transición política decidimos non impartir. Os Franco –e quen os apoia– non merecen respecto. Pero os demócratas tampouco podemos colgarnos medallas. Acreditamos firmemente a nosa falta de coraxe cívica e a nosa irresponsabilidade. A nosa covardía si que foi, sen dúbida, modélica.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.