Memoria e Plan Renove

Era un Ford V8 Coupé branco e estaba de moda porque era temido. Cando cruzaba a rúa principal o seu tubo de escape cuspía cloroformo. O tempo caía redondo. Tan só os nenos que xogaban sobre o adoquinado subíanse ás beirarrúas para saudar ao condutor. Nunca foron correspondidos. Mellor así. Había dous automóbiles aos que os nenos acollían con bulicio: a camioneta que traía as novas putas ao barrio –sempre acompañada de buguina e meneo- e aquel coche branco con silenciador. Os homes aplaudían á camioneta pero, en troques,  paralizábanse ante o ralentí do Ford. As mulleres vixiaban aos dous coa mesma insistencia.

Un día o Ford aparcou. Dous mandados descabalgaron e a brillantina dos seus peiteados absorbeu todo o sol inxusto. A rúa xemiu e calou, menos os nenos. O seguinte foi un portazo e un mangado de berros. Cando aqueles dous homes rexos o meteron no coche, ela xogaba sobre o adoquinado. Como sempre, saudou a aquel automóbil branco pero desta volta foi diferente: un xesto familiar devolveulle o saúdo dende dentro. Era unha man coñecida pegada á ventaniña traseira, coma unha ventosa. Levaban ao seu pai. Movíase todo a cámara lenta.

Dende aquel 6 de agosto de 1936 a filla segue a ter o recordo intacto daquel intre. Por iso o pasado domingo, cando escoitou a un líder político da dereita dicir que non se pode revolver no pasado, pousou o café e suspirou. Ela está de acordo con iso de que a xente non está para estas cousas – sofre por un par de fillos no paro- pero ten o pasado tan presente, tan restados os anos deconstruídos e tan sumados os diálogos negados co seu pai que, para ela, o off do mando a distancia é coma un botón para autosubministrarse epidural.

Recuperou o café para afirmar que a dereita española é a que ten o perfil democrático máis baixo de toda Europa. E todo parecía indicar que non estaba a falar dos residuos tóxicos do falanxismo que aínda malferven, senón dun Partido Popular que gobernou e goberna con respectables e lexítimas maiorías absolutas. Un PP poderoso, cunha estrutura de comunicación moderna e eficaz, e autoproclamado de centrodereita, pero que segue atrincheirado para non ter que baixarse da España pola que unha parte dos seus compoñentes brindou nas sobremesas familiares. Para ironizar, falou dunha especie de Plan Renove; “uns por outros, en fin…”, deixou caer.

Ás veces semella que os líderes do PP non terían ningún problema en calzarse o pano dunha nai da Praza de Maio en Bos Aires; de visitar un campo de concentración nazi en algún homenaxe aos xudeus caídos no holocausto,  pero si a condenar os asasinatos xestados pola nosa ditadura. Tan castiza y tan nuestra; de suecas y Marisol. E non estaba a falar da Guerra Civil “na que morreron dos dous bandos, porque unha guerra é unha guerra e non unha exhibición de Kung-Fú o día de fin de curso”. Falaba dos 40 anos de ostracismo posteriores; dos asasinatos, da represión e das torturas que se levaron a cabo ata que o último goteiro de antibiótico do franquismo se esgotou e que calquera persoa de ben debería condenar sen miramentos. “É unha cuestión de humanidade, seica”, calibrou.

É incorrecto utilizar o verbo “reabrir” cando alguén fala de memoria histórica. Non se reabre o que non está pechado. Na memoria todo se conecta, precisamente, para procurar que o pasado siga aquí, neste caso prolongándolle a ansia de xustiza a unha piba de 89 que algunha vez foi o futuro da patria do aceite de ricino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.